DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 29 de xullo de 2008 Páx. 14.485

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

DECRETO 153/2008, do 24 de abril, polo que se crea o Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción.

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, como marco xeral, persegue ante todo a prevención e inclúe o propósito de fomentar unha auténtica cultura preventiva, mediante a promoción da mellora da formación na devandita materia.

O Estatuto de autonomía de +Galicia define as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de execución de relacións laborais e canto á súa capacidade de autoorganización para a consecución dos seus fins.

En Galicia asinouse o 5 de febreiro de 2007 un conxunto de acordos entre a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a UGT de Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia, no marco do diálogo social que vén desenvolvéndose desde hai máis dun ano na nosa comunidade autónoma. Nove acordos que definen un novo marco das relacións laborais en materia de prevención de riscos laborais, de emprego, de formación para o emprego, de negociación colectiva e de participación institucional.

Entre os acordos acadados, inclúense dous relativos á prevención de riscos laborais en Galicia, que foron precisamente os dous primeiros que se remataron no tempo.

Un deles é o Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2007-2010. Dentro deste plan defínese un conxunto de accións para mellorar as condiciones de seguridade e saúde nas empresas e reducir a sinistralidade laboral.

No plan estratéxico establécense os obxectivos operativos ou estratéxicos que pretenden abordar os problemas antes descritos cos instrumentos con que conta actualmente a Administración e con aqueloutros que como consecuencia do propio plan teñan que achegarse. Cada un dos obxectivos estratéxicos desenvólvense nunha serie de actuacións e programas específicos para levar a cabo no período de referencia do plan, é dicir, ata o ano 2010.

Así, no obxectivo estratéxico 4. Mellorar o soporte normativo das accións preventivas na comunidade autónoma; na súa acción 1. Aprobación de normativa específica para a Comunidade Autónoma de Galicia que incida, directa ou indirectamente, na materia de prevención; inclúese a elaboración do decreto de creación do Rexistro de coordinadores e coordinadoras de seguridade e saúde en obras de construción.

O Real decreto 162/1997, do 24 de outubro, que establece disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción, introduce e regula no seu capítulo II a figura do coordinador/a en materia de seguridade e saúde durante as fases de proxecto e execución de obras e establece no seu artigo 3.1º, que cando na elaboración do proxecto de obra interveñan varios proxectistas, o promotor/a nomeará un coordinador/a en materia de seguridade e de saúde durante a elaboración do proxecto de obra, e no número 2º do mesmo artigo prescribe que cando na execución da obra interveñan máis dunha empresa, ou unha empresa e traballadores autónomos ou diversos traballadores autónomos, o/a promotor/a antes do inicio dos traballos ou axiña como se constate esta circunstancia, designará un coordinador/a en materia de seguridade e saúde durante a execución da obra.

O Real decreto 171/2004, do 30 de xaneiro, polo que se desenvolve o artigo 24 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, en materia de coordinación de actividades empresariais, establece na súa disposición adicional primeira que as instrucións a que está obrigado o/a empresario/a titular do centro, en virtude do artigo 8 deste real decreto, entenderanse cumpridas polo/a promotor/a mediante as impartidas polo/a coordinador/a de seguridade e saúde durante a execución da obra, cando tal figura exista.

O/a coordinador/a en materia de seguridade e saúde durante a elaboración do proxecto de obra é a persoa técnica competente designada polo promotor/a para coordinar, durante a fase do proxecto de obra, a aplicación dos principios xerais da prevención.

O/a coordinador/a en materia de seguridade e de saúde durante a execución da obra é a persoa técnica competente integrada na dirección facultativa, designada polo promotor/a para levar a cabo as tarefas definidas na citada normativa.

A disposición adicional cuarta da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación (LOE), establece que as titulacións académicas e profesionais habilitantes para desempeñar a función de coordinador en materia de seguridade e saúde en obras de edificación, durante a elaboración do proxecto e a execución da obra, serán as de arquitecto, arquitecto técnico, enxeñeiro ou enxeñeiro técnico, de acordo coas súas competencias e especialidades.

O obxecto de este regulamento é a creación dun rexistro público, de fácil acceso e de carácter voluntario, de natureza administrativa, dependente da Consellería de Traballo, para incentivar a cualificación dos profesionais que actúen como coordinadores de seguridade e saúde nas obras de construción así como para promocionar a súa formación na materia.

A finalidade deste rexistro é dispor dunha listaxe de profesionais capacitados e cualificados para exercer a súa función como coordinadores en materia de seguridade e saúde nas obras de construción.

O devandito rexistro será único para coordinadores que sexan competentes para actuar como coordinador en materia de seguridade e saúde nas obras de construción de acordo coa normativa vixente coas súas competencias e especialidades e que conten ademais con formación preventiva especializada conforme o programa formativo recollido no anexo I deste decreto.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Traballo, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 2 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de marzo, oído o Consello Galego de Relacións Laborais, o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de abril de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Creación e adscrición do rexistro

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a creación do Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de xerar unha canle informativa e de garantía profesional.

Artigo 2º.-Natureza do rexistro.

1. O Rexistro público de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde ten carácter administrativo e voluntario.

2. O acceso a este rexistro é voluntario para os/as coordinadores/as en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, definidos no Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción.

Artigo 3º.-Adscrición.

O Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción estará adscrito á dirección xeral competente en materia de relacións laborais a quen lle corresponde a súa xestión, custodia, conservación e actualización.

Capítulo II

Organización e estrutura do rexistro

Artigo 4º.-Estrutura e organización do rexistro.

O rexistro constará dun ficheiro automatizado de datos de carácter persoal e será de soporte informático con acceso automático salvo para a inscrición inicial e para reclamacións ante o órgano competente da súa xestión.

As funcións do rexistro son:

a) A inscrición das persoas que, reunindo os requisitos definidos no artigo 6º, o soliciten.

b) A emisión das certificacións acreditativas da inscrición no rexistro.

c) A actualización dos datos rexistrais.

d) A cancelación da inscrición.

e) A publicidade dos datos do rexistro.

f) A custodia e conservación da documentación presentada polos solicitantes.

Artigo 5º.-Datos de inscrición.

No Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción constarán os datos seguintes:

a) Nome e apelidos.

b) NIF.

c) Domicilio e teléfono profesional.

d) Titulación académica habilitante para desempeñar as funcións de coordinador.

e) Certificación acreditativa da formación preventiva especializada prevista.

f) Certificación acreditativa de formación en prevención de riscos laborais de nivel intermedio ou superior segundo os anexos V e VI do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención, e o Real decreto do 30 de abril, polo que se modifica o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro.

g) Certificacións acreditativas doutra formación complementaria en prevención de riscos laborais e de actualización da formación nestas materias.

h) Experiencia profesional específica como coordinador de seguridade e saúde.

2. Os puntos f), g) e h) non serán requisito imprescindible para a inscrición no rexistro.

3. Terán carácter de públicos os datos contidos nas alíneas a) e c), así como a indicación descritiva dos datos contidos nas alíneas d), e), f), g) e h).

Capítulo III

Funcionamento do rexistro. Publicidade

Artigo 6º.-Ámbito de aplicación.

Poderán solicitar voluntariamente a inscrición neste rexistro as persoas que:

a) Reúnan as condicións mínimas para actuar como coordinador ou coordinadora en materia de seguridade e saúde nas obras de construción de acordo coa normativa vixente.

b) Conten ademais con formación preventiva especializada, conforme o programa formativo que se inclúe no anexo I deste decreto, previamente autorizada pola dirección xeral competente en materia de relacións laborais e impartido na Comunidade Autónoma de Galicia para os efectos deste decreto, ou a validación dos contidos formativos conforme o previsto no artigo 11º deste decreto.

Artigo 7º.-Procedemento de inscrición no rexistro.

1. As persoas que cumprindo os requisitos previstos nos puntos previstos no artigo 6º deste decreto desexen inscribirse no rexistro, deberán presentar a solicitude axustada ao modelo oficial que se xunta como anexo II.

2. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de relacións laborais ditar a resolución de inscrición neste rexistro, así como as resolucións de modificación total ou parcial destas inscricións.

3. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da entrada da solicitude de inscrición no Rexistro do órgano competente para resolver. Transcorrido o citado prazo sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase denegada.

Artigo 8º.-Cancelación da inscrición.

1. A persoa inscrita poderá solicitar a baixa no rexistro, o cal comportará a cancelación da inscrición.

2. A dirección xeral competente en materia de relacións laborais poderá cancelar a inscrición neste rexistro, tras a audiencia das persoas interesadas, cando se comprobe a falta de veracidade ou a inexactitude dos datos achegados ou concorran outras circunstancias obxectivas que, mediante resolución motivada, xustifiquen a cancelación.

Artigo 9º.-Acceso aos datos do rexistro.

O acceso ao rexistro para consulta dos datos de carácter público, definidos no artigo 5º, poderá realizarse de xeito directo, a través de paxina web, ou logo de petición por parte da persoa interesada.

Artigo 10º.-Ficheiro automatizado de datos.

A información contida nos expedientes de solicitude de inscrición rexistral incluirase nun ficheiro automatizado de datos, de carácter persoal; as características do dito ficheiro estableceranse mediante orde, que será ditada polo conselleiro de Traballo, de conformidade co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Capítulo IV

Acreditación das accións formativas

Artigo 11º.-Acreditación da formación.

Para os efectos deste decreto, as entidades que acrediten a formación indicada no artigo 6º, parágrafo b, deberán estar autorizadas pola Dirección Xeral de Relacións Laborais para os efectos desta formación e cumprir as condicións da autorización dos contidos formativos.

Artigo 12º.-Validación de contidos formativos.

1. Para os efectos de recoñecemento da formación preventiva especializada, as entidades que teñan desenvolvidas accións formativas especializadas adaptadas ao programa formativo autorizado pola Consellería de Traballo, que se inclúe no anexo I deste decreto, impartido na Comunidade Autónoma de Galicia, nos últimos tres anos anteriores á publicación deste decreto, poderán solicitar á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo o recoñecemento da validez da dita formación especializada.

2. No caso dos profesionais que, carecendo da formación preventiva especializada, poidan xustificar exercicio continuado de actividade de coordinadores/as de seguridade e saúde, poderán validar esta formación a través dunha proba específica que convoque a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo, acreditando, en calquera caso, a súa experiencia profesional.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Traballo para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de abril de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

ANEXO I

Contido mínimo do programa formativo de carácter presencial autorizado pola Consellería de Traballo para coordinadores/as en materia de seguridade e saúde nas obras de construción

Programa

A. Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo. Marco normativo.

A.1. O traballo e a saúde: os riscos profesionais. Danos derivados do traballo.

A.2. Condicións de traballo, factores de risco e técnicas preventivas. Estatísticas de sinistralidade laboral.

A.3. Marco normativo en materia de prevención de riscos laborais. Dereitos e deberes nesta materia.

Total horas lectivas: 25.

B. Xestión da prevención.

B.1. Criterios xerais.

B.2. Criterios específicos aplicados ao sector da construción.

B.3. A prevención en España. Organismos e entidades.

Total horas lectivas: 15.

C. Planificación da prevención nas obras de construción.

C.1. Funcións de coordinación durante a elaboración do proxecto e a execución da obra.

C.2. Criterios para a elaboración do estudo básico de seguridade e saúde.

C.3. Criterios para a elaboración e aprobación do plan de seguridade e saúde no traballo.

Total horas lectivas: 30.

D. Técnicas xerais de análises, avaliación e control de riscos.

D.1. Riscos e medidas preventivas relacionados coas condicións de seguridade nas obras de construción.

D.1.1. Condicións xerais de implantación.

D.1.2. Riscos específicos nas obras de edificación. Fases de obra. Medidas preventivas e de protección.

D.1.3. Riscos específicos na obra civil. Tipoloxías. Medidas preventivas e de protección.

D.1.4. Normas técnicas específicas de aplicación.

D.1.5. Seguimento e control.

Total horas lectivas: 70.

D.2. Riscos e medidas preventivas relacionadas co ambiente de traballo nas obras de construción (hixiene industrial).

D.2.1. Riscos xerais de hixiene industrial.

D.2.2. Desmantelamento e retirada de fibrocemento.

Total horas lectivas: 10.

D.3. Outros aspectos preventivos relacionados coas obras de construción.

D.3.1. Ergonomía.

D.3.2. Psicosocioloxía.

Total horas lectivas: 5.

D.4. Criterios para a vixilancia da saúde. Organización das medidas en materia de primeiros auxilios, loita contra incendios e evacuación dos traballadores.

Total horas lectivas: 5.

E. Promoción da prevención.

E.1. Análise e verificación da formación e información.

E.2. Técnicas de comunicación, motivación e negociación.

Total horas lectivas: 10.

F. Prácticas en obras de construción.

Total horas lectivas: 30.

Total horas curso: 200.

Ver referencia pdf "14500D001P005.PDF"