DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 21 de xaneiro de 2009 Páx. 1.449

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 298/2008, do 18 de decembro, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mediación de seguros e reaseguros privados.

A Lei orgánica 6/1999, do 6 de abril, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de ordenación do crédito, banca e seguros. Así mesmo, esta norma recolle que o exercicio da competencia que se transfire se realizará de acordo coa ordenación da actividade económica xeral e se axustará ao disposto polo Estado no exercicio das súas competencias, de conformidade co artigo 149.1.11ª da Constitución.

As bases estatais de ordenación en materia de mediación de seguros e reaseguros privados figuran contidas na actualidade na Lei 26/2006, do 17 de xullo, de mediación de seguros e reaseguros privados. Esta nova norma derroga a anterior Lei 9/1992, do 30 de abril, de mediación en seguros privados, disposición con base na cal se ditou o Decreto 118/2001, do 10 de maio, polo que se regulan as competencias da comunidade autónoma en materia de mediación en seguros privados, polo que se fai necesaria unha nova regulación autonómica na materia, naqueles aspectos introducidos ou modificados pola Lei 26/2006.

Entre os numerosos cambios desta Lei 26/2006 aos cales hai que dar cobertura, destaca a regulación de dúas novas figuras da mediación de seguros, como son a/o axente de seguros vinculada/o a varias entidades aseguradoras e a/o corredora/or de reaseguros. A aparición destas novas figuras da mediación, así como a incorporación de diversos datos inscritibles, aconsellan a creación dun novo rexistro administrativo de mediadores de seguros que substitúa o actual Rexistro de corredores de seguros, de sociedades de corredoría de seguros e dos seus altos cargos.

Outro aspecto importante que convén trasladar á nova regulación é o de facilitar a relación coa Administración por medios electrónicos, incorporando a posibilidade de remisión telemática da información que teñen que remitir periodicamente as/os mediadoras/es de seguros e reaseguros. Esta posibilidade recolle o impulso ao emprego de medios electrónicos xa establecido no artigo 45 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, habilitación que se completa co artigo 27.6º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Por todo o que antecede, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda no exercicio das facultades que lle outorga o artigo 34 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de decembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto a regulación das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mediación de seguros e reaseguros privados.

2. De acordo co establecido na Lei orgánica 6/1999, do 6 de abril, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia; na Lei 26/2006, do 17 de xullo, de mediación de seguros e reaseguros privados, e no Decreto 321/1999, do 16 de decembro, polo que se asumen funcións e servizos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mediadores de seguros, corresponde a esta comunidade autónoma as competencias respecto as/os mediadoras/es de seguros e reaseguros privados con domicilio e ámbito de operacións limitados ao territorio da comunidade.

3. No exercicio das competencias propias da Comunidade Autónoma de Galicia, entenderanse feitas á consellería competente en materia de economía e á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros as referencias que na lexislación básica estatal se fan aos órganos equivalentes da Administración xeral do Estado.

Artigo 2º.-Exercicio das competencias.

1. No ámbito de competencias normativas correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo das bases de ordenación e supervisión da mediación dos seguros privados contidas na Lei 26/2006, do 17 de xullo, de mediación de seguros e reaseguros privados e nas disposicións regulamentarias básicas que as complementen. Ademais, ten competencia exclusiva na regulación da súa organización e funcionamento.

2. No ámbito de competencias de execución, correspóndenlle as de ordenación e supervisión das/os axentes de seguros vinculados, dos operadores de banca-seguros vinculados, das/os corredoras/es de seguros e das/os corredoras/es de reaseguros, que se outorgan á Administración xeral do Estado na mencionada Lei 26/2006, do 17 de xullo, de mediación de seguros e reaseguros privados, entendéndose feitas ao órgano autonómico competente as referencias que nela se conteñen ao Ministerio de Economía e Facenda e á Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións, agás as reguladas no capítulo IV do título II e no título III.

3. En relación coas/cos axentes de seguros exclusivos e os operadores de banca-seguros exclusivos, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia exercer as competencias sobre eles, sempre que a entidade aseguradora para a cal prestan os seus servizos estea sometida ao control e supervisión da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Creación do Rexistro Administrativo.

1. Créase o Rexistro Administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia, que se constitúe como instrumento de publicidade, así como de organización e control das/os mediadoras/es de seguros inscritos.

2. O rexistro estará adscrito á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros.

3. As/os mediadoras/es de seguros e reaseguros incluídos no ámbito de aplicación desta norma, con carácter previo ao desenvolvemento da actividade, deberán solicitar a súa inscrición no rexistro a que fai referencia este artigo.

4. A inscrición no citado rexistro farase efectiva sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos pola normativa aplicable, sendo requisito constitutivo para adquirir a condición de mediador de seguros ou corredor de reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Mantemento do rexistro.

1. As/os mediadoras/es de seguros e as/os corredoras/es de reaseguros inscritos no rexistro a que se refire o artigo anterior deberán facilitar a documentación e información necesarias para permitir o seu mantemento actualizado.

2. Para estes efectos remitirán á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros os documentos, datos e demais información na forma e nos prazos que se establezan regulamentariamente, sen prexuízo da obriga de atender tamén aos requirimentos individualizados de información que se lles formulen. A administración supervisora garantirá, en todo caso, o cumprimento da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal e demais normativa de aplicación.

3. Será causa de cancelación da inscrición das/os mediadoras/es de seguros e das/os corredoras/es de reaseguros neste rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia deixar de cumprir algún dos requisitos exixidos para manter a súa inscrición segundo a normativa aplicable.

Artigo 5º.-Remisión telemática.

1. A información que, de acordo co disposto na Lei 26/2006, do 17 de xullo, de mediación de seguros e reaseguros privados, deba ser remitida á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros para manter a condición de mediadora/or de seguros ou de reaseguros, así como calquera outra que sexa exixible en execución da normativa aplicable, poderá remitirse a través de medios telemáticos mediante os procedementos que determine regulamentariamente a consellería competente en materia de economía.

2. A/o conselleira/o competente en materia de economía determinará os supostos e condicións en que as/os mediadoras/es de seguros e de reaseguros remitirán por medios telemáticos, ante a dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros, a documentación e información que están obrigados a subministrar conforme a súa normativa específica, en especial a información estatístico-contable que deben remitir periodicamente as/os corredoras/es de seguros e os de reaseguros e a documentación que regulamentariamente se determine doutras/os mediadoras/es de seguros.

Artigo 6º.-Relacións cos órganos de representación do sector da mediación de seguros en Galicia.

Sen prexuízo das competencias que teña atribuídas a consellería competente en materia de colexios profesionais, os colexios de mediadores de seguros ou os órganos de representación dese sector en Galicia relaciónanse coa Administración autonómica, polo que respecta ás materias reguladas neste decreto, a través da dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros.

Artigo 7º.-Probas de aptitude e cursos de formación.

1. Os colexios de mediadores de seguros ou o órgano único que os represente poderán organizar as probas de aptitude en materias financeiras e de seguros privados e emitir as certificacións que acrediten a superación das devanditas probas, logo da autorización da dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros.

2. De acordo co establecido na normativa aplicable, os cursos de formación en materias financeiras e de seguros privados que se impartan na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de acreditar a formación específica, axustaranse ás seguintes regras:

a) As organizacións máis representativas das/os mediadoras/es de seguros e das entidades aseguradoras, así como as institucións universitarias públicas ou privadas que pretendan realizar os cursos exixidos ao grupo A, deberán contar coa autorización previa da dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros.

b) As organizacións das entidades aseguradoras e das/os mediadoras/es de seguros e de reaseguros; as entidades aseguradoras; as entidades de crédito; as empresas de mediación de seguros e de reaseguros, individualmente ou agrupadas; as institucións universitarias públicas ou privadas, así como os centros integrados de formación profesional, que pretendan realizar os cursos de formación exixidos aos grupos B e C, deberán comunicalo previamente á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros.

Disposición transitoria

As/os corredoras/es de seguros, persoas físicas ou xurídicas, que na data de entrada en vigor deste decreto figuren inscritos no Rexistro de corredores de seguros, de sociedades de corredoría de seguros e dos seus altos cargos, creado pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de xullo de 2000, quedan inscritos no Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia, creado por este decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto e, expresamente, as seguintes:

-Decreto 118/2001, do 10 de maio, polo que se regulan as competencias da comunidade autónoma en materia de mediación en seguros privados.

-Resolución do 30 de xullo de 2001 sobre delegación de atribucións no director xeral de Política Financeira e Tesouro da Consellería de Economía e Facenda.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento regulamentario.

Facúltase a/o conselleira/o competente en materia de economía para ditar cantas disposicións resulten necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto neste decreto, en particular para regular o Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a información que deban remitir á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros as/os mediadoras/es de seguros e reaseguros inscritos/as nel.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda