Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 31 de xullo de 2002 Páx. 11.889

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2002, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convocan a concurso de traslado, prazas vacantes de secretarías de xulgados de paz entre secretarios de paz que se van extinguir de máis de 7.000 habitantes e oficiais da Administración de xustiza.

Vacantes na Administración de Xustiza postos de traballo do corpo que se van extinguir de secretarios

de xulgados de paz de poboacións de máis de 7.000 habitantes, dotados orzamentariamente e que a súa provisión se estima conveniente en atención ás necesidades do servicio, procede convocar concurso de traslados de conformidade co establecido nos artigos 455, 481 e 494 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, o Regulamento orgánico de secretarios da xustiza municipal aprobado por Decreto do 12 de xuño de 1970 e o capítulo III do título IV do Regulamento orgánico do corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de Xustiza aprobado por Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro.

Por todo iso, o Ministerio de Xustiza, coordenadamente coa Comunidade Autónoma de Galicia, dispoñen convocar concurso para a provisión dos postos que se relacionan no anexo I segundo as seguintes bases:

Primeira.-Postos que se poden solicitar.

1. Poderán tomar parte no presente concurso e solicita-las vacantes de postos de traballo de secretarías de xulgados de paz da Administración de Xustiza os funcionarios pertencentes ó corpo que se vai extinguir de secretarios de xulgados de paz de máis de 7.000 habitantes e os oficiais da Administración de Xustiza, calquera que sexa a súa situación administrativa, agás os suspensos que non remataran o período de suspensión, tendo os funcionarios do corpo de secretarios de paz preferencia sobre os integrantes do corpo de oficiais da Administración de Xustiza para prazas de localidades de máis de 7.000 habitantes.

2. Os funcionarios do corpo de secretarios de paz de máis de 7.000 habitantes declarados a extinguir, terán preferencia sobre os integrantes do corpo de oficiais para as prazas de secretarías de xulgados de paz de localidades de mais de 7.000 habitantes.

As secretarías das agrupacións dos xulgados de paz de poboacións que non superan os 7.000 habitantes de dereito soamente poderán ser cubertas por oficiais da Administración de Xustiza, xa que o Decreto 1639/1970, do 12 de xuño, polo que se aproba o Regulamento orgánico de secretarios de xulgados de paz de máis de 7.000 habitantes, soamente permite a estes ocupar prazas en localidades de censo superior ó citado.

3. A adxudicación das prazas de secretarías de xulgados de paz a oficiais da Administración de Xustiza non suporá en ningún caso ascenso nin cambio de corpo ou categoría dos adxudicatarios.

4. Os participantes poderán solicita-las prazas vacantes incluídas no anexo I desta resolución de convocatoria, sempre que reúnan os requisitos xerais exisidos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. As ditas vacantes identificaranse polo seu literal e polo código do centro de destino, relación de postos de traballo (RPT) e número de orde do posto de traballo (NOPT).

Segunda.-Requisitos e condicións de participación.

1. Os funcionarios dos corpos que se van extinguir de secretarios de xulgados de paz de máis de 7.000 habitantes e os do corpo de oficiais da Adminis

tración de Xustiza, só poderán participar se na data de remate do prazo de presentación de instancias transcorreu un ano desde a toma de posesión no seu actual posto de traballo definitivo.

2. Os funcionarios en servicio activo con destino provisional nos órganos que se oferten estarán obrigados a participar no presente concurso.

No caso de que non obtiveran destino no concurso, atribuiráselles o desempeño provisional dun posto correspondente ó seu corpo.

3. Os funcionarios que se atopen nas situacións de excedencia voluntaria establecidas no artigo 34 letras b) e c) do Real decreto 249/1996, (excedencias por agrupación familiar e por interese particular), só poderán participar no concurso se na data de remate do prazo de presentación de solicitudes transcorreran 2 anos como mínimo desde que foran declarados nesa situación.

4. Os funcionarios en situación de excedencia para o coidado de fillos ó abeiro do disposto no artigo 35 do Real decreto 249/1996, só poderán concursar se transcorreu 1 ano desde a toma de posesión do derradeiro destino definitivo.

5. Os excedentes forzosos que ocupen prazas ofertadas no presente concurso terán a obriga de participar no presente concurso co obxecto de obter un posto de traballo definitivo. De non participar neste concurso ou non obter posto de traballo, serán destinados a calquera dos non adxudicados ós outros concursantes.

Os excedentes forzosos, os suspensos definitivos que perderan o seu posto de traballo e os excedentes voluntarios do artigo 34.a) do Regulamento orgánico aprobado por Real decreto 249/1996, gozarán, por esta orde, a primeira vez que se anuncie a concurso vacante do corpo na mesma localidade onde servían cando se produciu ó seu cesamento no servicio activo, de dereito preferente para ocupala.

6. As preferencias aludidas no punto 5 parágrafo segundo da presente base deberán ser acreditadas, acompañando á instancia fotocopias compulsadas dos documentos polos que se declara o pase ás ditas situacións administrativas, non valorándose a preferencia en caso de non achegalos.

Terceira.-Baremos.

A valoración de méritos para a adxudicación dos postos de traballo farase de acordo con dous baremos, segundo que a praza corresponda a xulgados con poboación superior ós 7.000 habitantes ou non.

1. Para prazas de secretarías de paz de máis de 7.000 habitantes.

1.1. Funcionarios do corpo que se vai extinguir de secretarios de paz de máis de 7.000 habitantes, terán preferencias sobre os oficiais da Administración de Xustiza, valorándose entre eles a antigüidade polos servicios efectivos prestados no corpo, outorgándose un punto por cada ano completo de servicios e computándose proporcionalmente os períodos inferiores (0,0027777 por día), establecéndose os meses como de 30 días.

1.2. Os funcionarios do corpo de oficiais da Administración de Xustiza optarán a estas prazas con posterioridade ós secretarios de paz mencionados no punto anterior. Entre os oficiais teranse en conta as seguintes preferencias (artigo 481 da LOPX):

1º Oficiais que estiveran en posesión do título de licenciado en dereito.

2º Oficiais titulares dunha secretaría de paz.

3º Demais oficiais.

Dentro de cada un dos tres grupos relacionados, a valoración de méritos levarase a cabo de acordo co baremo establecido no punto seguinte e en caso de empate polo mellor posto escalafonal.

2. Para prazas de secretarías de paz de menos de 7.000 habitantes.

Só poderán optar a estas prazas os funcionarios do corpo de oficiais da Administración de Xustiza.

A valoración dos méritos da antigüidade e o coñecemento da lingua oficial da Comunidade Autónoma farase na forma seguinte:

a) Antigüidade: os servicios efectivos no corpo outorgarán un punto por cada ano completo de servicios, computándose proporcionalmente os períodos inferiores (0,0027777 por día, establecéndose os meses como de 30 días).

b) Coñecemento oral e escrito da lingua oficial propia da Comunidade Autónoma: nas prazas situadas nas comunidades autónomas que teñan lingua oficial propia, como é o caso, o coñecemento oral e escrito desta debidamente acreditado por medio de certificación oficial da Comunidade Autónoma, ou homologación do título achegado e do nivel ó que corresponda o título, supón o recoñecemento para estes efectos de ata 6 puntos segundo o nivel de coñecementos acreditado nos termos da disposición adicional segunda do Regulamento orgánico aprobado por Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, na forma seguinte:

1. Curso de iniciación e perfeccionamento ou curso básico de linguaxe xurídica galega: dous puntos.

2. Curso medio de linguaxe xurídica galega: catro puntos.

3. Curso superior de linguaxe xurídica galega: seis puntos.

Non serán valorados aqueles documentos fotocopiados non compulsados.

Cuarta.-Modelos e prazos de presentación de solicitudes.

1. Os funcionarios destinados definitivamente en postos das relacións de postos de traballo do corpo que se vai extinguir de secretarios de paz e do corpo de oficiais da Administración de Xustiza correspondentes a Galicia, así como os que se atopen en situación de servicios especiais e excedentes por coidado de fillo que teñen reservado o seu posto de traballo en Galicia, presentarán a súa solicitude axustada ó modelo V-I publicado como anexo II da presente resolución no prazo de 10 días naturais seguintes ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ou contados a partir do día seguinte a súa publicación no Boletín Oficial del Estado,

no caso de que a publicación non se faga simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, dirixida ó director xeral de Xustiza da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Os funcionarios destinados en xulgados ou tribunais do ámbito territorial de xestión do Ministerio de Xustiza ou doutras comunidades autónomas con competencias, presentarán a súa solicitude con independencia de onde estean radicadas as prazas que se soliciten, ante o Departamento de Xustiza do seu actual destino.

2. Os funcionarios destinados en postos das relacións de postos de traballo doutros corpos da Administración de Xustiza ou doutras administracións que se atopen en excedencia do artigo 34 letra a) do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, nos corpos de secretarios de paz de máis de 7.000 habitantes ou de oficiais da Administración de Xustiza, que fagan constar como primeiro destino calquera dos convocados mediante a presente resolución, radicados en Galicia, utilizarán o modelo V-2 publicado como anexo II a esta resolución no prazo de 10 días naturais seguintes ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ou contados a partir do día seguinte a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, no caso de que a publicación non se faga simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, dirixida ó director xeral de Xustiza da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano

s/n, 15781 Santiago de Compostela.

3. Os restantes solicitantes que desexen participar no presente concurso, como os excedentes forzosos aínda que tiveren un destino provisorio, os suspensos definitivos que perderan o seu posto de traballo, os participantes con destino provisional por ter reingresado no servicio activo, así como os restantes excedentes voluntarios por agrupación familiar ou por interese particular, que fagan constar como primeiro destino calquera dos convocados mediante a presente resolución, radicados en Galicia, utilizarán o modelo V-3 publicado como anexo II a esta resolución no prazo de 10 días naturais seguintes ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ou contados a partir do día seguinte a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, no caso de que a publicación non se faga simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, dirixida ó director xeral de Xustiza da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia,

edificio administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela.

4. As solicitudes poderán remitirse tamén na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As que se presenten nas oficinas de correos enviaranse en calquera das dúas modalidades seguintes:

a) Por correo ordinario, neste caso deberá ter entrada no rexistro xeral do Ministerio de Xustiza, xerencias territoriais ou rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Comunidade Autónoma de Galicia (edificio administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela), para os funcionarios destinados nos xulgados e tribunais de Galicia, en todo caso antes da data de remate do prazo de presentación de instancias.

b) Por correo certificado, neste suposto presentaranse nas oficinas de correos en sobre aberto para ser datadas e seladas polo funcionario de correos antes de ser remitidas. Os participantes no concurso deberán envia-la instancia que teña o selo da oficina de correos, sen que poida admitirse pasado o prazo de presentación de instancias aquela que non cumpra este requisito, aínda que posteriormente se puidera acreditar tal extremo.

5. Os excedentes voluntarios por interese particular engadirán á súa solicitude declaración de non ter sido separados de calquera das administracións públicas.

6. A solicitude para tomar parte neste concurso será única para cada funcionario participante. Do mesmo modo mediante unha única instancia deberán optar por participar desde o corpo no que o funcionario se atope en activo, ou reingresar ó servicio activo no corpo do que formen parte como excedentes.

Aqueles funcionarios que incumpran o previsto nos dous parágrafos anteriores serán excluídos da participación no concurso.

Ó resultaren irrenunciables os destinos obtidos por instancia do funcionario no caso de obter destino, o reingresado ó servicio mediante concurso de traslado, quedará automaticamente en excedencia no corpo no que se atopase en activo, polo que o seu destino actual se ofrecerá como praza vacante en posteriores concursos de traslado.

7. A solicitude formulada será vinculante para o peticionario unha vez transcorrido o período de presentación de instancias.

8. No caso de discrepancia entre a transcrición do código informático dun posto concreto e o seu literal, prevalecería este último, é dicir, a denominación do posto. Só quedaría anulada a petición no caso de que omitira a denominación literal do posto, aínda que indicara o código.

Quinta.-Peticións condicionadas.

No caso de estaren interesados nas vacantes que se anuncian para unha mesma provincia dous funcionarios pertencentes ó corpo de oficiais, poderán condiciona-la súa petición ó feito de que ámbolos dous obteñan destino na mesma provincia, entendéndose no caso contrario anuladas as peticións condicionadas efectuadas por ámbolos dous. Os funcionarios que se acollan a esta petición condicional, deberán concretalo na súa instancia, agrupando os postos que condicionan nos primeiros números de orde de preferencia da solicitude, poñendo o resto dos non condicionados a continuación e engadir fotocopia da petición do outro funcionario.

No caso de que non se concretara na instancia, non se agruparan nos primeiros números de orde ou non se engadira a fotocopia da instancia do segundo concursante, entenderase anulada a petición condicionada efectuada por ámbolos dous.

Sexta.-Adxudicacións.

1. A orde de prioridade para a adxudicación dos postos de traballo virá dada pola puntuación total obtida segundo os baremos da base terceira.

2. No caso de empate na puntuación total, acudirase para dirimilo á orde escalafonal do funcionario.

Sétima.-Carácter dos destinos adxudicados.

1. Os traslados que se deriven da resolución do presente concurso, terán a consideración de voluntarios para os efectos previstos no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razóns de servicio.

2. Os destinos adxudicados serán irrenunciables.

Oitava.-Resolución e prazo posesorio.

1. A presente convocatoria, resolverase por resolución provisional do director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, de xeito que se publiquen simultaneamente nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Xustiza, do Servicio de Xerencia de Xustiza, así como do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e audiencias provinciais.

Así mesmo exporase nos ditos taboleiros de anuncio a relación de admitidos e excluídos coas causas de exclusión e o prazo para emendar posibles erros materiais.

2. As resolucións provisionais expresarán o posto de orixe dos interesados ós que se lles adxudique destino e a súa localidade, así como a súa situación administrativa, se esta é distinta á de activo e o posto adxudicado a cada funcionario con referencia ó centro de traballo e localidade.

3. Contra as resolucións provisionais polas que se resolvan os concursos de traslado cabe formular alegacións no prazo de dez días desde a súa publicación nos taboleiros de anuncios referidos, perante a autoridade a quen se dirixiu a petición de participación no presente concurso, utilizando para iso o modelo que se xunta á presente convocatoria como anexo III. Resoltas estas, por outra resolución o concurso de traslado obterá firmeza.

Aquelas alegacións que non foran resoltas expresamente, consideraranse desestimadas ante a publicación da resolución definitiva do concurso.

4. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de 10 días naturais, se hai cambio de localidade, pero cando teña lugar dentro da mesma poboación, deberá efectuarse nos 3 días naturais seguintes ó cesamento.

5. O prazo para a toma de posesión comezará a contarse a partir do día seguinte ó do cesamento.

6. Se a resolución comporta reingreso no servicio activo, o prazo de toma de posesión deberá comezar a contar desde a dita publicación.

7. Se non se lograra a simultaneidade da publicación da resolución cos boletíns oficiais das comunidades autónomas, os prazos computaranse desde o día seguinte ó da publicación no Boletín Oficial del Estado.

8. O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando rematen os permisos ou licencias que estean desfrutando os funcionarios, non sendo que por circunstancias excepcionais debidamente motivadas se suspenda ou revoque o desfrute destes.

Novena.-Recursos.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso competente no prazo de dous meses desde o día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co establecido nos artigos 14 e 25 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa; ou ben recurso potestativo de reposición ante este órgano no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa publicación no BOE, segundo establece os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2002.

Juan José Martín Álvarez

Director xeral de Xustiza

ANEXO I

Comunidade Autónoma

de Galicia

CódigoRPTNº OrdeVacantesIdioma

Xdo. de Paz-Brión*

(A Coruña)

92529000151303521Si

Xdo. de Paz-Mazaricos*

(A Coruña)

92529000154403521Si

Xdo. de Paz-Muxía*

(A Coruña)

92529000155103521Si

Xdo. de Paz-Teo

(A Coruña)

92529000158103531Si

Xdo. de Paz-Zas*

(A Coruña)

92529000159203521Si

Xdo. de Paz-Gondomar

(Pontevedra)

92529000362103531Si

*Xulgados de paz de menos de 7.000 habitantes

CENTRO INFORMÁTICO PARA A XESTIÓN TRIBUTARIA,

ECONÓMICO-FINANCEIRA

E CONTABLE