DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Venres, 02 de xaneiro de 2004 Páx. 8

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 10 de decembro de 2003 pola que se procede a convocatoria para o ano 2004 de subvencións á asociacións sen fins de lucro para actividades de distribución, loxística e promoción comercial, en desenvolvemento do Programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, de acordo coas bases reguladoras establecidas no anexo XI da Orde do 11 de marzo de 2002 publicada no Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo.

O Programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 13 de outubro de 2000 recolle, entre as súas medidas, un decidido apoio ó asociacionismo comercial como a vía máis axeitada para acada-lo fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio. Neste sentido só a mellora da distribución, loxística e promoción comercial teñen unha relevancia determinante para o comercio retallista galego e a vía do asociacionismo é a única capaz de dar resposta a estas cuestións, xa que o minifundismo comercial impide a súa solución individualizada.

A orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 55, do 18 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, fixa os criterios básicos da súa política de fomento de acordo coa previsión efectuada no artigo 4 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O amplo alcance desta orde que establece con vixencia ilimitada no tempo as normas básicas reguladoras na concesión de axudas e subvencións que outorgue a Consellería de Innovación, Industria e Comercio nos seus distintos programas en materia de comercio fan neceseria a súa concreción a través da correspondente convocatoria para o exercicio 2004.

En virtude do exposto e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. O obxecto desta orde é a convocatoria para o exercicio 2004 do programa de axudas subvencións previstas no anexo XI Programa de axudas e subvencións a asociacións sen fins de lucro para actividades de distribución, loxística e promoción

comercial, en desenvolvemento do Programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista, da Orde do 11 de marzo de 2002, da Consellería de Industria e Comercio, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, e para as actuacións que se executen a partir do 1 de xaneiro de 2004 e a data límite de presentación de xustificacións.

Aquelas actuacións subvencionables realizadas a partir da data de finalización do prazo límite para a xustificación dos investimentos da orde de convocatoria do exercicio anterior ata o 31 de decembro, e en función da súa especial natureza, poderán acollerse ás axudas previstas nesta disposición.

2. Poderán beneficiarse das axudas desta orde, as asociacións de carácter territorial ou sectorial, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas, e das que o seu ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia ou ben calquera outra entidade representativa das pequenas e medianas empresas comerciais, sen fins de lucro, no ámbito territorial e que pretendan levar a cabo proxectos de interese e transcendencia no ámbito comercial.

Artigo 2º.-Contía e ámbito.

1. Para a concesión das subvencións, propias dos investimentos que se convocan, destinaranse os créditos globais correspondentes á aplicación orzamentaria 08.04.521V.780.2 Transferencias de capital. Familias e institucións sen fins de lucro. Distribución, loxística e promoción comercial, recollida no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do 16 de outubro de 2003.

O gasto que se proxecta tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos do exercicio 2004, de acordo co disposto no punto 3º do artigo 3 in fine da Orde do 27 de novembro de 2000, pola que se modifica a do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Aplicación orzamentariaAno 2004

08.04.521V.780.23.300.000 A

Estas contías poderán incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

A contía da subvención que se outorgue no poderá superar o 50% do importe do investimento realizado, nin o 70%, no caso de que se lle acumulen outras subvencións para igual fin.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ó conselleiro de Innovación, Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral da consellería ou en calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que subscribiron convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude de subvención, segundo o modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse a documentación que a continuación se relaciona por duplicado exemplar, en orixinal ou copia compulsada, alomenos unha delas:

a) Acta, estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, se o houber, así como código de identificación fiscal.

b) Poder suficiente do representante da entidade solicitante.

c) Memoria-programa detallado que conterá orzamento desagregado por partidas das diferentes actuacións que se van realizar, plan de financiamento e calendario de execución.

d) Certificado expedido polo secretario da asociación que acredite o número de asociados que estean dados de alta, dos que se xuntará relación detallada en soporte informático, con inclusión do nome do titular e do establecemento, enderezo postal e telefónico.

Nas actuacións para o fomento dos productos ou artigos respecto dos que o ciclo completo de producción se desenvolva no ámbito da Comunidade Autónoma galega, presentaranse os datos relativos a facturación e emprego das empresas participantes.

e) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedente de calquera administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

f) Orzamento do exercicio corrente, sen incluí-las partidas das actuacións subvencionables tramitadas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Emenda de defectos.

1. Se a solicitude e/ou a documentación que se xunta non reúnen os requisitos establecidos no artigo 3, requirirase á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, contados a partir do seguinte

á recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, considerarase desistida da súa petición despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar das entidades solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 5º.-Informes de valoración.

Unha vez completos os expedientes e admitidos a trámite, serán avaliados polos servicios competentes da Dirección Xeral de Comercio e Consumo de acordo cos criterios previstos no anexo XI da Orde do 11 de marzo de 2002, ponderados cos obxectivos que en materia de política comercial estea a desenvolver puntualmente a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, para o seu posterior informe-proposta coa relación global de tódolos expedientes presentados e a súa correspondente valoración priorizada.

Artigo 6º.-Resolución.

1. O conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, á vista dos informes de avaliación, dictará as resolucións de subvención que procedan, motivadas de acordo cos criterios de outorgamento, nas que se especificarán as solicitudes beneficiarias, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda, dentro dos límites establecidos, o importe da subvención concedida e o centro directivo que se encargará da súa xestión.

2. O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde a publicación desta orde. Ó vencemento do devandito prazo sen que se notifique a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez que se presenten por duplicado exemplar, preferentemente en orixinal no seu defecto copia compulsada, os documentos que a continuación se relacionan:

a) Os que acrediten a realización do investimento, así como facturas xunto cunha relación nominativa, agrupados por epígrafes, segundo corresponda e facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto e importe en euros, especificando, se é o caso, o tipo de cambio aplicado, para actuacións fóra da Unión Económica e Monetaria.

b) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de cumprimento da finalidade para a que foi concedida e de aplicación dos fondos destinados para o efecto.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, para a mesma finalidade tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados e sociedades.

d) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ó día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

O disposto nos puntos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no número 3 do artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

2. A documentación acreditativa do investimento obxecto de subvención, deberá presentarla o beneficiario coa data límite o día 31 de outubro de 2004, no rexistro xeral da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle unirá á documentación da xustificación, certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento.

2. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzamento que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Artigo 9º.-Control dos investimentos.

A Consellería de Innovación, Industria e Comercio, en calquera momento poderá inspecciona-las actuacións realizadas.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio