DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 18 de agosto de 2008 Páx. 15.650

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de xullo de 2008 pola que se regulan as probas de acceso ás ensinanzas profesionais de música dispostas no Decreto 203/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de música.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación establece no seu artigo 49 que para acceder ás ensinanzas profesionais de música será preciso superar unha proba específica de acceso, e que se poderá acceder igualmente a cada curso sen ter superados os anteriores sempre que, a través dunha proba, o aspirante demostre ter os coñecementos necesarios para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

O Decreto 203/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de música, nos seus artigos 11 e 12 regula aspectos básicos para a realización das probas de acceso ao grao profesional e habilita a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as normas que se consideren oportunas para o seu desenvolvemento.

Por outra parte, o artigo 13 do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas, dispón que os centros profesionais de ensinanzas de música impartirán a especialidade de piano e, cando menos, as especialidades instrumentais de corda e vento que constitúen o cadro de persoal da orquestra de cámara.

Cómpre, pois, desenvolver a normativa correspondente co fin de establecer criterios comúns nas probas de acceso para iniciar os estudos do primeiro curso do grao profesional ou para acceder a calquera outro curso deste grao, velando pola maior obxectividade na súa valoración.

En consecuencia, e de acordo co establecido no Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

Os conservatorios e os centros autorizados de música da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan as ensinanzas do grao profesional establecidas no Decreto 203/2007, do 27 de setembro, desenvolverán as probas de acceso a este grao de acordo co disposto nos artigos 11 e 12 do devandito decreto e ademais co establecido nesta orde.

Artigo 2º

1. A proba de acceso realizarase nunha única convocatoria anual, que terá lugar no mes de xuño para o acceso ao primeiro curso, e no mes de setembro para os demais cursos.

2. Os conservatorios e os centros autorizados deberán poñer en coñecemento da Inspección Educativa, con anterioridade ao 30 de abril, a oferta de especialidades para o acceso ao grao profesional, con indicación expresa do número de vacantes para cada unha delas.

Artigo 3º

Co obxecto de que se poida constituír a base dunha orquestra de cámara e dunha banda, os centros que impartan ensinanzas profesionais de música potenciarán, na medida das súas posibilidades organizativas, a oferta de prazas nos instrumentos que integran estas agrupacións.

Artigo 4º

1. Se un candidato optase a máis dunha especialidade, o exercicio de linguaxe musical do acceso ao primeiro curso e o exercicio teórico-práctico de acceso aos restantes cursos será común para todas elas.

2. Os candidatos que concorran a máis dunha especialidade aboarán as taxas públicas completas para cada unha delas.

Capítulo II

Admisión e matrícula para as probas de acceso

Artigo 5º

Os conservatorios e os centros autorizados de música farán públicos os prazos de matrícula, datas de exame e número de postos escolares vacantes coa suficiente antelación. Así mesmo, publicarán nos taboleiros de anuncios dos centros os contidos e criterios de avaliación das probas, que serán acordes co proxecto curricular de cada centro.

Artigo 6º

1. A inscrición na proba de acceso realizarase para a especialidade ou especialidades polas que se opte. A proba realizarase no instrumento correspondente a cada especialidade. Non obstante, no caso do acceso ao primeiro curso do grao profesional, a proba para as especialidades recollidas na columna B do anexo I desta orde poderá realizarse nos correspondentes instrumentos que figuran na columna A do citado anexo.

2. En relación co punto anterior, considéranse instrumentos afíns, unicamente aplicables no acceso ao primeiro curso do grao profesional, os que se sinalan no anexo I desta orde.

Artigo 7º

1. Para acceder a calquera curso do grao profesional non será necesario ter superado o grao elemental de música.

2. Os candidatos matriculados nalgún curso do grao profesional que esgotaran a permanencia nese curso poderán continuar estes estudos logo de superar unha nova proba de acceso ben ao curso inmediatamente superior no que esgotaron a permanencia ou ben aos cursos seguintes.

3. O alumnado que abandonara os seus estudos e desexe retomalos deberá realizar unha nova proba de acceso ben ao curso no que estivera matriculado cando abandonou ou ben aos cursos seguintes.

4. En relación cos puntos anteriores, e para os efectos de cómputo dos límites de permanencia nos cursos e no grao, deberanse ter en conta os cursos realizados con anterioridade no grao profesional.

5. En todo caso, o número máximo de probas de acceso ao grao profesional que poderá realizar cada aspirante é de catro: dúas convocatorias ao primeiro curso e outras dúas convocatorias a calquera outro curso que non sexa o primeiro. Para estes efectos, non se computarán as probas nas que se obtivera a puntuación mínima establecida para o acceso.

Capítulo III

Probas de acceso

A) Aspectos comúns das probas de acceso ao grao profesional.

Artigo 8º

As probas de acceso serán xulgadas por un tribunal constituído para tal efecto por profesores do centro designados pola dirección. Estas probas estrutúranse en dúas partes, a primeira de carácter práctico que avalía a interpretación instrumental, e a segunda que avalía os coñecementos teóricos e prácticos da linguaxe musical.

Artigo 9º

Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos do DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade e do xustificante da matrícula, así como das partituras orixinais para a súa interpretación perante o tribunal. No caso de que a proba de acceso requira da participación dalgún tipo de acompañamento musical, ben sexa pianístico ou para música de cámara, este correrá a cargo do aspirante á praza.

Artigo 10º

Os aspirantes serán convocados para a proba nun único chamamento, e excluirase dela quen non compareza. Non obstante, poderanse considerar os casos de forza maior, debidamente xustificados e apreciados polo tribunal, para os efectos dun posterior chamamento. A non asistencia á proba suporá a perda da correspondente convocatoria.

Artigo 11º

Se o número de solicitantes é superior ao de prazas ofertadas, a adxudicación destas realizarase por orde de puntuación na proba de acceso e, de ser igual a cualificación, desempatarase pola puntuación obtida na primeira parte desta proba. Os centros poderán establecer unha lista de suplentes por orde de puntuación acadada co obxecto de cubrir posibles baixas.

Artigo 12º

1. A obtención dunha das prazas ofertadas dá dereito a matricularse no correspondente curso académico no centro no que se realizou a proba de acceso.

2. Non obstante, o alumnado que unha vez superada a proba e formalizada a matrícula nun centro solicitase posto escolar noutro, por traslado de matrícula viva, non terá que realizar novamente a proba de acceso no centro de destino.

Artigo 13º

As cualificacións obtidas nestas probas, que deberán facerse públicas no taboleiro de anuncios do centro, consignaranse nas actas correspondentes segundo o modelo que figura no anexo II desta orde. O Servizo Provincial de Inspección educativa, no exercicio das súas competencias, poderá efectuar un seguimento e supervisión da realización das probas de acceso.

B) Aspectos específicos da proba de acceso ao primeiro curso do grao profesional.

Artigo 14º

O tribunal de acceso ao primeiro curso estará constituído por tres profesores do centro e nel figurarán polo menos un profesor de linguaxe musical e outro da especialidade instrumental correspondente. O profesorado que durante ese ano académico impartira clases ao alumnado candidato ás probas non poderá formar parte do tribunal, sempre e cando exista no centro outro profesor da mesma especialidade.

Artigo 15º

Os exercicios correspondentes á parte de linguaxe musical serán iguais para todos os candidatos e para todos os tribunais das distintas especialidades. Non obstante, no caso de que sexa precisa máis dunha sesión para esta proba, os correspondentes exercicios deberán ser distintos.

C) Aspectos específicos da proba de acceso a calquera outro curso do grao profesional.

Artigo 16º

Tendo en conta a distribución das materias correspondentes a cada especialidade instrumental nos diferentes cursos do grao profesional, recollida no anexo I do Decreto 203/2007, do 27 de setembro, a composición dos distintos tribunais realizarase segundo se indica no anexo III desta orde.

Artigo 17º

Os exercicios correspondentes á parte teórico-práctica serán iguais para todos os candidatos e para todos os tribunais das distintas especialidades, sempre que se trate do mesmo curso. Non obstante, no caso de ser precisa máis dunha sesión, tales exercicios deberán ser distintos.

Artigo 18º

Para a valoración do aspirante nas materias de coro, orquestra, banda ou conxunto, cada centro establecerá, por medio dos seus correspondentes departamentos didácticos, o procedemento que considere máis oportuno. En todo caso, non se lle poderá exixir ao examinando a presentación dun grupo orquestral ou vocal para a realización desta parte da proba.

Capítulo IV

Procedemento para a reclamación das cualificacións das probas de acceso

Artigo 19º

1. O interesado ou interesada ou os seus representantes legais poderán reclamar ante a dirección do centro, nun prazo de 5 días, contra as cualificacións da proba de acceso, cando consideren que a cualificación se outorgou sen a obxectividade requirida debido á:

a) Inadecuación da proba proposta en relación cos obxectivos e contidos da materia sometida a avaliación e co nivel previsto na programación polo órgano didáctico correspondente.

b) Incorrecta aplicación dos criterios de avaliación establecidos nas probas de acceso.

2. No suposto de reclamación contra as cualificacións da proba de acceso, o director ou directora do centro resolverá o que proceda logo de sometelas ao tribunal correspondente, que poderá ratificarse na cualificación outorgada ou estimar a procedencia de rectificar a cualificación reclamada.

3. No suposto de desestimación da reclamación, o interesado ou interesada poderá instar para que a dirección lle remita o expediente á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que, logo do informe do Servizo Provincial de Inspección Educativa, ditará a resolución procedente.

4. Co obxecto de evitar atrasos na resolución das reclamacións que puidesen prexudicar os interesados, deberán observarse os seguintes prazos:

a) O director ou directora resolverá a reclamación presentada no prazo de cinco días naturais.

b) No caso de ter que enviar o expediente á delegación provincial, tramitarase no prazo de 48 horas.

c) O delegado ou delegada provincial resolverá no prazo máximo de 10 días naturais, desde a entrada do expediente na delegación provincial.

5. Contra a resolución do delegado ou delegada provincial poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "15800D001P006.PDF"

Ver referencia pdf "15800D002P010.PDF"