O Consello da Xunta de Galicia acordou, na súa reunión do 3 de outubro de 2002, declara-lo proxecto de liña de alta tensión a 66 kV Lourizán-Cangas, promovido pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., como de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.
Polo tanto, en cumprimento do disposto no artigo 13.2º do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o cal os plans ou proxectos que o Consello da Xunta de Galicia declare como de incidencia supramunicipal se someterán, por un prazo mínimo dun mes, ós trámites de información pública, mediante o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior audiencia na Comunidade Autónoma e de audiencia ás entidades locais sobre as que incida o plan ou proxecto,
RESOLVE:
Someter a información pública o proxecto de liña de alta tensión a 66 kV Lourizán-Cangas, declarado como de incidencia supramunicipal por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de outubro de 2002, por un prazo dun mes contado a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Os interesados dispoñerán do citado prazo dun mes para examina-lo proxecto sectorial na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas e na Delegación Provincial de Pontevedra e presentar ante esta dirección xeral as alegacións que consideren pertinentes.
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2002.
Ramón Ordás Badía
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas