DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Venres, 16 de novembro de 2007 Páx. 18.373

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 213/2007, do 31 de outubro, polo que se aproban os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, crea a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística como instrumento fundamental para velar pola utilización racional do solo conforme o disposto no ordenamento urbanístico.

A natureza, réxime xurídico, competencias e órganos directivos da Axencia veñen establecidos no artigo 226 da citada Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e o desempeño de cantas outras competencias lle asignen os seus estatutos.

De conformidade co establecido no artigo 226.3º da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o proxecto de estatutos foi sometido á audiencia dos concellos e ao ditame da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia e do Consello Consultivo de Galicia, correspondéndolle ao Consello da Xunta de Galicia a súa aprobación definitiva mediante decreto autonómico, que será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de outubro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar definitivamente os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, que se incorporan como anexo.

Disposicións adicionais

Primeira.-As competencias en materia de disciplina urbanística e de protección do litoral que están actualmente atribuídas á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes pasarán a ser exercidas pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística no momento da súa entrada en funcionamento, pasando a depender a Subdirección de Disciplina e Informes e os servizos provinciais de protección do litoral, que figuran adscritos á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, coa dotación orzamentaria, de persoal, de medios e de material de que dispoñen.

Segunda.-O Consello da Xunta de Galicia manterá a competencia para resolver os expedientes sancionadores tramitados pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística segundo o establecido na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ou na Lei 22/1988, de costas, no caso de que o/a instrutor/a propoña a imposición de sanción por contía superior a 600.000 euros.

Disposicións transitorias

Primeira.-O consello executivo da Axencia deberá quedar constituído no prazo de tres meses contados a partir da entrada en vigor deste decreto. En canto non se constitúa, as funcións do consello executivo serán exercidas pola conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Segunda.-A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística quedará efectivamente constituída na data de entrada en vigor deste decreto, e iniciará o exercicio das funcións que ten encomendadas desde o momento do nomeamento do seu director.

Os expedientes administrativos relativos ás funcións relacionadas no artigo 3 dos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística que se atopasen en tramitación o día da data de entrada en funcionamento da Axencia, serán resoltos polo órgano competente da Axencia, segundo o previsto no seus estatutos.

Os recursos administrativos interpostos contra as resolucións ditadas con anterioridade á data de entrada en funcionamento da Axencia serán resoltos pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes

ANEXO

Estatutos da Axencia de Protección

da Legalidade Urbanística

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e o desempeño de cantas outras competencias lle asignen estes estatutos.

Artigo 2º.-Fins.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ten por finalidade esencial velar pola utilización racional do solo conforme o disposto na normativa reguladora do urbanismo, a ordenación do territorio e do litoral, especialmente no medio rural e na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Artigo 3º.-Funcións.

Son funcións da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística:

a) A inspección e vixilancia urbanística sobre os actos de edificación e uso do solo.

b) A adopción das medidas cautelares previstas na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en especial as de suspensión dos actos de edificación e uso do solo que se realicen en solo rústico sen a preceptiva autorización autonómica ou incumprindo as condicións da autorización outorgada.

c) A instrución dos expedientes de reposición da legalidade e dos expedientes sancionadores por infraccións urbanísticas, cando a competencia para a súa resolución lle corresponda á comunidade autónoma.

d) A formulación ás distintas administracións de toda clase de solicitudes que considere pertinentes para asegurar o mellor cumprimento da legalidade urbanística.

e) A denuncia ante o Ministerio Fiscal e os órganos da orde xurisdicional penal dos feitos que, como resultado das actuacións practicadas, se consideren constitutivos de delito.

f) As competencias que os artigos 213, 214, 215 e 222.1º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia asignan á comunidade autónoma para restaurar a legalidade urbanística e para impoñer sancións por infraccións urbanísticas graves ou moi graves ata 600.000 euros.

g) A potestade sancionadora e de restitución e reposición da legalidade, así como a competencia para outorgar as autorizacións administrativas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, segundo o establecido na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, sen prexuízo das competencias atribuídas ao Consello da Xunta de Galicia.

h) O requirimento para a anulación de licenzas urbanísticas contrarias á normativa reguladora do urbanismo, a ordenación do territorio e do litoral.

i) O asesoramento e asistencia ás administracións públicas integradas na Axencia, nas materias da súa competencia, así como a proposta á consellería competente en materia de urbanismo de modificación ou adopción de normas legais ou regulamentarias necesarias para o mellor cumprimento da legalidade urbanística.

j) As competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística que os municipios integrados voluntariamente na Axencia deleguen nela, nas condicións que se determinen nos correspondentes convenios de adhesión.

k) O exercicio das competencias que lle deleguen os órganos urbanísticos da Xunta de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 225.3º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

l) E o exercicio de calquera outra competencia que en materia de disciplina urbanística lle corresponda á comunidade autónoma, segundo a Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, sen prexuízo das reservadas ao Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 4º.-Réxime xurídico.

1. A Axencia réxese pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, polos presentes estatutos e polas normas aplicables ás entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Administración autonómica.

2. De conformidade co disposto polo artigo 109 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os actos e resolucións ditados polos órganos da Axencia poñen fin á vía administrativa.

3. Na tramitación de recursos administrativos, así como nos procedementos de revisión de oficio das resolucións ditadas pola Axencia no suposto de competencias delegadas polos municipios adheridos, deberá pedirse informe preceptivo do concello respectivo, que deberá ser emitido no prazo máximo dun mes, transcorrido o cal se poderá continuar a tramitación.

Artigo 5º.-Adscrición.

A Axencia estará adscrita organicamente á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

Artigo 6º.-Sede.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia terá a súa sede principal na cidade de Santiago de Compostela, sen prexuízo de que poderen existir dependencias da Axencia noutras cidades de Galicia.

Artigo 7º.-Constitución.

A Axencia quedará constituída coa publicación destes estatutos no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo de que a incorporación dos municipios se produza no momento en que teñan efectos os convenios de adhesión que deban subscribirse con eles, de acordo co establecido nestes estatutos.

Capítulo II

Dos membros da Axencia

Artigo 8º.-Membros da Axencia.

Son membros da Axencia a Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e os municipios que voluntariamente se integren nela nos termos e condicións establecidos nestes estatutos e nos correspondentes convenios de adhesión.

Artigo 9º.-Incorporación dos municipios.

1. A incorporación realizarase a través do correspondente convenio de adhesión, que deberá obter a aprobación previa do pleno da corporación e do Consello da Xunta de Galicia e será publicado no Diario Oficial de Galicia.

2. A adhesión necesariamente producirá a atribución á Axencia das competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística que correspondan ao municipio integrado voluntariamente na Axencia, nos supostos que determinan os artigos 209, 210 e 211 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, segundo se estableza no convenio de adhesión.

A Axencia exercerá efectivamente estas competencias desde o momento que se determine no convenio de adhesión, estando, en todo caso, condicionada á publicación do mesmo no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Convenios de adhesión.

1. Os convenios de adhesión axustaranse ao establecido nos presentes estatutos e deberán conter os seguintes extremos:

a) Os órganos que celebran o convenio e a capacidade xurídica con que actúa cada unha das partes.

b) As competencias atribuídas á Axencia, con expresión das disposicións legais aplicables.

c) Medios materiais que se transfiren, se é o caso.

d) Condicións financeiras da incorporación.

e) Prazo de vixencia do convenio, que poderá ser indefinido, e as causas de resolución do convenio.

f) Programa de incorporación á Axencia, con indicación dos prazos en que se fará efectivo o traspaso dos medios e, se é o caso, os expedientes afectados pola transferencia.

g) Previsión de achegas económicas e forma de entrega á Axencia.

2. Os convenios de adhesión teñen natureza administrativa e carácter de convenio interadministrativo de colaboración. As controversias que puideren xurdir na súa interpretación e aplicación serán resoltas polo consello executivo.

3. Os convenios de adhesión poderanse modificar cumprindo os mesmos requisitos exixidos para a súa aprobación.

Artigo 11º.-Obrigacións dos membros.

As administracións públicas incorporadas á Axencia asumen as seguintes obrigacións:

a) Prestar a cooperación e asistencia activa que a Axencia puider solicitar para o eficaz exercicio das súas competencias.

b) Facilitar ao persoal da Axencia canta información, documentación e axuda material precise para o adecuado cumprimento das súas funcións.

c) Cumprir as condicións e compromisos asumidos no convenio de adhesión.

Artigo 12º.-Perda da condición de membro.

1. A condición de membro da Axencia pérdese por algunha das seguintes causas:

a) Vontade da Administración municipal consorciada.

b) Separación forzosa por incumprimento grave e reiterado das condicións establecidas no convenio de adhesión ou nestes estatutos.

2. A separación por vontade da Administración consorciada require o acordo previo do pleno da corporación e a súa comunicación por escrito ao consello executivo da Axencia.

3. O acordo de separación forzosa será adoptado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do consello executivo da Axencia e audiencia previa da Administración municipal afectada.

4. Unha vez efectiva a perda da condición de membro, procederase á correspondente liquidación. En ningún caso a liquidación afectará ás obrigacións contraídas coa Axencia nin á competencia para a tramitación e resolución dos procedementos de reposición da legalidade e sancionadores iniciados antes da perda da condición de membro.

Capítulo III

Da organización e do réxime de funcionamento

Sección primeira

Dos órganos directivos

Artigo 13º.-Órganos.

Os órganos directivos da Axencia son: o consello executivo e o/a director/a.

Sección segunda

Do consello executivo

Artigo 14º.-Composición do consello.

1. O consello executivo esta formado por:

a) O/a presidente/a, que será o/a director/a xeral competente en materia de urbanismo da Xunta de Galicia.

b) E os/as vogais, que serán:

-Catro en representación dos concellos incorporados á Axencia,

-Catro en representación da comunidade autónoma.

2. Todos/as os/as vogais deberán estar en posesión do título de licenciado/a en dereito, arquitecto/a ou enxeñeiro/a de camiños, canles e portos, con máis de cinco anos de experiencia profesional en materia de urbanismo.

3. Os/as vogais de representación municipal serán elixidos/as polos/as alcaldes/as dos concellos incorporados á Axencia, reunidos en asemblea convocada para o efecto pola Federación Galega de Municipios e Provincias, cada catro anos, despois da celebración das eleccións municipais. Na mesma votación designarase o/a vogal que actuará como vicepresidente/a da Axencia.

No suposto de que un dos concellos adheridos perda a condición de membro da Axencia, de acordo co procedemento establecido no artigo 12 destes estatutos, o/a seu/súa representante perderá automaticamente a condición de vogal da Axencia, e será substituído/a por outro/a vocal elixido/a nunha asemblea extraordinaria convocada para o efecto.

4. Os/as vogais de representación autonómica serán designados polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do/a conselleiro/a competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

5. Ao/á vicepresidente/a corresponderalle substituír o/a presidente/a en caso de vacante, ausencia ou imposibilidade física.

Artigo 15º.-Funcións.

O consello executivo é o órgano colexiado de dirección e control da Axencia, coas seguintes funcións:

a) Propoñer a modificación destes estatutos.

b) Aprobar o regulamento de réxime interior da Axencia.

c) Elaborar o anteproxecto de orzamentos de gastos e ingresos.

d) Autorizar os gastos por importe igual ou superior a 60.000 euros.

e) Establecer as directrices de actuación da Axencia, fiscalizar a súa actividade e a xestión do/a seu/súa director/a.

f) Informar preceptivamente o nomeamento e cesamento do/a director/a da Axencia.

g) Aprobar o plan anual de inspección urbanística.

h) Emitir informe preceptivo nos convenios de adhesión.

i) Elaborar a proposta de estrutura orgánica e a relación de postos de traballo da Axencia.

j) Propoñer a separación forzosa de membros da Axencia.

k) Resolver os expedientes sancionadores tramitados pola Axencia segundo o establecido na lexislación urbanística ou na lexislación de costas, cando o/a instrutor/a do procedemento propoña a imposición dunha sanción entre 300.000 a 600.000 euros.

l) Aprobar a memoria anual da xestión da Axencia, que deberá ser remitida a todos os concellos adheridos para o seu coñecemento.

m) E cantos asuntos relacionados coas competencias da Axencia lle someta o/a seu/súa presidente/a.

Artigo 16º.-Réxime de funcionamento.

1. O consello executivo reunirase polo menos unha vez cada tres meses por convocatoria do/a seu/súa presidente/a, ben por propia iniciativa ben por solicitude da metade dos/as vogais.

2. Para a válida constitución do consello será necesaria a presenza do/a presidente/a, do secretario/a ou de quen os substitúa, así como da metade dos/as vogais. En todo caso, o consello quedará constituído, con carácter automático, en segunda convocatoria, trinta minutos despois da hora sinalada para a celebración da primeira, sendo suficiente a presenza de polo menos tres vogais.

3. Os acordos do consello serán adoptados por maioría simple de votos favorables emitidos polos asistentes. En caso de empate, o voto do/a presidente/a será dirimente.

4. O/A director/a da Axencia participará en todas as reunións do consello, con voz pero sen voto.

5. A secretaría será desempeñada por un/unha funcionario/a designado polo consello executivo de entre o persoal adscrito á Axencia, que non terá dereito a voto.

6. O réxime de funcionamento do consello executivo, no non previsto nestes estatutos, rexerase polo disposto nos artigos 22 a 26 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sección terceira

Do/a director/a

Artigo 17º.-Nomeamento.

O/a director/a da Axencia será nomeado polo Consello da Xunta de Galicia por un prazo de catro anos, por proposta do/a conselleiro/a competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, oído previamente o consello executivo da Axencia.

O/a director/a da Axencia deberá contar con titulación universitaria e con máis de cinco anos de experiencia profesional en materia de urbanismo.

Artigo 18º.-Funcións.

O/a director/a é o órgano executivo da Axencia, coas seguintes funcións:

a) A representación ordinaria da Axencia.

b) O exercicio das competencias atribuídas á Axencia no artigo 3 destes estatutos, agás a atribuída ao consello executivo na letra k) do artigo 15º.

c) A dirección e impulso da actividade da Axencia.

d) A xefatura directa sobre o persoal da Axencia.

e) A contratación e adquisición de bens e servizos.

f) A execución dos acordos adoptados polo consello executivo.

g) A celebración de convenios con outras entidades, públicas ou privadas, logo de autorización do consello executivo.

h) A xestión económica da Axencia e autorización de gastos de contía inferior a 60.000 euros.

i) E todas as competencias da Axencia non atribuídas expresamente ao consello executivo.

Capítulo IV

Do persoal

Artigo 19º.-Persoal da Axencia.

O persoal ao servizo da Axencia estará integrado por funcionarios/as públicos/as da Comunidade Autónoma de Galicia e das administracións locais da Comunidade Autónoma de Galicia, consonte o disposto na Lei da función pública de Galicia.

Artigo 20º.-Inspección urbanística.

1. As funcións de dirección e execución da actividade de inspección e control do cumprimento da normativa urbanística nos actos de edificación e uso do solo serán desempeñadas por funcionarios/as das correspondentes escalas de inspección e de subinspección conforme o establecido nas disposicións adicional segunda e transitoria segunda da Lei 15/2004, do 29 de decembro.

2. O/a director/a da Axencia poderá habilitar funcionarios/as do grupo A como inspectores e do grupo B como subinspectores, sempre que reúnan os requisitos para o acceso á correspondente escala e por un período de tempo que en ningún caso poderá ser superior a catro anos.

Artigo 21º.-Asesoría Xurídica e Intervención.

Na Axencia existirá unha asesoría xurídica e unha intervención delegada baixo a dependencia funcional da Asesoría Xurídica Xeral e da Intervención Xeral da Xunta de Galicia respectivamente.

Capítulo V

Do réxime patrimonial e financeiro

Artigo 22º.-Patrimonio.

1. A Axencia terá, para o cumprimento dos seus fins, patrimonio propio, distinto do da Administración xeral da comunidade autónoma e do das outras administracións consorciadas, integrado polo conxunto de bens e dereitos que adquira por calquera título.

2. A Axencia, ademais do seu patrimonio propio, poderá ter adscritos, para a súa administración, bens do patrimonio da comunidade autónoma e dos patrimonios das demais administracións consorciadas; os ditos bens conservarán a súa cualificación xurídica orixinaria e unicamente poderán utilizarse para o cumprimento dos seus fins.

3. A xestión e administración dos bens e dereitos propios, así como daqueles do patrimonio das administracións consorciadas que se lle adscriban para o cumprimento dos seus fins, deberá realizarse con suxeición ao establecido na Lei de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O/a director/a formará un inventario de todos os bens e dereitos que integran o patrimonio da Axencia, que se someterá ao consello executivo e se revisará anualmente.

Artigo 23º.-Financiamento.

Os recursos económicos da Axencia poderán provir das seguintes fontes:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para garantir o funcionamento da Axencia.

b) Os rendementos do seu patrimonio.

c) As taxas e os prezos percibidos pola prestación de servizos.

d) As achegas provenientes das entidades locais incorporadas á Axencia, nos termos previstos no convenio de adhesión.

e) E os demais ingresos que poida percibir de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 24º.-Contratación.

1. A contratación da Axencia rexerase polas normas xerais da contratación das administracións públicas.

2. Actuará como órgano de contratación o/a director/a da Axencia, precisando autorización do consello executivo ou do Consello da Xunta de Galicia, cando por razón da contía corresponda a estes autorizar o gasto.

Artigo 25º.-Orzamentos.

1. O réxime económico e orzamentario da Axencia axustarase ás prescricións establecidas na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia para os entes públicos.

2. O anteproxecto de orzamentos será aprobado polo consello executivo da Axencia e remitido á Consellería de Economía e Facenda pola consellería que teña adscrito o ente.

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE