Parques naturais de Galicia

Unha guía que enumera e localiza os principais recursos ambientais e turísticos do parque nacional e os seis parques naturais existentes en Galicia, a través de máis de 500 fichas e case 200 fotografías.

A Xunta de Galicia presenta esta guía, elaborada e supervisada pola Dirección Xeral de Conservación da Naturaleza, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A aplicación axuda de forma intuitiva e práctica a programar a visita ao Parque Nacional das Illas Atlánticas e aos parques naturais do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Fragas do Eume, Baixa Limia-Serra do Xurés, Monte Aloia, O Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra.

Dispoñible en dous idiomas, galego e castelán, ofrece información sobre a paisaxe e o patrimonio natural e cultural nos parques, estruturada do seguinte xeito:

  • Descrición xeral, graos de protección e formas de acceso. Esta é unha información que cobra especial interese, especialmente naqueles espazos nos que se necesita autorización administrativa para a súa visita, a afluencia de visitantes está regulada ou o seu acceso só é realizable a través de transportes marítimos ou especiais.
  • Información sobre a mellor forma de realizar a visita, o clima, os servizos e os equipamentos con que conta cada localización.
  • Descrición do hábitat protexido e das especies de flora e fauna existentes en cada parque.
  • Indicacións sobre o patrimonio arquitectónico, histórico ou etnográfico de cada zona.
  • Rutas de sendeirismo oficiais sinalizadas en mapas con tecnoloxía de xeolocalización, fotografías e información sobre distancias, dificultade, punto de inicio e principais atractivos do traxecto.

Descarga