DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 31 de decembro de 2007 Páx. 20.520

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 20 de decembro de 2007 pola que se regula o procedemento para a incorporación automática de remanentes procedentes de exercicios anteriores.

O artigo 71 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, regula as incorporacións de crédito.

Segundo o devandito artigo, poden ser incorporados ao exercicio seguinte os remanentes que se atopen nalgún dos casos previstos nel. Na actualidade a incorporación dos remanentes non executados no exercicio anterior tramítanse aplicando a orde da Consellería de Economía e Facenda do 3 de xaneiro de 1989, relativa á documentación e tramitación de expedientes de modificacións de crédito. Na práctica, o procedemento seguido está dando lugar a que as incorporacións sexan aprobadas xa avanzado o exercicio orzamentario.

En certas condicións é posible automatizar o proceso de incorporación. O automatismo precisa, para a súa aplicación, da existencia duns criterios obxectivos que, unha vez fixados, permitan a informatización completa do proceso. A experiencia administrativa indica que é posible determinar, cando menos, unha serie de criterios obxectivos que cumpran estes requisitos. Deste xeito diminúe a posibilidade de erros na tramitación, á vez que se reducen os tempos requiridos para esta.

Loxicamente sempre existirán casos que requiran dunha análise máis detallada, polo que o desenvolvemento dun procedemento automático non significa a substitución do procedemento existente, senón que pola contra, vén a complementalo, fixando as condicións que permitan facilitar a tramitación destes casos e consecuentemente poder estudar máis polo miúdo os procedementos dotados dunha maior complexidade.

En calquera dos casos, o automatismo na tramitación dos expedientes de incorporación comporta unha maior axilidade e celeridade na tramitación orzamentaria, ao tempo que contribúe a unha maior transparencia e claridade na actuación da administración.

Con base nas consideracións anteriores, ditase a seguinte orde:

Artigo 1º.-Criterios obxectivos.

Antes do peche do exercicio o conselleiro de Economía e Facenda, por proposta da Dirección Xeral de Orzamentos, fixará os criterios obxectivos que permitan determinar os fondos dos que os remanentes non executados poden ser incorporados de xeito automático ao exercicio seguinte.

Artigo 2º.-Determinación de saldos.

Unha vez pechado o exercicio, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma determinará os saldos resultantes da execución do exercicio anterior en relación coas aplicacións e proxectos afectados polos criterios a que se refire o artigo 1 desta orde.

Artigo 3º.-Aplicación dos criterios.

Coñecidos os saldos, aplicaranse de xeito automático os criterios fixados segundo o artigo 1 desta orde. Deste xeito quedarán fixados as aplicacións, proxectos e importes que se incorporan ao exercicio seguinte.

As incorporacións realizaranse nas mesmas aplicacións e proxectos nos que figuraban os remanentes no exercicio anterior. No caso de que a codificación correspondente ás aplicacións ou proxectos de orixe sexa diferente no orzamento do novo exercicio, as incorporacións realizaranse tendo en conta as correspondentes modificacións.

De non ser posible identificar as novas aplicacións ou proxectos no exercicio de destino, non se aplicará a incorporación automática os remanentes destas, sen prexuízo da posibilidade de tramitar un expediente de incorporación de crédito ao abeiro do disposto na Orde do 3 de xaneiro de 1989.

Artigo 4º.-Necesidade de cofinanciamento.

No caso de fondos alleos que requiran cofinanciamento para a súa execución, no momento da incorporación asignaranse os fondos propios que figuren na aplicación e proxecto afectados para o cofinanciamento na contía necesaria. De non ser suficientes, contabilizarase de oficio un documento contable RC de non dispoñibilidade pola parte dos fondos alleos para os que non se dispoña de cofinanciamento.

Artigo 5º.-Contabilización.

As operacións resultantes dos puntos anteriores serán contabilizadas de oficio pola Subdirección Xeral de Contabilidade.

Artigo 6º.-Tramitación ordinaria.

O disposto nos puntos anteriores enténdese sen prexuízo da posibilidade de tramitar expedientes de incorporación de crédito, segundo o procedemento establecido na Orde do 3 de xaneiro de 1989.

O conselleiro de Economía e Facenda poderá acordar a incorporación de remanentes de crédito de acordo co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, nas leis de orzamentos anuais e no resto de normas que resulten de aplicación.

Disposición transitoria

No exercicio de 2008 os criterios obxectivos para a determinación dos saldos incorporables de xeito automático, aos que se refire o artigo 1 desta orde, son os seguintes:

Incorpóranse de xeito automático os remanentes non executados en fondos europeos, fondos finalistas do Estado que cofinancien os fondos europeos e o FCI, que correspondan con aplicacións e proxectos dos capítulos IV, VI e VII do orzamento de gastos do exercicio de 2007.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2007.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda