DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Venres, 02 de xaneiro de 2004 Páx. 16

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 22 de decembro de 2003 pola que se convocan axudas en materia das tecnoloxías da información e as comunicacións, en réxime de concorrencia competitiva, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, de acordo coas bases reguladoras establecidas na Orde do 11 de marzo de 2002 (Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo).

Na orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, publicada no DOG nº 55, do 18 de marzo de 2002, fixábanse os criterios básicos da súa política de fomento de acordo coa previsión efectuada no artigo 4 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre os programas de incentivos recollidos na citada orde figura no punto 7 do artigo 1 o de Axudas en materia de tecnoloxías da información e comunicacións, desenvolvido no anexo VII desta.

O contido desta orde axústase ó establecido polo Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia e financiarase con participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e, en consecuencia, a súa tramitación quedará condicionada ó cumprimento do sinalado na normativa da Unión Europea.

En consecuencia e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas para o ano 2004, en réxime de concorrencia competitiva para a incentivación de actuacións no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), para o desenvolvemento de aplicacións e servicios relacionados coa integración das tecnoloxías da información e as comunicacións no mundo da empresa, para a incentivación da realización de diagnósticos, para a implantación de ferramentas de transacción electrónica no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, para a posta en marcha de novos servicios e aplicacións TIC accesibles para empresas, e para a innovación dos sistemas de información das factorías de software, conducentes á mellora da competitividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co que se dispón no anexo VII da Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía

e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, publicada no DOG nº 55, do 18 de marzo de 2002.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Para a concesión das axudas, propias das actuacións que se convocan, destinaranse os créditos globais correspondentes ás aplicacións orzamentarias que se mencionan, coa seguinte distribución:

AplicaciónDenominaciónAno 2004

(euros)

Ano 2005

(euros)

08.03.712-B.773.0Empresas privadas; Potenciación acceso empresarial á sociedade da información500.000350.000

08.03.712-V.773.0Empresas privadas; Potenciación acceso empresarial á sociedade da información1.000.000700.000

08.03.712-B.773.1Desenvolvemento da sociedade da información500.000350.000

TOTAL2.000.0001.400.000

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

O gasto que se proxecta tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio para 2004 de acordo co disposto no artigo 3 número 3º, in fine da Orde do 27 de novembro de 2000 pola que se modifica a Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

As actuacións subvencionables obxecto da presente orde estructúranse en dúas liñas de actuación definidas en función das condicións dos solicitantes das axudas, e para os efectos sobre o seu contorno económico. A primeira destas liñas está dedicada ás empresas en xeral, e a segunda ás empresas específicas do sector das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC).

a) Liña dedicada ás empresas en xeral.

Financiaranse actuacións destinadas a conseguir un mellor aproveitamento da información interna que manexan as empresas, e a súa estructuración de acordo cos requisitos técnicos e legais, de xeito que teñan maiores facilidades de interconexión electrónica coas empresas do seu contorno.

Terán carácter subvencionable os proxectos encadrables nalgún dos seguintes tipos de actuación:

a.1) Consultoría tecnolóxica dentro da empresa.

Actuacións recollidas: consultoría para a adaptación das empresas ós requisitos legais e técnicos relacionados coa sociedade da información, entre eles, especialmente, a adaptación á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD) e á Lei 34/2002, de servicios da sociedade da información e do comercio electrónico (LSSI). Considérase a contratación de servicios de consultoría tecnolóxica e legal, que realice unha empresa externa, sobre os sistemas de información do solicitante.

Estas actuacións deberán concretarse na elaboración dun plan ou documento de seguridade, documento de auditoría ou documentación análoga específica sobre os sistemas de información do solicitante.

Investimentos subvencionables: consideraranse susceptibles de axuda os investimentos referentes ós servicios externos de consultoría contratada. Non se considerarán incluídos investimentos en equipos, licencias software ou gastos de persoal propio.

a.2) Contratación externa de desenvolvementos no sistema de información do solicitante.

Actuacións recollidas: consideraranse os proxectos que permitan unha mellor integración e aproveitamento da información existente dentro da empresa solicitante, salvagarda e seguridade da información e a preparación técnica e legal para a interrelación desa información coa doutras empresas do seu contorno. Estes proxectos deberán desenvolver dispositivos, servicios telemáticos ou aplicacións de tecnoloxías da información e as comunicacións, no ámbito de actuación do solicitante.

Terán cabida preferentemente sistemas e programas informáticos aplicados de xestión da producción, xestión de almacén ou recursos, acceso a información mediante sistemas de mobilidade dentro da empresa, sistemas de almacenamento e seguridade da información, e investimentos derivados da adaptación ós requisitos legais relacionados coa sociedade da información.

Estas actuacións estarán dedicadas ós sistemas centrais ou de soporte das aplicacións e servicios, non considerándose investimentos en elementos terminais ou periféricos de usuario.

Investimentos subvencionables: equipos, aplicacións, licencias informáticas e servicios externos, subministrados ou realizados por empresas do sector das TIC con domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, xustificables e imputables á actividade de desenvolvemento contratada.

a.3) Implantación do comercio electrónico entre empresas, B2B:

Actuacións recollidas: considerarase a instalación de aplicacións informáticas (software) que faciliten as transaccións electrónicas de productos ou servicios entre o solicitante e outras empresas, é dicir, a realización de comercio electrónico de «empresa a empresa» (en inglés Business to Business ou B2B).

Estes proxectos poderán achegar solucións ás empresas que veñen realizando transaccións por medios convencionais e desexan automatizar ou axilizar estas transaccións a través de medios electrónicos.

Terán cabida proxectos de acceso remoto a catálogos e tarifas personalizadas, xestión de existencias, xestión de pedimentos, interacción co proceso productivo, trazabilidade, reposición automática, loxística e xestión de prazos de entrega, históricos por productos, facturación e albarás electrónicos, etc., non sendo imprescindible incluír sistemas de pagamento electrónico.

Non serán subvencionables aquelas aplicacións de carácter exclusivamente informativo, de recompilación ou oferta de información, se non levan aparellada a posibilidade de realización de transaccións económicas propias das empresas participantes. Tampouco serán subvencionables as aplicacións destinadas ó comercio electrónico co consumidor final, coñecido como comercio electrónico da «empresa ó consumidor» (en inglés Business to Consumer ou B2C).

Investimentos subvencionables: consideraranse investimentos subvencionables os realizados na adquisición ou licencia de ferramentas software, sistemas de protección e control de acceso (chamados firewalls), cursos de formación específica e instalación e posta en funcionamento das aplicacións, sempre referido ó ámbito das transaccións electrónicas. Non se considerarán incluídas outras ferramentas hardware, persoal propio, ou conceptos tales como cotas de conexión, mantemento ou hospedaxe.

b) Liña dedicada as empresas especificas do sector das TIC.

Recóllense actuacións dedicadas ás necesidades específicas das empresas que teñen a súa actividade empresarial e obxecto do seu negocio especificamente no sector das TIC, entendéndose por tal toda a actividade económica relacionada coa electrónica, a informática, o tratamento da información, as telecomunicacións, os contidos multimedia ou de servicios de valor engadido sobre os anteriores.

Terán carácter subvencionable os proxectos encadrados nalgún dos seguintes tipos de actuación.

b.1) Desenvolvemento propio de novos productos TIC.

Actuacións recollidas: consideraranse os proxectos orientados á xeración e oferta ó mercado de novos productos ou servicios que desenvolverá o solicitante.

A actuación deberá sustentarse na descrición que faga o solicitante, na medida dos seus coñecementos e capacidade, sobre a situación de productos similares ou próximos no mercado, identificación dos seus competidores, clientes reais e potenciais, prezo de venda estimado do seu novo producto, e o seu plan de negocio.

Terán cabida os proxectos que teñan por obxecto o desenvolvemento de dispositivos, servicios, pro

gramas ou aplicacións das tecnoloxías da información e as comunicacións, que ofrezan novas funcionalidades non existentes nas solucións de mercado actualmente dispoñibles.

Poderán ser consideradas novas versións ou evolucións de productos anteriores xa desenvolvidos polo solicitante, debéndose acredita-las funcionalidades existentes no producto actual, e a evolución e mellora que se pretende acadar.

Investimentos subvencionables: consideraranse investimentos subvencionables os referentes ós equipos e aplicacións, formación específica, custo do persoal técnico propio con dedicación ó proxecto e colaboracións externas singulares, xustificables e imputables á actividade de desenvolvemento. Non se considerarán custos de persoal directivo, xerencial ou de administración aínda que dediquen parte do seu tempo a estas actividades, nin conceptos tales como cotas de conexión ou mantemento.

b.2) Plataformas de prestación de servicios electrónicos para empresas.

Actuacións recollidas: considerarase a realización de proxectos que teñan por obxecto a oferta e prestación de servicios electrónicos non gratuítos para terceiras persoas. Estes servicios estarán baseados nas redes de telecomunicación existentes, especialmente as relacionadas cos protocolos da Internet.

Poderán ter cabida aplicacións de seguridade xestionada, contornos de almacenamento remoto de datos, plataformas ERP de xestión compartida para empresas, servicios de teleformación, servicios ASP, plataformas de servicios de comercio electrónico B2B ou B2C, e aquelas outras aplicacións e servicios para empresas que supoñan unha mellora tecnolóxica e un avance da sociedade da información.

A prestación destes servicios a terceiros deberá supór unha actividade económica para o prestador e deberá desenvolverse conforme a Lei 34/2002, do 23 de xullo, de servicios da sociedade da información e do comercio electrónico.

Investimentos subvencionables: considéranse investimentos subvencionables os referentes ós equipos servidores de aplicacións, os sistemas de telecomunicación e almacenamento, as ferramentas software necesarias para o funcionamento dos servicios e aplicacións, e aqueles conceptos imputables á instalación destes. Non se consideran gastos de persoal propio, nin custos de operación ou mantemento da plataforma.

b.3) Investimentos en empresas que producen programas informáticos.

Actuacións recollidas: considerarase a realización de investimentos que teñan por obxecto a innovación e mellora nos sistemas de información que faciliten

o desenvolvemento de novas empresas, centros productivos ou novas liñas de producto relacionadas coa creación de software (programas informáticos).

Estes investimentos dedicaranse a incrementa-la capacidade de desenvolvemento de software do solicitante sen que teñan que encadrarse necesariamente no desenvolvemento dun producto concreto.

Investimentos subvencionables: neste caso, consideraranse investimentos subvencionables os referentes á adquisición de equipos informáticos de proceso e servidores de aplicacións, ferramentas software, cursos de formación ou sistemas de telecomunicación, especificamente dedicados e necesarios para o tratamento, edición, compilación, almacenamento, mantemento e/ou comunicación da información asociada á creación de programas.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

As axudas poderán acadar, con carácter xeral, unha contía máxima do 40% do investimento subvencionable para cada proxecto.

Ademais, as actuacións recollidas no punto a.1) do artigo 3º terán un limite máximo de subvención de 5.000 euros por proxecto.

Para os proxectos que se desenvolvan nas áreas prioritarias determinadas no Plan de Dinamización Económica (PDE) da Xunta de Galicia, que se relacionan na disposición adicional, e sempre que solicitaran a porcentaxe máxima de subvención prevista con carácter xeral nesta orde, as axudas poderán incrementarse ata 10 puntos porcentuais, agás no caso das actuacións recollidas no punto a.1) do artigo 3º, en que se poderán incrementar ata 30 puntos porcentuais mantendo o límite de 5.000 euros.

Artigo 5º.-Ámbito temporal e actuacións plurianuais.

Á presente orde poderán acollerse as actuacións establecidas no seu artigo 3º, sempre que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2004 e a data de xustificación do investimento recollida no artigo 12º desta orde.

Excepcionalmente poderán concederse subvencións plurianuais que exceden o exercicio 2004, establecendo os correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, tendo que aterse ó disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro.

Para as actuacións plurianuais entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación do exercicio corrente

ata o final de ano corresponderán á anualidade seguinte e, polo tanto, poderanse presentar como xustificantes para o cobramento da devandita anualidade.

Artigo 6º.-Obtención dos formularios normalizados de solicitude.

Os formularios de solicitude das axudas seguirán os modelos normalizados que figuran, a título exclusivamente informativo, como anexos I, II e III desta orde. Os devanditos formularios cubriraos e obteraos necesariamente o solicitante a través da aplicación informática establecida no enderezo da Internet http://www.xunta.es/conselle/in/index.htm da Xunta de Galicia.

Para a correcta formalización dos formularios de solicitude, no citado enderezo da Internet disporase de instruccións de axuda que deberán ser observadas polos solicitantes.

Poderanse cubrir e obte-los formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Cada solicitude unicamente poderá referirse a unha das modalidades de actuacións subvencionables recollidas no artigo 3º.

No caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, a través do teléfono 981 54 43 72, do número de fax 981 54 47 06 ou do enderezo de correo electrónico axudas.tecnoloxía.2004*xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilita-la presentación por escrito de solicitudes.

Artigo 7º.-Documentación.

Os solicitantes deberán dispor da seguinte documentación, para a súa presentación tal como establece o artigo seguinte:

1. Formularios normalizados de solicitude obtidos a través da aplicación informática sinalada no artigo anterior. Estes formularios asinaranse sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscaduras no seu formato orixinal.

2. Documentación técnica relativa ó proxecto:

Memoria explicativa na que se considerarán os seguintes elementos que serán obxecto de valoración competitiva conxunta:

-Historial da empresa.

-Experiencia na realización de proxectos similares nos dous últimos anos.

-Obxectivo do proxecto e novidade do investimento.

-Calendario de execución do proxecto.

-Recursos financeiros e materiais dedicados ó proxecto.

-Recursos humanos do solicitante dedicados ó proxecto, indicando categoría laboral, fomación técnica, función que se vaia desenvolver e tempo dedicado ó proxecto.

-Copia dos orzamentos e ofertas desagregadas de cada un dos provedores recollidos na solicitude.

-Calquera outro documento referente ó alcance das actuación recollidas no artigo 3º e que se considere conveniente achegar para mellora-la valoración da solicitude.

Co obxecto de garanti-la igualdade nun procedemento en concorrencia competitiva entre os proxectos presentados dentro do prazo establecido na convocatoria, non se procederá á tramitación daquelas solicitudes que non veñan xunto coa memoria explicativa do proxecto para o que se solicita a axuda. Esta memoria non será obxecto de emenda ou posterior mellora da documentación que conteña.

3. Documentación xurídico-administrativa:

3.1. CIF da empresa ou NIF no caso de empresario individual.

3.2. Documento público acreditativo do poder de representación co que actúa/n o/s solicitante/s.

3.3. Fotocopia do DNI do/s representante/s.

3.4. No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da devandita exención.

3.5. No caso de solicitudes para as actuacións recollidas na letra a) do artigo 3º, deberase incluír acreditación da empresa ou entidade externa que realizará os traballos (declaración onde conste transcrición literal do obxecto social do provedor, persoal e centros de traballo na Comunidade Autónoma, e traballos realizados nos dous últimos anos en relación coas devanditas actuacións).

3.6. No caso de solicitudes para as actuacións recollidas na letra b) do artigo 3º, as empresas achegarán acreditación do obxecto social mediante escritura de constitución.

3.7. No caso de solicitudes para as actuacións recollidas na letra b) do artigo 3º no seu punto b.2), achegarase, á parte da documentación anterior, acreditación de ser prestador de servicios conforme a Lei 34/2002, do 23 de xullo, de servicios da sociedade da información e do comercio electrónico.

De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións

públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presenta-la documentación que xa se atope en poder desta consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios de solicitude o procedemento administrativo para o que foron presentados.

No suposto de imposibilidade material de obte-la documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderalle requirir ó solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 8º.-Presentación de solicitudes e documentación.

O prazo de presentación será desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 3 de marzo de 2004, ambos inclusive.

A presentación de solicitudes poderá facerse, a elección do solicitante, por vía escrita ou por vía telemática, do seguinte xeito:

1. Vía escrita:

Para formaliza-la solicitude, o interesado presentará a documentación sinalada no artigo anterior por duplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e unha copia), dirixida ó conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, no rexistro xeral dos servicios centrais, no das delegación provinciais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Vía telemática:

A vía telemática establécese como un mecanismo de presentación nun trámite único para aqueles solicitantes que reúnan os seguintes requisitos:

1.-Será necesario que o presentador sexa unha persoa física que posúa a representación legal da empresa ou entidade solicitante, e como tal figure identificado nos formularios normalizados de solicitude. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura baste para acredita-la vontade do solicitante.

2.-O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda.

3.-O solicitante deberá estar exento de presenta-la documentación xurídico-administrativa á que se fai referencia nos números 3.1), 3.2), 3.3), 3.4), 3.6) e 3.7) do artigo 7º desta orde de axuda, por atoparse xa en poder desta consellería ou non te-la obriga de presentala. Neste caso sinalará nos formularios de solicitude esta circunstancia. A documentación sinalada no número 3.5) poderá achegarse da forma que se explica a seguir.

Poderá accederse a esta vía de presentación a través da aplicación informática establecida no enderezo da Internet http://www.xunta.es/conselle/in/index.htm da Xunta de Galicia, onde se disporán os medios de axuda para a presentación de solicitudes. Tamén poderá accederse a esta vía desde o enderezo http://www.xunta.es/servicios/

Xunto cos formularios de solicitude, deberá anexar necesariamente a memoria á que se fai referencia no número 2. do artigo 7º desta orde. Para iso a aplicación de presentación permitirá anexar á solicitude arquivos informáticos cunha limitación de tamaño de 1 MB, sempre que se presenten nos seguintes formatos: .pdf, .doc, .ppt, .txt, .rtf e .wpd, recomendándose o emprego do primeiro formato. De se-lo caso, tamén poderá anexarse un arquivo informático coa declaración indicada no número 3.5) do artigo 7º, cos mesmos condicionantes técnicos que para o caso da memoria.

Unha vez asinados co certificado dixital do presentador tódolos documentos que compoñen a solicitude, procederase á transferencia telemática da dita documentación ó Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación, consonte o citado Decreto 200/2003.

No caso de utiliza-la vía telemática para a solicitude, o interesado tamén poderá empregar esta vía para a recepción de notificacións da consellería e para o envío de escritos ó órgano xestor da axuda, agás dos escritos e documentación referentes ó proceso de xustificación dos investimentos (artigo 12º) no que non se considera a presentación telemática.

Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante indicare nos formularios normalizados a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axuda. Neste caso o solicitante deberá acceder á web institucional da Xunta de Galicia, nos enderezos indicados neste artigo para recibi-las notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a aceptación de entrega das notificacións (xustificante de recepción telemático).

Artigo 9º.-Resolución.

Co obxecto de dar cumprimento ó principio de concorrencia competitiva, conforme o disposto no artigo 3.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, a comisión de valoración, designada polo director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, emitirá informe razoado de avaliación.

No caso de que a solicitude presentada non sexa subvencionable na actuación escollida polo solicitante e si sexa valorable noutro tipo de actuación

recollida nesta orde, poderase readscribir de oficio e proceder á súa avaliación.

Á vista do informe, o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictarán a resolución que proceda.

O beneficiario da axuda ou subvención deberá aceptala no prazo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte ó da sua notificación. No caso contrario, entenderase que renuncia á axuda ou subvención concedida e procederase de conformidade co establecido no artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A aceptación da axuda ou subvención formalizarase mediante un documento asinado polo beneficiario, no que este se compromete a cumprir tódalas condicións establecidas nesta orde, na orde de bases e, se é o caso, na resolución de concesión.

O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de seis meses contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde. O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 10º.-Modificación da resolución.

Poderá solicitarse, por parte do beneficiario, a modificación da resolución de concesión no caso de que por circunstancias técnicas se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e esas variacións incidan no investimento subvencionable.

Esta modificación deberá ser solicitada antes do 30 de setembro da anualidade correspondente. A conformidade expresa da Consellería de Innovación, Industria e Comercio a esa modificación requirirá informe favorable da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, e só será outorgada cando se cumpran os requisitos establecidos no artigo 7.2º da orde de bases e non se altere significativamente o proxecto inicial.

Artigo 11º.-Outras obrigas dos beneficiarios.

As entidades beneficiarias da axuda deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren con respecto ó proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder (artigo 46 do Regulamento (CE) nº 1260/1999 do Consello, do 21 de xuño de 1999 e Regulamento (CE) 1159/2000 da Comisión, do 30 de maio de 2000), así como pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

Os beneficiarios destas axudas deberán conserva-los xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda ou subvención outor

gada durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

Artigo 12º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da subvención, o beneficiario deberá presentar na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo para iso ata o 5 de novembro inclusive, da anualidade que corresponda.

Esta documentación xustificativa, sen prexuízo do establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que se presentará por duplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e unha copia), constará dos seguintes documentos:

a) Solicitude de libramento da subvención.

b) Memoria na que se describa a realización do investimento e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

c) Xustificante dos investimentos: facturas do provedores en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data do inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. No caso de custos de persoal, copias das nóminas así como dos TC.

d) Xustificación dos pagamentos: transferencia bancaria, certificación bancaria orixinal ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

e) Para todas aquelas actuacións intanxibles deberase entregar, así mesmo, unha copia de cada un dos estudios, plans, diagnósticos, manuais, etc. que se realizaran ou desenvolveran, especialmente no caso das actuacións recollidas no punto a.1) do artigo 3º.

f) Declaración de axudas obtidas e solicitadas para o mesmo investimento en calquera outras administracións, organismos ou entes públicos ou privados. No caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación, deberá achegarse a documentación necesaria para a súa valoración para os efectos da súa concorrencia coa axuda outorgada.

g) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realiza-lo pagamento na que conste a razón social e CIF da empresa así como o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

h) Certificados acreditativos de estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa administración pública da

Comunidade Autónoma galega. Non será necesario achegalos se o solicitante autorizou expresamente no anexo III para que os seus datos tributarios coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Consellería de Economía e Facenda así como coa Seguridade Social se obtivesen por esta consellería.

i) Último recibo pagado do imposto de actividades económicas, ou documentación acreditativa da súa exención así como data de alta, domicilio, epígrafe e actividade.

j) De se-lo caso, documentación que acredite a publicidade do cofinanciamento con Fondos Feder, segundo o sinalado no artigo 11º desta orde.

k) O beneficiario de calquera subvención plurianual, en que o importe total supere os 30.050,61 euros, deberá achegar ademais o xustificante acreditativo do depósito na Caixa Xeral de Depósitos, do seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que garanta o importe da anualidade da que se estea a tramita-lo pagamento, así como os seus correspondentes xuros (xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado que estea vixente nese momento), por un prazo que deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación da última das anualidades da subvención.

l) Calquera outro documento que se requira durante a tramitación do expediente para a verificación do proxecto.

Artigo 13º.-Pagamento das axudas.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio verifiquen a documentación xustificativa de cumprimento da realización do proxecto subvencionado e dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión. Así mesmo, para as subvencións de capital superiores ós 60.101,21 euros destinadas a investimentos en activos tanxibles, o órgano xestor correspondente emitirá informe de comprobación material do investimento. Excepcionalmente, esta comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental, que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada, tal e como recolle o artigo 15.3 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.

Artigo 14º.-Incompatibilidades.

Estas axudas serán compatibles con calquera outra das establecidas por calquera Administración pública, organismo ou ente público sempre e cando non se exceda, en termos de subvención neta equivalente, a porcentaxe do 40% sobre o investimento subvencionable, agás no caso das Pemes, no que poderá acadarse ata o 55%.

Artigo 15º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, a Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo e a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na

anualidade correspondente.

Disposción adicional

Única.-Para esta orde de axudas consideraranse como concellos integrantes do PDE os recollidos nas ordes ministerais PRE/3044/2002, PRE/3108/2002 e PRE/88/2003, así como, dentro da provincia de Lugo: Begonte, Bóveda, Corgo (O), Lourenzá, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Incio (O), Outeiro de Rei, Pobra do Brollón (A), Rábade, Sarria e Trabada; e na provincia de Ourense: Allariz, Arnoia, Beade, Carballeda de Avia, Carballiño (O), Cenlle, Gudiña (A), Leiro, Melón, Mezquita (A), Ourense, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar (O), Riós, Ribadavia, San Amaro, San Cibrao das Viñas, Sandiás, Sarreaus, Taboadela, Verín, Viana do Bolo, Vilardevós, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO