DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 13 de febreiro de 2009 Páx. 2.899

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regula a organización e o funcionamento do Consello Social dos centros integrados de formación profesional de Galicia.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, no seu artigo 11.4º, establece que os centros integrados de formación profesional son aqueles que imparten todas as ofertas formativas a que se refire o artigo 10.1º da mesma lei.

Pola súa banda, o Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos dos centros integrados de formación profesional, determina no seu artigo 12 a existencia dun consello social, que define no seu artigo 14 como o órgano de participación da sociedade nos centros integrados de formación profesional.

Nesta liña, o Decreto 266/2007, do 28 de decembro, polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 16 a composición dos consellos sociais dos centros integrados en Galicia. A súa disposición adicional segunda habilita as consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Traballo para desenvolver o citado decreto nos seus respectivos ámbitos de competencia.

Ao abeiro das disposicións citadas, cómpre establecer o marco normativo que permita facer efectiva a participación dos sectores sociais nos centros integrados para dar unha mellor resposta ás demandas sociais e dos sectores produtivos.

En virtude do exposto, e en uso das competencias que lles están conferidas, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, e o conselleiro de Traballo,

DISPOÑEN:

Capítulo I

Definición, funcións e competencias

Artigo 1º.-Definición.

O consello social dos centros integrados de formación profesional é o órgano de participación que impulsa a colaboración entre a sociedade galega e estes centros mediante a determinación das necesidades do seu contorno, coa finalidade de contribuír eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural de Galicia, á mellora da calidade do servizo público da formación profesional e á obtención dos recursos precisos para procurar a súa suficiencia económica e financeira.

Artigo 2º.-Funcións.

Correspóndenlle a este órgano as funcións que lle encomenda o Decreto 266/2007, do 28 de decembro, polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia e, en particular, as seguintes:

1. De relación entre os centros integrados e a sociedade.

a) Promover o coñecemento mutuo entre os centros integrados de formación profesional e a sociedade, favorecendo e organizando eventos que difundan este labor e transmitíndolle as aspiracións á comunidade galega.

b) Fomentar a colaboración da sociedade no financiamento da formación profesional e da investigación, contribuíndo á captación de recursos.

c) Establecer as directrices para elaborar o proxecto funcional do centro, así como a súa aprobación.

d) Aprobar os plans anuais e as memorias do centro.

e) Emitir informe das candidaturas con carácter previo ao nomeamento do director ou da directora do centro.

f) Impulsar as actuacións que permitan un maior achegamento do estudantado ás demandas do mercado laboral e, nomeadamente, a celebración de acordos entre o centro integrado de formación profesional e outras entidades públicas e privadas, orientadas a completar a formación do alumnado e das persoas tituladas, e a facilitar o seu acceso ao mundo profesional.

g) Estimular a actividade no campo de I+D+i, especialmente no relativo á súa vinculación cos sectores produtivos, apoiando os proxectos de investigación e desenvolvemento compartidos entre o centro integrado de formación profesional, as empresas e o tecido social, así como a promoción das políticas de transferencia e difusión dos resultados obtidos.

2. De carácter económico, financeiro e patrimonial.

a) Aprobar os orzamentos e o balance anual, neste último caso con carácter previo á súa remisión aos órganos de fiscalización da comunidade autónoma.

b) Informar sobre as necesidades do cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal docente e outro persoal, especificando a totalidade dos seus custos, as súas modificacións e os gastos que supoñen.

3. De supervisión das actividades do centro integrado de formación profesional e do consello social.

a) Aprobar a proposta da programación do centro integrado de formación profesional e realizar o seu seguimento.

b) Realizar o seguimento das actividades do centro, para asegurar a calidade e o rendemento dos servizos.

c) Facer suxestións e propostas ao Consello Galego de Formación Profesional orientadas a promover a excelencia do ensino, a investigación, a xestión e os servizos.

d) Proporlles o cesamento dalgún dos seus membros á autoridade, á entidade ou á institución que o designase, logo da declaración da súa situación de incompatibilidade, ou de incumprimento grave ou reiterado das súas obrigas.

Artigo 3º.-Exercicio das competencias.

1. Os consellos sociais dos centros integrados de formación profesional, no exercicio das súas competencias, gozan de plena independencia. No seu seo poderanse constituír comisións, de carácter estable ou transitorio, para a realización de estudo, análises ou propostas ao pleno.

2. Os membros do consello social dos centros integrados de formación profesional han desenvolver as súas competencias velando polos intereses xerais do centro integrado de formación profesional.

Capítulo II

Composición

Artigo 4º.-Membros dos consellos sociais dos centros integrados de formación profesional.

1. Os consellos sociais dos centros integrados de formación profesional de Galicia estarán integrados polos seguintes membros, de conformidade co disposto no Decreto 266/2007, polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) O/a presidente/a será a persoa que exerza a dirección do centro integrado de formación profesional, designado/a de conformidade co que se establece no Decreto 266/2007, do 28 de decembro, polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Tres representantes da Administración, dúas destas persoas por designación da dirección xeral correspondente á consellería que teña a titularidade do centro, e a terceira designada pola consellería implicada na autorización e da que non dependa o devandito centro.

c) O/a xefe/a de estudos do centro integrado de formación profesional.

d) Tres profesores/as do claustro do centro, segundo o proceso que se establece no artigo 9 desta orde, ou tres profesores/as da xunta de expertos docentes, segundo o procedemento que se establece no artigo 10.

e) Dous membros designados polas organizacións sindicais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Dous membros designados polas organizacións empresariais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) O/a secretario/a do centro, ou persoa que ocupe as súas funcións, que exercerá a secretaría do consello, con voz e sen voto.

2. O nomeamento do/a presidente/a do consello social dos centros integrados de formación profesional será simultáneo ao de director/a.

3. A designación ou elección dos demais membros do consello social dos centros integrados de formación profesional comunicaráselle á consellería competente, que procederá ao seu nomeamento, e llo comunicará á outra consellería competente dentro do mes seguinte á respectiva elección ou designación.

Artigo 5º.-A presidencia dos consellos sociais dos centros integrados de formación profesional.

1. O/a presidente/a do consello social dos centros integrados de formación profesional exerce a representación legal deste.

2. O seu mandato é de catro anos, renovable, segundo a normativa vixente.

3. En caso de ausencia ou doenza, o/a presidente/a designará unha persoa suplente de entre as representantes do profesorado do centro no consello social dos centros integrados de formación profesional. En caso de vacancia da dirección do centro a presidencia do consello social será desempeñada polo xefe ou a xefa de estudos.

4. Son funcións do/a presidente/a:

a) Garantir o cumprimento das funcións e as competencias do consello social dos centros integrados de formación profesional.

b) Convocar as reunións, establecer a orde do día e presidir as sesións do consello social dos centros integrados de formación profesional.

c) Abrir e levantar as sesións, dirixir a deliberación, conceder e denegar a palabra, determinar, se é o caso, os tempos de intervención e decidir co seu voto de calidade no caso de empate.

d) Coordinar as actividades dos membros e dos órganos do consello.

e) Convidar os plenos, con voz pero sen voto, as persoas que considere oportuno en razón dos temas que se traten.

f) Ordenar a execución dos acordos do consello social dos centros integrados de formación profesional.

g) Calquera outra que lle atribúa o pleno para o bo funcionamento do consello social dos centros integrados de formación profesional.

Artigo 6º.-A secretaría do consello social dos centros integrados de formación profesional.

1. O/a secretario/a do consello social dos centros integrados de formación profesional será a persoa que exerza o cargo de secretario/a do centro, e actuará con voz pero sen voto.

2. Son funcións do/a secretario/a:

a) Redactar actas das sesións do pleno e das comisións.

b) Custodiar o libro de actas do consello social dos centros integrados de formación profesional, así como expedir os documentos e as certificacións que resulten das actas e dos acordos do pleno do consello social dos centros integrados de formación profesional.

c) Facilitar a documentación que os/as vogais lle soliciten en cumprimento do especificado neste regulamento.

d) Someter anualmente á aprobación do pleno unha memoria de actividades do consello social, que recolla observacións sobre o seu funcionamento e suxestións que se poidan adoptar para o mellorar.

e) Calquera outra función que lle atribúa o pleno.

Artigo 7º.-Dereitos e obrigas dos membros dos consellos sociais dos centros integrados de formación profesional.

1. Dereitos:

a) Presentar mocións ou suxestións para a deliberación e a adopción de acordos ou recomendacións polo pleno, ou para o seu estudo nunha comisión.

b) Recibir a convocatoria, que conteña a orde do día de cada sesión, así como a documentación oportuna para a toma de decisións.

c) Asistir con voz ás sesións dos órganos de que formen parte, exercer o seu dereito de voto e formular votos particulares.

d) Informarse de canto estea relacionado co consello social e que interese para o seu bo funcionamento.

e) Conseguir, a través do/a presidente/a do consello social, a información, os datos e os documentos que se consideren necesarios para o exercicio das súas funcións.

2. Deberes:

a) Asistir ás sesións do pleno e ás das comisións de que formen parte.

b) Executar cantos cometidos se lles encomenden por razóns dos seus cargos.

c) Pór en coñecemento do consello social calquera información que poida afectar ás actuacións ou ás competencias deste.

d) Gardar segredo sobre as deliberacións internas, así como sobre as materias e as actuacións que expresamente se declaren reservadas.

e) Cumprir a normativa de incompatibilidades.

Capítulo III

Procedemento de nomeamento dos seus membros electivos

Artigo 8º.-Períodos de elección.

1. O procedemento de elección dos membros dos consellos sociais dos centros integrados de formación profesional realizarase durante o primeiro trimestre do curso académico que corresponda.

2. Os consellos sociais dos centros integrados de formación profesional renovaranse por metades cada dous anos de xeito alternativo. Cada unha das metades configúrase do seguinte xeito:

a) Primeira metade: dous representantes da Administración, un profesor ou unha profesora do claustro, un representante designado polas organizacións sindicais e un representante designado polas organizacións empresariais.

b) Segunda metade: un representante da Administración, dous profesores ou profesoras do claustro, un representante designado polas organizacións sindicais e un representante designado polas organizacións empresariais.

3. Os integrantes dos consellos sociais dos centros integrados de formación profesional continuarán desempeñando o seu cargo en funcións ata o nomeamento e a toma de posesión dos novos membros que os sucedan.

Artigo 9º.-Elección de representantes do claustro de profesorado nos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

1. Os membros representantes do profesorado no consello social do centro integrado de formación profesional serán elixidos polo claustro, no seo deste. O voto será directo e secreto, e non se poderá delegar.

2. Serán electores todos os membros do claustro.

3. Serán elixibles todos os membros do claustro do centro integrado que presenten a súa candidatura.

4. O/a director/a convocará un claustro, de carácter extraordinario, no que figurará como único punto da orde do día o acto de elección e proclamación dos representantes electos do profesorado.

5. Na sesión do claustro extraordinario constituirase a mesa electoral para o efecto. A devandita mesa estará integrada polo director ou a directora do centro, que exercerá a presidencia, o membro do profesorado de maior idade e o membro de menor idade; este último actuará como secretario ou secretaria da mesa.

6. Para a válida constitución do claustro requirirase a presenza de máis da metade dos seus compoñentes. En caso de non alcanzar este quórum procederase a unha segunda convocatoria, vinte e catro horas despois da sinalada para a primeira, na que o claustro quedará validamente constituído cos membros asistentes.

7. Cada profesor ou profesora fará constar na súa papeleta, como máximo, dous nomes. Serán elixidos os profesores e as profesoras con maior número de votos.

8. O desempeño dun cargo directivo no centro será incompatible coa condición de representante electo do profesorado no consello social dos centros integrados de formación profesional do centro.

Artigo 10º.-Elección de representantes da xunta de expertos docentes nos centros dependente da Consellería de Traballo.

1. As persoas representantes do profesorado no consello social dos centros integrados de formación profesional serán elixidas pola xunta de expertos docentes, no seo deste. O voto será directo e secreto, e non se poderá delegar.

2. Serán electores todos os membros da xunta de expertos docentes.

3. Serán elixibles:

a) O profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que imparta docencia no CIFP dependente da Consellería de Traballo.

b) O profesorado que teña destino definitivo no centro.

c) O profesorado que imparta accións formativas no centro cunha duración mínima de 50 horas no último ano.

4. O/a director/a ha convocar unha xunta de expertos docentes, de carácter extraordinario, en que como único punto da orde do día figurará o acto de elección e proclamación de representantes electos do profesorado.

5. Na sesión de xunta de expertos docentes extraordinaria constituirase unha mesa electoral para o efecto. A devandita mesa estará integrada polo director ou a directora do centro, que exercerá a presidencia, o membro do profesorado de maior idade e o membro de menor idade; este último actuará como secretario ou secretaria da mesa.

6. Para a válida constitución da xunta de expertos docentes será necesaria a presenza de máis da metade dos seus compoñentes. En caso de non alcanzar este quórum, farase unha nova convocatoria vinte e catro horas despois da sinalada para a primeira, en que a xunta de profesores quedará validamente constituída cos membros asistentes.

7. Cada profesor ou profesora fará constar na súa papeleta, como máximo, dous nomes. Serán elixidos os profesores e as profesoras con maior número de votos.

Artigo 11º.-Cesamento e substitución.

1. Os membros do consello social dos centros integrados de formación profesional cesarán:

a) Por cesamento no cargo que orixinara o seu nomeamento.

b) Por expiración do período de mandato.

c) Por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento. A renuncia deberá presentárselle por escrito á autoridade, á entidade ou á institución que o designara e, logo de aceptada, comunicaráselle á persoa que exerza a presidencia do consello social dos centros integrados de formación profesional, quen lla comunicará á consellería competente, con data desde a que producirá efectos.

d) Por condena xudicial firme que ocasione a inhabilitación ou a suspensión de emprego ou cargo público.

e) Por decisión motivada da autoridade, entidade ou institución que o designase.

f) Por incumprimento grave ou reiterado nas súas obrigas.

g) Por perda da súa condición de profesor ou profesora do centro.

2. A autoridade, a entidade ou a institución correspondente deberá cubrir as vacantes que se produzan antes da finalización do mandato, no prazo máximo de tres meses. Se non se comunicase o acordo de designación dentro do anterior prazo á consellería competente, o posto permanecerá vacante ata o remate do correspondente mandato.

3. En todo caso, o membro substituto entenderase nomeado polo período que reste do mandato.

4. No caso de que non se comunique nos prazos establecidos para o efecto a designación dalgún dos representantes relacionados no artigo 4 como membros do consello social dos centros integrados de formación profesional, constituirase o consello social cos membros que estean nomeados.

5. O pleno poderá proporlle o cesamento dalgún membro á autoridade ou ao órgano que os designara ou elixira nos casos de incompatibilidade, por ausencia reiterada e inxustificada, e por incumprimento das obrigas inherentes ao seu cargo.

Capítulo IV

Organización e funcionamento

Artigo 12º.-Estrutura.

1. O órgano colexiado de dirección dos consellos sociais dos centros integrados de formación profesional é o pleno.

2. Son órganos unipersoais do consello social dos centros integrados de formación profesional:

a) A presidencia.

b) A secretaría.

Artigo 13º.-O pleno.

1. O pleno do consello social dos centros integrados de formación profesional é o seu máximo órgano de goberno e está integrado por todos os seus membros. Exerce con carácter indelegable a competencia decisoria nas materias que teña recoñecidas o consello social, entanto que non entren en contradición cos deberes ou coas funcións doutros órganos colexiados, ou coas funcións propias das administracións competentes.

2. O pleno será informado do estado de execución do orzamento, e dos contratos e os convenios en que o centro integrado sexa parte.

3. Reunirase con carácter ordinario polo menos tres veces por ano. As reunións convocaraas a súa presidencia mediante comunicación escrita ou telemática que dirixirá a todos os vogais, cunha antelación á celebración da sesión de polo menos sete días hábiles e con indicación da orde do día. Cando algún dos seus membros queira incluír algún punto na orde do día deberao facer ante o presidente ou a presidenta cunha antelación mínima de 72 horas respecto da data preceptiva para a súa celebración.

En caso de urxencia ou gravidade, o prazo de convocatoria será de corenta e oito horas.

A presidencia tamén convocará un pleno cando se lle presente solicitude por escrito e asinada por dous terzos dos seus membros, en que se farán constar os motivos da sesión extraordinaria que se solicita e os asuntos que se desexen incluír na orde do día. Neste caso, a presidencia deberá convocar o pleno nun prazo máximo de sete días hábiles desde a recepción da solicitude.

Artigo 14º.-As comisións.

1. O consello social dos centros integrados de formación profesional poderá constituír as comisións consultivas que estime convenientes, ben con carácter estable ou ben con carácter transitorio, para tratar asuntos determinados.

2. A función das comisións consistirá en estudar, deliberar e proporlle ao pleno a adopción de decisións sobre materias que se lle atribuíran.

3. Todas as comisións estarán presididas polo presidente ou a presidenta do consello social dos centros integrados de formación profesional, ou persoa en quen delegue de entre os membros do consello.

Artigo 15º.-Adopción de acordos.

1. Para a válida constitución dos órganos do consello social dos centros integrados de formación profesional, así como para a deliberación e a adopción de decisións no seu seo, precisarase a presenza de máis da metade dos seus compoñentes con dereito a voto. En calquera caso deberán estar presentes as persoas titulares da presidencia e a secretaría ou as que as substitúan por delegación.

2. Os acordos e as decisións adoptaranse por maioría simple de votos. En caso de empate decidirá o voto da presidencia.

As votacións poderán efectuarse:

a) A man alzada.

b) Nominais.

c) Secretas, cando así o solicite un membro do consello. En todo caso, serán secretas cando afecten a persoas concretas que manteñan relación co centro.

3. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos os membros do pleno e se declare a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

4. A presidencia do consello social dos centros integrados de formación profesional, por iniciativa propia ou por instancia dalgún membro do consello, pode invitar para asistir ás sesións dos órganos colexiados, con voz pero sen voto, persoas expertas e membros do ámbito do centro integrado de formación profesional, de acordo coa natureza dos asuntos que se vaian tratar.

Artigo 16º.-Eficacia dos acordos.

1. Os acordos adoptados polo consello social dos centros integrados de formación profesional posúen executividade inmediata, sen prexuízo dos recursos que se poidan interpor. O secretario ou a secretaria, co visto e prace da presidencia, remitirá inmediatamente unha certificación dos acordos á consellería competente, así como a cantos órganos, servizos e dependencias da Xunta de Galicia garden relación competencial cos asuntos aprobados.

2. Estes acordos notificaránselles ás partes interesadas na forma que proceda, e daráselles a publicidade oportuna a aqueles que o consello social considere de especial transcendencia para a sociedade.

Artigo 17º.-Acta das sesións.

1. De cada sesión redactarase unha acta, que conterá, como mínimo:

a) As circunstancias de lugar e tempo en que se celebre.

b) A identificación das persoas asistentes.

c) A orde do día da reunión e os aspectos principais da deliberación.

d) O xeito e o resultado da votación.

e) O contido dos acordos.

2. Os membros do consello social dos centros integrados de formación profesional presentes na votación poderán facer constar na acta o seu voto contrario ao acordo adoptado e os motivos que o xustifiquen, así como calquera outra circunstancia que estimen pertinente.

3. A elaboración da acta corresponderalle á secretaría do consello social dos centros integrados de formación profesional. No caso da súa ausencia, a elaboración corresponderalle, con carácter excepcional, ao membro do consello que designe a presidencia.

Artigo 18º.-Reintegro de gastos.

O presidente ou a presidenta e os vogais terán dereito a percibir as axudas de gastos de locomoción e de custo de viaxe que puideran corresponderlles por asistiren ás reunións do consello social dos centros integrados de formación profesional, nas contías establecidas na normativa vixente.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. No prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor deste regulamento, as autoridades, as entidades e as institucións sinaladas no artigo 4 designarán as súas persoas representantes nos consellos sociais dos centros integrados de formación profesional. No mes seguinte, comunicaránselle os devanditos nomeamentos ao Consello Galego de Formación Profesional.

2. En tanto quen non se constitúan as xuntas de expertos docentes dos centros dependentes da Consellería de Traballo, os tres representantes que deben ser elixidos por ela designaranse por e entre as persoas a que se fai referencia no punto 3 do artigo 10 desta orde, por medio de asemblea convocada para tal fin por parte da dirección do centro.

Segunda.-A primeira renovación do mandato da primeira metade das persoas integrantes do consello social dos centros integrados de formación profesional realizarase no primeiro trimestre do curso 2010-2011.

A primeira renovación do mandato da segunda metade das persoas integrantes do consello social dos centros integrados de formación profesional realizarase no primeiro trimestre do curso 2012-2013.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango, en todo o que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Para o que non estea regulado nesta norma, será de aplicación a normativa de centros integrados de formación profesional e subsidiariamente o establecido para os órganos colexiados no capítulo segundo do título segundo da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Habilítanse as persoas titulares da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e da Consellería de Traballo para procederen ao desenvolvemento desta orde nos seus respectivos ámbitos competenciais.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2009.

Laura Sánchez Piñón Ricardo Varela Sánchez

Conselleira de Educación Conselleiro de Traballo

e Ordenación Universitaria