DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 16 de decembro de 2009 Páx. 19.082

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 26 de novembro de 2009 pola que se regulan as probas de avaliación en competencias clave para acceder aos cursos dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional establece no seu artigo 1 que esta lei ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de cualificacións, formación profesional e acreditación. Para iso créase o Catálogo Nacional de Cualificacións, para promover e desenvolver a integración das ofertas de formación profesional que xestionan as administracións educativas e laborais. Neste sentido no artigo 8 establécese que as cualificacións se acreditarán mediante títulos de formación profesional, expedidos pola Administración educativa ou certificados de profesionalidade, expedidos pola Administración laboral. Ambos acreditan con carácter oficial e validez en todo o territorio nacional as competencias profesionais que capacitan para o desenvolvemento dunha actividade laboral con significación no emprego.

Tomando como referente común o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais renovarase todo o actual Catálogo de Títulos de Formación Profesional e elaborarase tamén o novo Repertorio Nacional de Certificados de Profesionalidade. Sobre a base das unidades de competencia das cualificacións establecerase un sistema de correspondencias, validacións e/ou exencións entre as distintas ofertas formativas, e entre estas e o mundo laboral a través do procedemento de avaliación e acreditación da competencia profesional adquirida a través da experiencia laboral e de vías non formais de formación.

O Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os novos certificados de profesionalidade asociados ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, establece que o subsistema de formación profesional para o emprego preverá nas súas ofertas formativas, tanto as dirixidas a traballadores desempregados como ocupados, a realización de accións formativas dirixidas á adquisición das cualificacións e competencias profesionais recollidas nos correspondentes certificados de profesionalidade.

Neste real decreto defínese o novo Repertorio Nacional de Certificados de Profesionalidade como o conxunto dos certificados de profesionalidade ordenados sectorialmente en 26 familias profesionais e de acordo cos niveis de cualificación 1, 2 e 3, sendo o nivel 1 o máis básico e o 3 o máis complexo atendendo á competencia profesional requirida polas actividades produtivas de acordo con criterios de coñecementos, iniciativa, autonomía, responsabilidade e complexidade, entre outros, da actividade que se vai desenvolver.

O artigo 5.5º c) do dito real decreto indica que en todos e cada un dos módulos formativos que conformen os novos certificados de profesionalidade se determinarán os criterios de acceso dos alumnos e que aos alumnos que accedan ás accións de formación dos certificados de profesionalidade de nivel 1 de cualificación non se lles exixirán requisitos académicos nin profesionais.

Así pois, para fomentar a calidade e a integración da formación profesional en cada un destes módulos formativos que compoñen os novos certificados de nivel 2 e 3 establécense uns criterios de acceso para o alumnado, baseados no dominio de determinados coñecementos e capacidades básicas que aseguren a formación mínima necesaria para cursar o módulo con aproveitamento. Estes coñecementos e capacidades refírense a contidos xerais de formación básica, que se denominan competencias clave.

As competencias clave proporcionan unha combinación de coñecementos, capacidades e actitudes idóneas ao contexto, que facilitarán ás persoas avances no seu perfil profesional. Tamén perseguen motivar para progresar no mundo do emprego e na formación, e que lles sirvan así ás persoas para a súa realización e desenvolvemento profesional e persoal.

A nivel estatal establecéronse 9 competencias clave en cada un dos dous niveis de cualificación, que se basean nos ámbitos establecidos na Recomendación do Parlamento Europeo e do Consello da Unión Europea sobre competencias clave e no Marco Común Europeo de Referencia para as linguas.

Ademais, na Comunidade Autónoma de Galicia establécese unha nova competencia clave: comunicación na lingua galega, que será criterio de acceso para todos os certificados de profesionalidade que se vaian cursar dentro do territorio da comunidade.

Estas competencias clave pódense demostrar ou acreditar:

1. Estando en posesión de determinadas titulacións ou acreditacións oficiais de formación básica.

2. Superando as probas específicas que demostren o seu dominio.

3. Realizando a formación específica para a súa adquisición dentro do ámbito da formación profesional para o emprego.

Así pois, estas competencias clave poderanse demostrar a través da superación das probas que organice a administración laboral en que se avaliará o candidato en cada un dos ámbitos e niveis establecidos nos criterios de acceso.

Por iso, procede agora, no marco normativo descrito, fixar as disposicións de carácter xeral que na Comunidade Autónoma de Galicia rexerán as probas de avaliación en competencias clave de nivel 2 e 3 para o acceso aos cursos de certificados de profesionalidade dentro da formación profesional para o emprego, cuxo ámbito de xestión corresponde á Consellería de Traballo e Benestar.

Consonte o exposto, facendo uso das facultades conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura da Consellería de Traballo e Benestar; tendo en conta os preceptivos informes e os ditames do Consello Galego de Formación Profesional, do Consello de Relacións Laborais, e demais disposicións de xeral aplicación.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto regular as probas de avaliación en competencias clave da formación profesional para o emprego, na Comunidade Autónoma de Galicia e no ámbito de xestión da Consellería de Traballo e Benestar, conforme o artigo 5.5º c) do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os novos certificados de profesionalidade, que establece que, para os módulos formativos dos certificados de nivel 2 e 3, se establecerán os criterios de acceso dos alumnos, que asegurarán que estes posúen as competencias clave suficientes para cursar con aproveitamento a formación.

Artigo 2º.-Finalidade.

1. Considérase que unha persoa posúe as competencias clave establecidas no artigo 5.5º c) do Real decreto 34/2008 polo que se regulan os novos certificados de profesionalidade asociados ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais se posúe determinadas titulacións ou acreditacións oficiais de formación básica, se cursa dentro da formación profesional para o emprego a formación asociada a estas competencias clave ou se supera as probas específicas en competencias clave que organice a Administración laboral.

2. As probas de avaliación en competencias clave teñen por finalidade facilitar ás persoas que non posúan as titulacións e acreditacións oficiais de formación básica establecidas para cada nivel, que poidan demostrar, mediante un proceso de avaliación específico, que posúen os coñecementos e capacidades básicas que se requiren para cursar os correspondentes módulos dos novos certificados de profesionalidade. A superación destas probas, que se realizarán previamente ao inicio do curso do correspondente certificado de profesionalidade, facilita así ás persoas a posibilidade de continuar coa súa formación, garantindo o acceso a estes cursos en condicións suficientes para cursalos con aproveitamento e madurez, contribuíndo así ao desenvolvemento persoal e profesional das persoas e facendo realidade a aprendizaxe ao longo da vida.

Artigo 3º.-Contido das probas de competencias clave.

1. En cada un dos reais decretos que regulan os novos certificados de profesionalidade nas distintas ocupacións establécese ao final de cada módulo formativo os criterios de acceso para os alumnos e alumnas, que serán, en todo caso, algunha/s das seguintes competencias clave:

-Comunicación en lingua castelá.

-Comunicación en linguas estranxeiras (inglés, francés ou alemán).

-Competencia matemática.

-Competencias en ciencia.

-Competencia en tecnoloxía.

-Competencia dixital.

-Competencias sociais (xeografía).

-Competencias sociais (historia).

-Conciencia e expresión culturais.

2. Ademais na Comunidade Autónoma de Galicia establécese unha nova competencia clave: comunicación en lingua galega, que será necesaria a súa acreditación para todos os certificados de profesionalidade que se vaian cursar dentro do territorio da comunidade.

3. Nas distintas convocatorias as persoas poderán inscribirse en tantas competencias clave como estean interesadas, en función dos criterios de acceso aos módulos de certificados de profesionalidade que desexen cursar posteriormente.

4. Realizarase unha proba por cada competencia clave de cada nivel de cualificación e nela a persoa deberá demostrar que posúe os coñecementos e capacidades básicas suficientes para cursar con aproveitamento todos aqueles módulos de certificado de profesionalidade do nivel de cualificación correspondente á citada competencia clave.

Artigo 4º.-Destinatarios.

1. As probas de avaliación en competencias clave están dirixidas a aquelas persoas que, sen estar en posesión das titulacións ou certificacións oficiais de formación básica establecidas, cumpran dezaseis anos no ano de realización da proba, e desexen cursar un certificado de profesionalidade de nivel 2 ou 3.

2. Non poderán presentarse a estas probas de avaliación aquelas persoas que na data de finalización do prazo de presentación de solicitude de inscrición estean a cursar unha acción formativa conducente á obtención da mesma competencia clave para a que se convoca a correspondente proba de avaliación.

Artigo 5º.-Exencións da proba de avaliación de competencias clave.

1. Para acceder á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 considérase que posúen a formación básica, e polo tanto, estarán exentas da realización de probas de avaliación en competencias clave, excepto da competencia clave de lingua galega, as persoas que acrediten estar en posesión das seguintes titulacións ou acreditacións oficiais:

a) Certificado de profesionalidade de nivel 2.

b) Certificado de profesionalidade de nivel 1 da mesma familia e área profesional que o curso ao que se desexa acceder.

c) Título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

d) Técnico auxiliar.

e) Técnico.

f) Segundo curso superado de bacharelato unificado e polivalente.

g) Segundo curso superado do primeiro ciclo experimental da reforma das ensinanzas medias.

h) Terceiro curso superado do Plan de 1963 ou segundo de comúns experimental, das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos.

i) Estudos declarados equivalentes a efectos académicos con algún dos anteriores.

j) Probas de acceso superadas aos ciclos formativos de grao medio reguladas polas administracións educativas.

k) Proba de acceso superada á universidade para maiores de 25 anos.

2. Para acceder á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 3 considérase que posúen a formación básica, e polo tanto, estarán exentas da realización de probas de avaliación en competencias clave, excepto da competencia clave de lingua galega, as persoas que acrediten estar en posesión das seguintes titulacións ou acreditacións oficiais:

a) Certificado de profesionalidade de nivel 3.

b) Certificado de profesionalidade de nivel 2 da mesma familia e área profesional.

c) Título de bacharelato.

d) Título de técnico especialista, técnico superior ou equivalente para efectos académicos.

e) Titulación universitaria ou equivalente.

f) Ter superado o segundo curso de calquera modalidade de bacharelato.

g) Ter superado as correspondentes probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior reguladas polas administracións educativas.

h) Proba de acceso superada á universidade para maiores de 25 anos.

3. Estarán exentas da realización da proba de avaliación na competencia clave Comunicación en lingua galega as persoas que acrediten estar en posesión das seguintes titulacións ou acreditacións oficiais:

3.1. Para o nivel 2: as persoas que posúan o certificado de lingua galega 3 (Celga 3) ou as correspondentes validacións (Orde do 16 xullo 2007):

a) Certificado de aptitude dos cursos iniciación de lingua galega (segundo Orde do 1 de abril de 2005).

b) O título de graduado en educación secundaria obrigatoria (ESO) ou técnico auxiliar (FP1), sempre que se estudase en Galicia na súa totalidade e se cursase de maneira oficial a materia de lingua galega en todos os cursos dos ditos estudos.

c) O certificado do ciclo inicial de galego expedido polas escolas oficiais de idiomas.

d) Certificado de ter cursado e aprobado as materias de ciencias sociais e as materias optativas de galego na ESO e no bacharelato nos centros do Bierzo e Sanabria acollidos ao programa de formación previsto no convenio para a promoción do idioma galego nos territorios limítrofes das comunidades autónomas de Galicia e Castela e León, subscrito entre ambas as dúas comunidades.

3.2. Para o nivel 3: as persoas que posúan o certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou as correspondentes validacións (Orde do 16 xullo 2007):

a) Certificado de aptitude dos cursos de perfeccionamento de lingua galega (segundo Orde do 1 de abril de 2005).

b) O título de bacharelato (LOGSE ou BUP) ou técnico de FP2, sempre que se estudase en Galicia na súa totalidade e se cursase de manera oficial a materia de lingua galega en todos os cursos dos ditos estudos.

c) Certificación do curso de especialización en lingua galega para profesores de EXB.

Artigo 6º.-Coordinación e xestión das probas de avaliación.

O Instituto Galego das Cualificacións adscrito a Dirección Xeral de Formación e Colocación será o órgano encargado da coordinación e xestión do proceso e desenvolvemento das probas na nosa comunidade autónoma. As súas funcións serán:

a) Elaborar as convocatorias anuais sobre probas de avaliación en competencias clave.

b) Planificar e coordinar o desenvolvemento das probas de avaliación.

c) Realizar a xestión das probas, impulsando o seu desenvolvemento e calidade.

d) Elaborar e publicar as listas provisionais e definitivas de admitidos e excluídos ás probas en cada orde de convocatoria.

e) Propoñer os centros e o persoal para a realización das probas.

f) Designar as comisións de avaliación, que serán nomeadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

g) Supervisar o seu desenvolvemento, a través da designación do persoal técnico do Instituto Galego das Cualificacións que ocupará a secretaría en cada unha das comisións de avaliación.

h) Rexistrar as acreditacións expedidas.

i) Custodiar e arquivar todos os documentos que correspondan relacionados coa celebración das probas.

Artigo 7º.-Convocatoria.

1. A Dirección Xeral de Formación e Colocación, a través do Instituto Galego das Cualificacións convocará, polo menos unha vez ao ano, probas de avaliación sobre as competencias clave requiridas para cursar os módulos formativos dos novos certificados de profesionalidade.

2. En cada convocatoria fixarase as competencias clave que se convocan, a data, o horario de realización das probas e a duración de cada unha delas, así como os centros onde terán lugar, que serán, preferentemente, centros propios da Consellería de Traballo e Benestar ou centros integrados de formación profesional da Xunta de Galicia, así como centros de referencia nacional.

3. O momento e lugar de realización das probas de avaliación sobre competencias clave serán determinados pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, en función das previsións de programación formativa de certificados de profesionalidade, do volume de persoas que demanden estas probas na nosa comunidade autónoma e de calquera outro aspecto que esta dirección xeral considere oportunos dentro do eido das súas competencias, coa finalidade de facilitar que cada persoa avance no seu itinerario de formación profesional.

Artigo 8º.-Inscrición nas probas de avaliación en competencias clave.

1. A inscrición para participar nestas probas efectuarase mediante solicitude dirixida ao Instituto Galego das Cualificacións, axustada ao modelo de solicitude que figura no anexo I desta orde, dentro do prazo e nos lugares que se especifiquen na correspondente orde de convocatoria.

Artigo 9º.-Probas de avaliación de competencias clave adaptadas ás persoas que acrediten discapacidades.

1. As persoas con necesidades específicas derivadas de discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais poderán solicitar as medidas ou os recursos adicionais necesarios para desenvolver as probas de avaliación.

2. Quen solicite proba adaptada deberá facelo constar expresamente no momento da inscrición e presentar o correspondente certificado acreditativo de minusvalidez emitido polo organismo competente, así como o seu ditame técnico facultativo.

3. A adaptación ás probas que deban superar estas persoas deberá respectar o esencial dos referentes de avaliación establecidos para cada unha das competencias clave.

Artigo 10º.-Comisións de avaliación.

1. Para a elaboración, organización, aplicación, avaliación e cualificación das probas de avaliación, crearanse comisións de avaliación, cuxo número e sedes fixaranse na orde da convocatoria.

2. Cada comisión de avaliación estará formada por un/unha presidente/a e polo menos tres vogais con coñecementos suficientes para valorar as probas.

3. Actuará como secretario/a en cada unha das comisións de avaliación un/unha técnico/a do Instituto Galego das Cualificacións, que actuará con voz pero sen voto.

4. O/a presidente e os vogais deberán cumprir os requisitos de titulación, experiencia profesional e competencia docente que se indican no artigo 11º.

5. A cada comisión de avaliación poderá incorporarse tanto persoal de apoio (vixilantes e/ou correctores/as) como se considere necesario, en función das características das probas e do número de persoas inscritas.

6. Os membros das comisións de avaliación, o/a secretario/a, así como o persoal de apoio que se puidese designar, serán nomeados polo/a director/a xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar por proposta do/a director/a do Instituto Galego das Cualificacións.

7. Os membros das comisións de avaliación están suxeitos ás causas de abstención e recusación que prevén os artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. As comisións de avaliación terán as seguintes funcións:

a) Colaborar na organización das probas co Instituto Galego das Cualificacións, para tal fin participarán nas reunións de planificación e organización que se establezan.

b) Establecer as probas, así como os criterios de corrección, en coordinación e segundo as directrices establecidas polo Instituto Galego das Cualificacións.

c) Aplicar as probas aos candidatos, atendendo e resolvendo as incidencias que poidan orixinarse durante a súa realización, en colaboración, se é o caso, co persoal de apoio.

d) Corrixir e cualificar as probas, en colaboración, se é o caso, co persoal de apoio.

e) Cubrir a acta coas cualificacións definitivas, que remitirán ao Instituto Galego das Cualificacións, para o seu arquivo.

f) Resolver, en primeira instancia, as reclamacións que poidan presentarse.

8. Os membros das comisións de avaliación, secretarios/as e persoal de apoio percibirán as cantidades establecidas para o efecto na normativa vixente.

Artigo 11º.-Requisitos dos membros das comisións de avaliación.

O/a presidente, vogais e persoal de apoio que realice funcións de avaliación nas probas en competencias clave reunirán os requisitos de titulación, experiencia profesional e competencia docente que se detallan neste artigo.

1. Titulación requirida:

Titulo de grao, licenciatura ou diplomatura no ámbito da competencia clave de que se trate, segundo se especifica no anexo II.

2. Competencia docente:

Estar en posesión do certificado de profesionalidade de formador ocupacional ou formación equivalente en metodoloxía didáctica de formación profesional para adultos. Do antedito requisito estarán exentos as persoas que:

a) Estean en posesión das titulacións de licenciatura en pedagoxía, en psicopedagoxía ou o título de mestre/a en todas as súas especialidades.

b) Posúan unha titulación universitaria oficial distinta das indicadas no punto anterior e ademais se encontren en posesión do título de especialización didáctica expedido polo Ministerio de Educación e Ciencia ou equivalente.

c) Acrediten unha experiencia docente contrastada de polo menos 200 horas nos últimos sete anos en formación profesional para o emprego o do sistema educativo.

Artigo 12º.-Resultado e efectos das probas.

1. Ás persoas que participen nas probas de avaliación correspondentes a unha ou varias competencias clave expediráselles un documento acreditativo, que certificará o resultado obtido en termos de apto/non apto. Este documento conterá os aspectos sinalados no anexo III desta orde.

2. As competencias clave demostradas mediante a superación da correspondente proba servirán para o acceso a todos os módulos formativos que requiran esas competencias clave como criterio de acceso.

3. Cando non se superasen as probas de avaliación nunha/s competencia/s clave, poderase acceder, con carácter preferente, aos cursos en competencias clave que se determinen dentro da formación profesional para o emprego que xestiona a Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 13º.-Reclamacións e recursos.

1. Poderanse presentar reclamacións contra as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas ante o Instituto Galego das Cualificacións, e contra a cualificación provisional nas probas ante a Comisión de Avaliación, na forma e prazos que se determinen na orde de convocatoria.

2. A publicación das listas provisionais e definitivas terá os efectos de comunicación ás persoas reclamantes.

3. Contra as listas e cualificacións definitivas, poderase interpoñer recurso de alzada ante o/a director/a xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación da correspondente lista ou cualificación definitiva, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificacións da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Artigo 14º.-Expedición e rexistro.

1. A expedición das acreditacións en competencias clave realizaraa a Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar.

2. O Instituto Galego das Cualificacións levará un rexistro nominal e por especialidades de todas as acreditacións de competencias clave expedidas.

3. Para os efectos de garantir a transparencia do mercado de traballo e facilitar a libre circulación de traballadores instrumentaranse os mecanismos necesarios para que as inscricións efectuadas no rexistro a que se refire o parágrafo anterior se trasladen ao Rexistro Xeral do Servizo Público de Emprego Estatal.

4. A superación das probas de avaliación sobre competencias clave ten validez a nivel estatal para o acceso á formación de novos certificados de profesionalidade dentro da oferta de formación profesional para o emprego que xestionan as administracións laborais.

Artigo 15º.-Arquivo de documentación das probas de competencias clave.

O Instituto Galego das Cualificacións conservará toda a documentación xerada durante este proceso durante os 3 meses seguintes a súa finalización. Transcorrido este período sen que se produza reclamación algunha, poderá proceder a súa destrución. No caso de exames reclamados e dos impugnados, a documentación conservarase durante un período de 5 anos.

Artigo 16º.-Protección de datos.

Na xestión dos procesos a que se refire esta orde respectarase a normativa sobre protección de datos, consonte a lexislación vixente.

Disposición adicional

Primeira.-Vixencia das certificacións en competencias clave.

A certificación de ter superada a proba sobre unha determinada competencia clave de nivel 2 ou de nivel 3 manterá a súa vixencia ata que non se modifique o contido da dita competencia clave.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorizacións.

Autorízase a Dirección Xeral de Formación e Colocación para ditar as instrucións que se consideren necesarias para a aplicación do previsto nesta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrara en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "24400D001P006.PDF"