DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 21 de xaneiro de 2009 Páx. 1.490

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

DECRETO 299/2008, do 30 de decembro, polo que se declaran ben de interese cultural, coa categoría de sitio histórico, as Torres de Meirás, situadas no termo municipal de Sada, na provincia da Coruña.

Unha vez incoado, mediante resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 1 de agosto de 2008, o procedemento de declaración de ben de interese cultural coa categoría de monumento en favor das Torres de Meirás, tamén coñecidas como Pazo de Meirás, situadas no termo municipal de Sada, na provincia da Coruña, e como parte dos trámites de instrución do expediente administrativo exixidos pola Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, foron solicitados senllos informes a tres dos órganos consultivos da Consellería de Cultura e Deporte: a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, o Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela.

Á vista destes informes constatouse que tanto o Consello da Cultura Galega como a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario consideran que, de entre as figuras de declaración de ben de interese cultural aplicables aos bens inmobles definidas polo artigo 8.4º da citada Lei 8/1995, é a de sitio histórico a que se adecúa con máis exactitude aos valores culturais que se transmiten a través da rica estrutura espacial do conxunto de elementos que conforman as Torres de Meirás, que conteñen en si mesmos a memoria de momentos importantísimos da historia de Galicia e do Estado español.

Así, para os efectos de valorar a oportunidade de proceder á declaración como ben de interese cultural das Torres de Meirás, os anteditos organismos culturais non consideraron tan decisivos os seus valores arquitectónicos ou artísticos, senón a súa destacada importancia como lugar de memoria, reflexo dun pasado burgués, cosmopolita, nobiliario e político, indubidablemente asociado con dúas personalidades históricas de gran notoriedade: a eminente escritora galega Emilia Pardo Bazán, unha das máis salientables representantes españolas do naturalismo literario, e a figura de Francisco Franco, xefe do Estado español durante 40 anos.

Consonte coas consideracións dos citados órganos consultivos, as Torres de Meirás son unha fantasía persoal de Emilia Pardo Bazán, un soño ou recreación arquitectónica que está moi unida á súa figura e personalidade e que é, incluso, soporte das súas ficcións literarias, o resultado do seu desexo de recrear un mundo de arquitecturas que estaba a cabalo entre un pazo e un castelo galegos, onde configurou ámbitos e espazos de forte sabor literario. Así, aínda que os deseños do pazo se asocien co arquitecto-historiador Vicente Lampérez ou ao artista e crítico de arte Rafael Balsa de la Vega, non debe dubidarse que, en xustiza, as Torres de Meirás constitúen unha recreación persoal de dona Emilia, son a súa novela ou narración pétrea feita arquitectura. Isto significa que as Torres de Meirás son feitura da condesa de Pardo Bazán, quen ademais o converteu en escenario creativo de moitos dos seus escritos, algo do que moi poucas construcións señoriais galegas poden presumir.

Finalmente, entenden tamén as expresadas institucións culturais que a memoria histórica impide esquecer a estreita vinculación das Torres de Meirás coa figura de Francisco Franco desde o ano 1939, pois, a partir desta data, o pazo convértese nun referente arquitectónico, acaso na construción máis mediática de toda a etapa franquista, pois foi a residencia estival do xefe do Estado español durante case catro décadas, e alí tiveron lugar numerosos consellos de ministros, visitas de estado, recepcións oficiais e diversos actos, que foron enchendo unha vida histórica que superou sobradamente o marco xeográfico da Galicia de Emilia Pardo Bazán.

Deste modo, como consecuencia dos expresados informes, que teñen carácter preceptivo e vinculante, consonte co establecido no artigo 9.3º da citada Lei 8/1995, do 30 de outubro, faise preciso reconsiderar a categoría de declaración como ben de interese cultural inicialmente prevista -a de monumento-, e proceder a declarar as Torres de Meirás como ben de interese cultural coa categoría de sitio histórico, a cal engloba todos os valores de distinta índole que favorecen a súa declaración como ben de interese cultural, e permitirá ás xeracións futuras acercarse a elas cun espírito positivo e ecuánime.

Á vista do exposto e logo da tramitación do correspondente expediente administrativo, que se levou a cabo conforme as disposicións vixentes e tendo en conta o disposto no artigo 12º da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte, e logo da deliberación do Consello de la Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de decembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar ben de interese cultural, coa categoría de sitio histórico, as Torres de Meirás ou Pazo de Meirás, situadas no termo municipal de Sada, na provincia da Coruña.

Segundo.-Delimitar a zona afectada pola declaración, segundo a descrición literal e o plano que constan nos anexos I e II ao presente decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

ANEXO I

Extracto do expediente polo que se declaran ben de interese cultural as Torres de Meirás, situadas no termo municipal de Sada, na provincia da Coruña.

I. Datos sobre o ben obxecto da declaración.

1. Denominación: Torres de Meirás ou Pazo de Meirás.

2. Localización:

a) Comunidade Autónoma: Galicia.

b) Provincia: A Coruña.

c) Concello: Sada.

d) Lugar: Meirás.

II. Datos administrativos.

1. Expediente nº: SIP.01003.

2. Incoación.

a) Data de incoación: 1 de agosto de 2008.

b) Data de publicación:

DOG do 12 de agosto de 2008.

BOE do 25 de agosto de 2008.

c) Data de comunicación ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural: 12 de agosto de 2008.

3. Instrución.

a) Institucións que emitiron informe favorable.

-Consello da Cultura Galega.

-Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario.

-Universidade de Santiago de Compostela.

b) Data de apertura do período de información pública: 26 de agosto de 2008.

Duración: un mes.

c) Foron debidamente respondidas en tempo e forma as alegacións formuladas polos interesados que desempeñan tal condición, de conformidade co disposto no artigo 31º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III. Descrición.

III.I Descrición das partes integrantes.

A) O predio.

As Torres de Meirás sitúanse próximas á parte central dunha gran propiedade, cerrada sobre si na zona elevada dunha ladeira que domina un amplo val. O edificio amosa unha solidez de formas semellante á das estruturas medievais.

Rodea o conxunto un forte muro de pedra que forma ángulo recto nos límites norte e leste, e que se adapta ao trazado da estrada Meirás-Santa Cruz polo oeste. No momento en que se construíu o peche existían tres parcelas que non foran engadidas á propiedade entre as que se atopa a da Casa das Cunchas, polo que o remate pola beira sur se afasta da estrada, que discorre paralela á fronte norte a unha cota inferior.

B) Os accesos.

Accédese a un predio a través dun portalón de ferro forxado diante do que se conserva unha das garitas de control de cantaría. Desde aquí, un camiño conduce polo interior ata a casa dos caseiros e continúa entre unha masa arborizada e bordeado de elementos decorativos, cara á fachada oeste do Pazo. Ademais desta entrada existe outra de similares características no extremo noroeste da parcela, que comunica coa fachada norte da edificación principal.

Finalmente, preto da Casa do Garda, na fronte sur que dá á estrada, sitúase un portón de madeira entre dous piares de formigón que substitúe o elemento que, posiblemente nunha época relativamente recente, constituía unha terceira entrada orientada á fachada principal sur das Torres. Desde ela accédese á parte inferior do predio e ao camiño que discorre pegado ao muro de peche que chega á antiga granxa. Está na cota máis baixa da parcela, da que parte o primeiro cómaro que vai ascendendo cunha lixeira pendente ata chegar á escalinata situada na fronte da fachada sur, e que desembarca na cota da explanada sobre a que se ergue o edificio.

Desde esta mesma entrada iníciase outro camiño delimitado por un muro de pedra que contén o terreo deste segundo cómaro, no que se sitúa a edificación principal. Apoia sobre un dos seus tramos un emparrado, a partir del o camiño está empedrado con lastros e bordeado de magnolios. Na parte máis alta, antes de chegar á explanada da casa dos caseiros, déixase á esquerda o espazo onde aínda se conservan as fontes do antigo xardín da granxa de Meirás. Este acceso conflúe co que hoxe está en uso e que achega ao edificio principal.

C) O edificio principal.

O volume.

A construción que se denomina Torres ou Pazo de Meirás forma un vasto polígono irregular, no que se elevan tres torres cadradas en esquina, de distinta altura e ameadas. As dúas torres da fachada oeste están unidas por un corpo máis baixo que acolle a capela; entre as torres da fachada sur existe outro corpo, tamén de menor altura, no que está a portada principal de acceso, que aloxa o vestíbulo.

O edificio implántase sobre o predio descrito anteriormente, coa fachada principal orientada cara ao sueste, en cuxo extremo se ergue a chamada Torre da Quimera. Trátase dunha construción con planta en L en canto ao seu funcionamento interior, ao que se lle engade un corpo polo extremo norte de proporcións similares ao que alberga a escaleira, e entre os que se crea un pequeno patio a través do que iluminan e ventilan fundamentalmente as dependencias do servizo.

A planta e as cubertas.

As estancias distribúense en dúas plantas a excepción das torres de poñente (con tres alturas) e a da Quimera (con catro). Cóbrense a catro augas ao igual que o volume engadido pola fronte traseira que ademais ten unha bufarda orientada cara á fachada norte. O corpo da capela ten un pequeno faldrón a unha auga e o resto cuberta curva. Sobre o vestíbulo de entrada e a escaleira principal hai dous planos de cuberta en banzos, con pendente e desaugamento cara á fachada principal. O resto da cuberta é a dúas augas con faldróns de distinta dimensión en función da xeometría da propia planta.

As fachadas.

O fronte principal do Pazo de Meirás, orientado ao sueste, ve alterada a súa simetría pola diferenza de altura entre as dúas torres que o compoñen. O material empregado para o seu cerramento é o granito, aínda que existe unha gran variedade nos tipos de aparello, reservándose as mellores pezas de cantaría para os esquinais, os vans, remates e pezas singulares. No corpo baixo céntrase a porta principal ornamentada, cos muros cubertos por buganvíleas que descolgan desde a cuberta. Ao non estar ao nivel da explanada que circunda o pazo, accédese a ela subindo por unha pequena escalinata.

En ambas as torres, aínda que de xeito desigual, búscase a composición dos vans. Todos eles son de proporcións verticais e carpintarías de dúas follas, uns rematados con arco de medio punto e outros con linteis horizontais. Incluso aqueles que se dispoñen corridos, seguen este mesmo criterio separados por esveltas columnas cos seus capiteis, remarcando a verticalidade. Entre eles destacan as elegantes ventás dunha das torres, formadas por unha tripla arcada apoiada en columnas e balaustrada corrida do segundo andar, e os ocos en esquina da seguinte planta baixo linteis de cantaría rematados en arco labrado na mesma peza e apoiados sobre tres esveltas columnas con capiteis.

O balcón cuberto da Torre da Quimera é outro dos elementos singulares desta fachada. Está soportado por tres poderosas ménsulas ou canzorros, con balaustrada de remate macizo sobre pequenas columnas, na que apoia a dobre arcada que soporta a cuberta e na que non faltan os elementos decorativos de épocas anteriores.

A fachada este, abrazada polas hedras que substitúen os elementos decorativos, está integrada coa paisaxe. Presenta a imaxe de torre cun corpo apegado, no que as partes macizas se ven interrompidas polos numerosos vans practicados para serviren ás estancias da zona nobre, perfectamente orientadas na planta primeira que acolle os dormitorios.

Non é posible apreciar a calidade das fábricas pero si a orde compositiva da fachada, con ocos e carpintarías das mesmas proporcións, sinxelos todos eles, cunha soa singularidade: o balcón corrido con varanda de ferro que asoma discretamente centrado neste corpo baixo.

Cara ao norte a fachada das dependencias do servizo, ofrece en aparencia unha imaxe de fábrica de cantaría de pequeno tamaño, probablemente un aplacado. Existe unha clara diferenciación entre os dous corpos da ala este: o de cuberta a dúas augas e o que podería ter sido engadido nalgún momento para ampliar as torres e dotalas dunha área destinada á servidume dentro da propia casa. Ao igual que sucede co volume prismático da cheminea que parte da cociña apegado a esta fachada salvando coherentemente os vans nela practicados; ou o pequeno tiro da cociña necesario, por outra banda, para ir adaptando o inmoble ás novas necesidades. Pouco hai que dicir sobre a organización dos ocos nesta fronte, de proporcións similares aliñados por plantas na suposta ampliación e pode que reorganizados na baixa no momento no que a cociña foi remodelada.

A única torre que ten fachada ao norte, aparentemente de cantaría, conta cun único van centrado na primeira planta que ilumina e ventila un dormitorio. No piso seguinte, un van en esquina, simétrico ao da outra torre. Finalmente cara ao oeste, preséntase o lateral da área de servizo e o patio interior pechado por unha reixa metálica, sen variación na fábrica empregada nin en canto a proporcións e organización de vans.

Na fachada oeste, entre as torres, avanza o volume da capela. O seu fronte está proxectado, con similar criterio construtivo, compositivo e ornamental que a fachada principal. Variedade no tipo de aparello, ordenación e tipoloxía de vans, elementos decorativos e escudos conforman a súa imaxe. Aliñados co cerramento da fachada leste e co do corpo de servizo polo lado oeste, hai dúas portadas, ou pórticos exentos, que pechan a explanada que circunda o edificio pola fronte traseira, organizándose así un pequeno patio ao que se sae desde esta área de servizo. A situada ao oeste parece que foi trasladada desde o muro que delimita a propiedade no lugar no que hoxe hai un portón de madeira, referido anteriormente como terceira entrada.

Os espazos interiores.

Dos departamentos de Meirás é o vestíbulo o máis destacable. Está centrado por un arco ante o que arranca a larga escaleira de granito, e pasamáns de pedra, que se abre en dúas ramas, torcendo na dereita, para resolver a distinta altura das dúas alas do edificio, e desembocar na galería que rodea o vestíbulo. Sobre o primeiro relanzo atópase unha vidreira de cores. No cadrado posterior do vestíbulo, onde se situaban noutro tempo parte dos numerosos volumes da biblioteca de dona Emilia Pardo Bazán, un friso de madeira e mobles de época, cadros, tapices, armas e pergamiños.

As Torres de Meirás responden ao esquema de dúas alturas e faiado, dúas torres con tres plantas, incluída a baixa, e a da Quimera cun terceiro andar. Reservadas estas para algún dos dormitorios, escritorios, bibliotecas, ou salas da familia, poderíamos diferenciar no resto dos espazos, a zona nobre da destinada á servidume. Ao oeste da planta baixa atopamos as dúas torres de menor altura unidas pola capela. A unha delas accédese desde o vestíbulo que, noutra época, era un despacho e hoxe está habilitado como dormitorio. Tras el, un distribuidor previo ao cuarto de baño e desde aquel, o acceso á escaleira interior que sobe á planta primeira desta torre. Desde este dormitorio temos o único acceso interior á sancristía e á capela. Nesta merece mención o interesante retablo de madeira que encadra a San Francisco. O teito é abovedado, con tribuna á que se accede desde a planta superior da outra torre. Na planta baixa desta sitúase unha biblioteca con acceso desde o vestíbulo que envolve a

solemne escaleira. Os paramentos verticais están panelados en madeira vernizada, sobresaíndo os andeis cheos de libros e documentos cuxo valor se descoñece. O teito ten unha banda de artesoado perimetral e viguería e apontonado de madeira á vista.

Na ala leste distribúense, no espazo destinado á zona nobre, dous salóns de respecto, e o comedor, rematando este corpo nun office e a cociña, xa vinculados ao ámbito da servidume. Estas dependencias están comunicadas polo interior e só se accede, desde o corpo principal, ás dúas primeiras salas. No muro que as separa, coincidente coa base do lado norte da Torre da Quimera hai dúas chemineas de cantaría coa cambota apoiada sobre columnas con capiteis esculpidos ao igual que o seu cornixamento. Unha porta á dereita da escaleira principal dá paso a un pequeno distribuidor no que se sitúa o cuarto de aseo de cortesía e o ascensor cuxo volume sobresae no extremo sueste do patio. A partir de aquí sitúase o amplo corredor da zona de servizo, na que en simetría coa cociña e office está a zona de lavado, dúas estancias, nunha delas está o cadro eléctrico e a outra habilitada como dormitorio, cuartos de aseo e a escaleira que comunica coa área de servizo do primeiro andar.

O esquema da planta primeira é idéntico á descrita. Mantense o perímetro e, en xeral, os muros de carga transversais que van delimitando os corpos da edificación. Pola escaleira de servizo que acabamos de nomear accédese aos dormitorios da servidume. O volume da capela de maior altura é accesible a esta cota a través da tribuna, e o corpo da entrada principal, a dobre altura, rodea o dobre departamento que forma o vestíbulo.

Nunha das torres hai un despacho con acceso directo á escaleira de baixada ao dormitorio que ten acceso directo á capela. Enriba da sancristía, a escaleira de subida á planta segunda da torre con acceso directo desde o corredor perimetral. Desde aquí outra porta de entrada á escaleira da terceira torre, que neste andar está ocupada por un dormitorio e o seu cuarto de aseo. Desembarcando pola rama da dereita e salvando cinco chanzos, chegamos ao distribuidor da ala este. Nel atópase a porta do ascensor e desde el pásase ao amplo corredor a través do que se accede ás dependencias nobres desta planta. Dormitorios e cuartos de aseo distribúense dun xeito similar. No extremo sur, pegada á Torre da Quimera, unha escaleira previa á entrada da única sala que nesta planta ocupa a superficie desta torre. Xa no segundo andar, as torres con cadanseu dormitorio con cuarto de baño e o remate das escaleiras. No caso da Torre da Quimera, na que esta segue subindo, existe unha pequena variación con

respecto ao representado na planta no tocante ao núcleo de comunicación vertical. Neste relanzo hai unha porta que comunica co faiado. Nel percíbense parte dos danos do incendio sufrido polo pazo no ano 1978. Vese a estrutura de cuberta de cerchas metálicas roblonadas e o falso teito da planta inferior colgando da antiga estrutura de madeira, cos novos forxados de formigón que a deberon de vir substituír na área afectada, fundamentalmente esta ala este.

III.II. Xustificación do contorno de protección.

A ordenación urbanística provisional vixente no termo municipal de Sada, establece unha franxa de protección de 100 metros para calquera elemento inventariado. Esta distancia determínaa de forma xenérica o artigo 30 das normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia da Coruña (aprobadas pola Orde do 3 de abril de 1991 da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas). Neste artigo indícase que será preciso informe da Consellería de Cultura, que terá carácter vinculante, con carácter previo ao outorgamento da correspondente licenza de obras, para calquera intervención que teña lugar na área de protección dun ben integrante do patrimonio cultural, constituída por unha franxa cunha profundidade, medida desde o elemento ou vestixio máis exterior do ben protexido, de 100 metros cando se trate de elementos de arquitectura civil e relixiosa; esta medida debe concretarse no momento no que se redacta e aproba un documento urbanístico, logo de análise

individualizada do contorno dese ben, podendo estenderse ou reducirse en función de diversos factores. Este documento, en moitos casos, establece as mesmas distancias para cada grupo de elementos inventariados a falta dun estudo pormenorizado.

Consonte ditamina o artigo 11.1º b) da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, no expediente de declaración dun ben inmoble como ben de interese cultural, deberán de figurar perfectamente definidas as súas relacións coa área territorial á que pertence, así como a protección dos accidentes xeográficos e elementos naturais que conformen o seu contorno, que aparecerá delimitado tamén graficamente, en atención á súa axeitada protección, contemplación e estudo.

Nas visitas efectuadas polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ao lugar de Piñeiro para poder concretar o contorno de protección, apreciouse con claridade a falta de homoxeneidade e descontrol, tanto no diferente estado de conservación coma nas intervencións sobre as escasas edificacións preexistentes no núcleo, en torno á capela da Milagrosa, ben igualmente inventariado ao que lle sería de aplicación a normativa de protección vixente respecto dos bens inventariados. Igualmente ocorre coas obras de nova planta, chamando especial atención a variedade nos peches de parcelas executados con materiais pensados para seren revestidos, mesturados con pezas prefabricadas ou chapados en pedra e un gran mostrario de elementos metálicos, onde ademais destaca a diversidade cromática; o que se podería trasladar ao criterio adoptado na execución das novas edificacións.

Tal e como se reflicte no punto 3º do informe do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, sobre a pertinencia do contorno de protección «Neste punto a documentación gráfica é exhaustiva, permitindo apreciar todas as relacións físicas e visuais do ben cos elementos integrados nese contorno de protección. Habida conta das urbanizacións de chalés que nos últimos tempos foron construídos nas inmediacións do predio amurallado das Torres, valórase positivamente a retracción da liña do contorno para excluír as devanditas urbanizacións no sector comprendido entre os puntos A, G e F. No resto do contorno, tamén se considera axeitada a extensión do límite de protección alén da estrada de Meirás a Santa Cruz, onde se atopan as visuais principais para a observación das Torres de Meirás, seguindo o contorno o curso ascendente desta mesma estrada ata o punto D, e coa continuación ata enlazar na parte alta do monte do lugar de Piñeiro nos puntos E e F». Este

parágrafo resume con claridade a proposta dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que, tras analizar e ter en conta os diferentes tipos de solo en función do planeamento vixente, unha vez efectuada unha primeira visita ao lugar, teñen en consideración máis aspectos para a súa xustificación que aqueles derivados unicamente da protección establecida polo documento urbanístico.

Pártese da existencia no lugar de dous elementos inventariados -entre eles as propias torres- sometidos a unha ordenación e protección específica, ademais dun ámbito no que se diferencian: solo urbano, SU de entidades de poboación emprazadas no medio rural e solo non urbanizable de réxime normal ou de protección de canles e ríos, que se vén corresponder co solo rústico da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, coas modificacións derivadas da Lei 15/2004, do 29 de decembro. As limitacións que, en virtude desta lei se establecen para este tipo de solo, son xa unha garantía para a preservación do contorno e, en consecuencia, do inmoble.

Pero, desde o punto de vista do patrimonio cultural construído, as áreas de protección, sobre todo no que respecta aos monumentos, baséanse nas relacións físicas e visuais do ben cos inmobles e espazos que o rodean, por riba do que dispoña o planeamento municipal. Isto non implica que nas propostas se omita a súa análise para evitar gravar con máis cargas os propietarios dos terreos afectados; cargas que, por outra banda, só supoñen un control das intervencións nun ámbito que neste caso, xa estaba na súa meirande parte afectado pola existencia de dous elementos protexidos como consecuencia da aplicación do propio documento urbanístico. É máis, a delimitación proposta no seu día, redúcese con respecto aos 100 metros do muro de peche da Finca e Pazo de Meirás, cara ao norte e leste, grazas á barreira vexetal que rodea as Torres en ambas as dúas direccións; e si se amplía cara a onde se atopan as visuais principais para a observación das Torres, coincidindo maioritariamente con áreas de

solo rústico e puntualmente superpoñéndose a parcelas de solo urbano.

Logo, a maneira de ir concretando esta liña, pártese dun percorrido peonil polos arredores, tendo en conta a topografía do territorio, a necesidade de establecer un control sobre o ámbito máis degradado, no que ademais existe outro elemento incluído no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, ou incluso a imposibilidade de facelo sobre unha área recentemente urbanizada, pero á fin e ao cabo, protexida pola masa vexetal e polo tanto, illada do elemento sobre o que se está a reforzar a protección. Completando a xustificación, cómpre lembrar que a importancia da edificación vén reafirmada polo seu privilexiado contorno, inmersa nun frondoso parque dentro dun predio pechado e delimitado por un muro de cachotaría, así como a súa situación estratéxica determinada pola súa proximidade á costa, dominando as amplas vistas sobre unha extensa zona das Mariñas e a ría de Sada.

III.III. Descrición do contorno de protección.

O contorno de protección proposto queda literalmente xeorreferenciado mediante a cita das parcelas catastrais ou estradas polas que discorre a demarcación detallada graficamente na planimetría adxunta. As parcelas identifícanse mediante dous grupos numéricos separados por unha barra que indican o polígono e parcela catastrais (polígono/parcela).

Pártese do punto A situado sobre a estrada da rede autonómica AC-183, Sada (AC-162)-Arillo (AC-173) na esquina NE da parcela 76065/11; desde ese punto segue cara ao sur polo linde leste das parcelas 76065/11, 12/340 e 12/327, ata o punto B na esquina SE da parcela 12/327. Desde este punto continúa cara ao oeste polo linde sur das parcelas 12/344, 12/345, 12/361, 12/362, 12/365, 12/366, 12/371, 12/370, 12/369, 12/368, 12/203 e 12/202, neste punto cruza o camiño e segue polo linde sur das parcelas 12/201, 12/453, 12/189, 12/451, 12/182, 12/181 e 12/176, linde leste da parcela 12/172 e lindes sur e oeste das parcelas 12/167, 12/168, 12/169 ata o punto C situado na esquina SE da parcela 12/165. Desde este punto segue pola estrada AC-183 en dirección a Arillo ata o punto D situado sobre esta estrada na esquina SW da parcela 70119/03. Desde este punto segue polo linde sur desta parcela e polos lindes norte das parcelas 70119/07, 70119/06 e 70119/04 ata o punto E situado na esquina NW da

parcela 70119/10, onde xira cara ao sur seguindo o linde oeste desta parcela, cruza o camiño de Meirás ao Valo e segue este camiño hasta o punto F que se sitúa na esquina NW da parcela 72115/31. A liña de delimitación continúa seguindo o linde oeste desta parcela ata o encontro coa parcela 72115/26, de aquí continúa cara ao leste, coincidindo co linde desta parcela ata a esquina NW da parcela 72115/18, segue polo linde sur desta parcela e das parcelas 72115/17, 72115/16 ata o punto G na esquina NW da parcela 6/113. Desde este punto continúa coincidindo cos lindes norte e leste da dita parcela e o linde leste das parcelas 6/112, 6/137 e 76096/8 ata chegar á estrada AC-183 de Sada a Arillo, cruza a dita estrada e continúa cara ao leste ata o punto A de partida co que se pecha a delimitación do contorno.

Ver referencia pdf "01400D005P046.PDF"