DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2007 Páx. 1.879

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 15/2007, do 1 de febreiro, polo que se suspende a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal de Barreiros e se aproba a ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo planeamento.

1. Barreiros é un municipio situado á beira do mar Cantábrico, que posúe unha franxa costeira de 8 quilómetros, con finos areais que van desde a desembocadura do río Masma no límite con Foz, ata a praia das Catedrais no límite con Ribadeo.

Trátase dun territorio cun contorno natural privilexiado que encerra singulares valores paisaxísticos, ambientais e ecolóxicos. No termo municipal existen dous espazos naturais -As Catedrais e Ría de Foz-Masma- declarados como zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril (DOG nº 69, do 12 de abril), e recollidos na decisión da Comisión Europea do 7-12-2004, publicada no DOCE do 29 de decembro, pola que se aproba a lista de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica atlántica.

A súa poboación é de aproximadamente 3.500 habitantes e dispón dun parque dunhas 3.000 vivendas, o que supón que o municipio experimente un enorme aumento de poboación, na época estival. Destas vivendas, unhas 2.500 aséntanse na rasa litoral -nunha franxa duns 2 km de profundidade desde a ribeira do mar Cantábrico e da ría de Foz- e algo máis de 1.250 na banda de 500 metros máis próxima ao mar.

2. O planeamento vixente no termo municipal son as normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo o 28 de outubro de 1994 e publicadas no BOP de Lugo do 20 de marzo de 1995.

O ordenamento xurídico que no seu momento deu cobertura legal ao actual planeamento municipal -principalmente texto refundido da Lei sobre réxime do solo e ordenación urbana, aprobado polo Real decreto 1/1992 (a meirande parte dos seus preceptos foron declarados inconstitucionais) e a Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia- sufriu unha profunda transformación tanto a nivel estatal como autonómico co paso dos anos, polo que o contido e determinacións do plan resultan incompatibles coa lexislación urbanística vixente -Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións-, e, o que resulta máis importante, coa necesaria conciliación do desenvolvemento do turismo coa protección dos valores e das riquezas naturais do contorno deste concello.

A pesar de que xa transcorreu o prazo de tres anos establecido na disposición transitoria segunda da Lei 9/2002 para a adaptación dos planeamentos vixentes á entrada en vigor da lei á nova lexislación urbanística, o Concello de Barreiros aínda non iniciou a revisión das normas vixentes.

3. O planeamento vixente clasifica como solo urbano catro ámbitos descontinuos a ambas as marxes da N-634: San Cosme de Barreiros, San Pedro de Benquerencia, San Miguel de Reinante e Reinante; nestes ámbitos permítese a edificación mediante licenza directa ao longo da estrada nacional, perpetuando un modelo territorial hoxe desfasado que converte as estradas en rúas, co conseguinte colapso da infraestrutura correspondente. Así mesmo, clasifica como solo urbano un ámbito ao noroeste do termo municipal, que linda coa desembocadura da ría de Foz e co litoral Cantábrico, que encerra excepcionais valores naturais, xa que unha parte destes terreos se atopan dentro do ámbito do espazo natural Ría de Foz-Masma.

Moitos destes ámbitos non reúnen os requisitos establecidos nos artigos 11 da Lei 9/2002 e 8 da Lei 6/1998, para a súa clasificación como solo urbano, aproximadamente unha terceira parte do total, segundo o informe técnico que consta no expediente. Respecto disto, resultan especialmente relevantes os informes emitidos polos técnicos municipais nos expedientes de concesión de licenza municipal. Neles ponse de manifesto a existencia de ámbitos clasificados como solo urbano que carecen de acceso por vía pública pavimentada ou de redes de saneamento e depuración de augas residuais, así como outros en que a rede existente de abastecemento de auga potable non ten o caudal e a potencia necesaria para a subministración ás edificacións resultantes do planeamento vixente.

Tamén a entidade Barras Eléctricas Galaico Asturianas, S.A (BEGASA) enviou o pasado mes de setembro un escrito no cal pon en coñecemento desta consellería que, logo de recibir varias solicitudes para a subministración eléctrica de distintas urbanizacións no concello de Barreiros, se constata que a infraestrutura eléctrica actualmente existente nese termo municipal non é suficiente para atender os novos crecementos, polo que sería necesario acometer a execución de novas infraestruturas, entendendo que entrementres estes ámbitos carecen de subministración eléctrica para os efectos da Lei do solo de Galicia.

Así mesmo, cómpre sinalar que a propia memoria descritiva do planeamento, no punto de «Organización espacial resultante», pon de manifesto a inexistencia dunha malla urbana nos ámbitos clasificados como solo urbano. Respecto dos núcleos de San Cosme de Barreiros e San Pedro de Benquerencia sinala que «o desenvolvemento previsible se materializa na ocupación do solo urbano actualmente baleiro...»; e respecto dos núcleos de San Miguel de Reinante e Reinante que «non se ten previsto solo urbanizable, xa que en virtude da estrutura viaria se presentan amplos baleiros na trama urbana susceptibles de acoller o desenvolvemento previsible».

A todo o anterior hai que engadir que o planeamento vixente non distingue entre o solo urbano consolidado e o non consolidado e unha parte significativa dos terreos clasificados como solo urbano non reúnen as condicións establecidas no artigo 12 a) da Lei 9/2002. No réxime do solo urbano non consolidado deben incluírse os terreos en que son necesarias obras de urbanización, reforma interior ou obtención de novas dotacións urbanísticas ou xusta distribución de cargas

e beneficios entre os propietarios, así como, os ámbitos sobre os cales o planeamento urbanístico teña prevista unha ordenación substancialmente diferente da realmente preexistente.

Como consecuencia da falta de consideración como solo urbano non consolidado dos ámbitos a que se refire o parágrafo anterior, estanse privando os cidadáns do seu dereito a un medio urbano de calidade que cumpra os límites de sustentabilidade e ás reservas mínimas de solo para dotacións públicas e para vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública, de conformidade co establecido na Lei 9/2002. Especialmente grave resulta este feito se se ten en consideración que o planeamento vixente prevé índices de edificabilidade en solo urbano (1,50 m/m) que exceden con moito os límites de sustentabilidade actualmente recollidos no artigo 46.2º d) da Lei 9/2002 (0,50 m/m).

Así mesmo, como consecuencia da falta de consideración como solo urbano non consolidado dos ámbitos que reúnen os requisitos do artigo 12 b) da Lei 9/2002, estanse a incumprir principios básicos do Estatuto da propiedade, como son o da equidistribución e o da recuperación pola Administración das plusvalías xeradas pola acción urbanística, co conseguinte incumprimento dos deberes básicos dos propietarios de solo urbano establecidos tanto na Lei 6/1998 coma na Lei 9/2002; feito este que se ve agravado polo incumprimento polo de agora do Concello de Barreiros do contido da disposición transitoria primeira, número 1, letra c) da Lei 9/2002, que obriga a que cando os terreos non estean incluídos en polígonos e merezan a condición de solo urbano, o concello proceda á delimitación do polígono segundo o procedemento establecido polo artigo 117.

Ademais, clasifícanse como solo urbanizable non delimitado varios ámbitos ao longo da costa, moitos deles dentro dos 200 metros contados desde o límite interior da ribeira do mar e que lindan cos espazos naturais referenciados no punto primeiro. A meirande parte destes ámbitos atópanse aínda sen desenvolver.

A delimitación dos núcleos rurais non se adecua aos criterios establecidos polo artigo 13 da Lei 9/2002; resulta especialmente inxustificada a clasificación como solo de núcleo rural de ámbitos baleiros de edificación lindeiros co espazo natural Ría de Foz-Masma.

Do conxunto do solo clasificado polo actual planeamento urbanístico de Barreiros como urbano, urbanizable e de núcleos rurais, resulta unha capacidade residencial de aproximadamente 20.000 vivendas, das que máis de 16.000 poderían situarse na rasa litoral, coa conseguinte consolidación da urbanización da zona costeira e a formación de pantallas edificatorias cara ao mar, especialmente nos ámbitos da Ordenanza de espazo residencial aberto. Neste senso, cómpre sinalar que segundo a información facilitada pola Delegación de Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, desde o 1 de xaneiro de 2006, foron visados proxectos de edificación cuxa execución suporía a construción de máis de 6.500 novas vivendas, co cal se duplicaría o parque de vivendas actualmente existente nese termo municipal.

A clasificación e categorización do solo non urbanizable ou rústico tampouco se adecua á lexislación urbanística actualmente en vigor -a Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, e a Lei estatal 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións-, polo que deben ser revisadas na súa totalidade, así como no que respecta ás condicións de uso e de edificación, de xeito que acade a necesaria preservación do contorno privilexiado do termo municipal.

4. Da análise da ordenación establecida polas normas subsidiarias de planeamento municipal para o solo urbano dedúcese a previsión dunha mestura desordenada de usos e tipoloxías -no ámbito de aplicación dunha mesma ordenanza prevese a posibilidade de adoptar distintas tipoloxías edificatoriasque non ten en conta a realidade edificatoria preexistente, así como unha grande inseguridade xurídica ao permitir o cambio da ordenación establecida na ordenanza por calquera outra, sempre e cando non se supere o aproveitamento resultante da ordenanza.

Así, na Ordenanza de centro urbano que unicamente é de aplicación no núcleo de San Cosme de Barreiros, prevese unha tipoloxía edificatoria agrupada en edificios contiguos, parcela mínima de 112 m, con fronte mínima de 8 metros e alturas de 4 plantas. Esta ordenación pódese substituír por calquera outra, mediante un estudo de detalle, sempre e cando non se supere o aproveitamento resultante da ordenanza.

Na Ordenanza de zona usos mixtos prevese a posibilidade de ordenación aberta, pechada ou mixta, destinada a usos mixtos, cunha parcela mínima de 135 m, cunha altura de 3 plantas e unha edificabilidade de ata 1,50 m/m. Esta ordenación pódese substituír por calquera outra, mediante un estudo de detalle, sempre e cando non se supere o aproveitamento resultante da ordenanza. Esta ordenanza é aplicable aos ámbitos de solo urbano de San Cosme de Barreiros, San Pedro de Benquerencia, San Miguel de Reinante e Reinante e a ambas as marxes da N-634, conformando unha ordenación desordenada, con mestura de diferentes tipoloxías edificatorias, carente de calquera coherencia de desenvolvemento urbano.

A Ordenanza de espazo aberto extensivo aplícase nos núcleos anteriormente citados, como prolongación da Ordenanza de zona usos mixtos, ao longo da estrada nacional e cara ao interior e ao longo dos camiños existentes, en ámbitos vacantes carentes de urbanización, que non reúnen os requisitos para a súa clasificación como solo urbano ou que, en todo caso, deberían categorizarse como solo urbano non consolidado. Nesta ordenanza establécese unha ordenación aberta en edificios illados ou vivenda illada ou acaroada, cunha altura de 3 plantas, unha ocupación do 60% e unha edificabilidade de ata 1 m/m.

A Ordenanza de espazo residencial aberto resulta de aplicación nos ámbitos non edificados do solo urbano lindeiro co litoral. Especialmente graves resultan as consecuencias da aplicación desta ordenanza na fronte da praia de Remior, dando lugar a unha ocupación desordenada do litoral, nunha zona que non reúne os requisitos para a súa consideración como solo urbano e que debería estar protexida. Nesta orde

nanza establécese unha ordenación moi semellante á anterior, cunha edificabilidade de 1,1 m/m.

Ao amparo destas dúas últimas ordenanzas, o Concello de Barreiros está a conceder licenzas en parcelas que, segundo os informes dos técnicos municipais que figuran nos expedientes, carecen de saneamento -propoñéndose nalgún proxecto de edificación como sistema de depuración dun bloque de 44 vivendas a instalación dunha fosa séptica-, dan fronte á vía non urbanizada ou a suficiencia de caudal e potencia da rede de abastecemento de auga potable non está xustificada.

As determinacións contidas nas ordenanzas de solo urbano de núcleo rural e solo non urbanizable nuclear da normativa resultan incompatibles co réxime xurídico do solo de núcleo rural previsto na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. Nelas admítese, sen limitación, a ordenación pechada nunha parcela cunha fronte mínima de 9 m e un fondo mínimo de 10 m, así como solucións impropias da arquitectura rural tradicional, como as prolongacións de baixos. Estas tipoloxías urbanas resultan incompatibles coa preservación do carácter rural dos núcleos.

5. De todo o anterior dedúcese que a clasificación e a regulación das distintas clases de solo no planeamento actualmente existente en Barreiros está totalmente obsoleta e non se adecua ao disposto na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, nin á Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións, polo que urxe a súa revisión e a súa adaptación aos novos criterios de clasificación de solo, así como aos límites de sustentabilidade e aos estándares de calidade de vida e cohesión social recollidos na lexislación urbanística actual.

Ao exposto anteriormente débese engadir a ausencia de calquera previsión relativa ao sistema xeral de espazos libres e zonas verdes de dominio e uso públicos, que segundo a lexislación actual non pode ser inferior a 15 metros cadrados por cada 100 metros cadrados edificables de uso residencial; así como polo que se refire ao sistema xeral de equipamentos, que non pode ser inferior a 5 metros cadrados por cada 100 metros cadrados edificables de uso residencial. Neste senso cómpre sinalar que aínda que se cualifican algunhas parcelas como equipamentos, na ordenanza reguladora deste uso non se exixe a titularidade pública do solo e inclúense dentro do uso dotacional, actividades tales como cines, salas de xogo, oficinas ou despachos profesionais.

En consecuencia, a continuación na execución do planeamento actualmente existente en Barreiros daría lugar á plasmación dun modelo territorial de urbanización descontrolada do litoral, incompatible coa preservación dos valores naturais e cun desenvolvemento sustentable do territorio, o que afecta directamente as competencias autonómicas en materia de ordenación do territorio e do litoral e do urbanismo, atribuídas polo artigo 27.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e as potestades autonómicas atribuídas polos artigos 85.7º, 89.1º e 227 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural

de Galicia. Cobra especial relevancia neste suposto a regulación contida no último parágrafo do artigo 85.7º da citada norma, que establece que a ordenación urbanística dos terreos situados na franxa de 500 metros desde a ribeira do mar afecta os intereses autonómicos, que é o caso de Barreiros.

6. O artigo 96 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, establece que co acordo de suspensión do planeamento se aprobará a ordenación provisional que se publicará no Diario Oficial de Galicia e estará vixente con carácter transitorio ata a entrada en vigor do novo planeamento.

A ordenación provisional redactouse atendendo aos seguintes criterios:

a) No solo urbano partiuse de dúas premisas. Dunha banda, respectar as licenzas concedidas antes do inicio do expediente de suspensión do planeamento, sempre que sexan conformes co ordenamento xurídico vixente no momento do seu outorgamento. Doutra banda, conxelar o desenvolvemento urbanístico do solo urbano de San Bartolo, ao tratarse de terreos que lindan co litoral cantábrico e coa ría de Foz, situados na súa práctica totalidade a menos de 500 metros do límite interior da ribeira do mar, nos cales a presión edificatoria existente resulta especialmente insostible.

No resto do solo urbano consolidado o criterio seguido foi o de permitir unicamente a edificación unifamilar illada ata que se aprobe o novo planeamento, que deberá estudar a trama urbana existente e a capacidade das redes de infraestruturas existentes para establecer as novas tipoloxías edificatorias permitidas en coherencia con estas, de conformidade co establecido no artigo 46.1º da Lei 9/2002.

A ordenación urbanística do solo urbano non consolidado é función que corresponde ao futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal, no cal deberán incorporarse os límites de edificabilidade e as reservas mínimas de solo para dotacións públicas e para vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública de conformidade co establecido na Lei 9/2002.

b) Nos núcleos rurais incluídos total ou parcialmente nos 500 metros contados desde o límite interior da ribeira do mar, así como, naqueles terreos dos núcleos rurais delimitados, incluídos nos ámbitos dos espazos As Catedrais e Ría de Foz-Masma declarados como zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, establécese o mesmo criterio que para o solo urbano nesta situación, conxelándose a posibilidade de novas edificacións.

Nos restantes núcleos rurais respéctanse as delimitacións dos núcleos rurais contidas no documento das normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas o 28-10-1994, revisando as condicións de edificación para adecualas ao establecido na Lei 9/2002.

c) Os terreos que as normas subsidiarias de planeamento clasificaron como solo non urbanizable quedan sometidos aos correspondentes réximes de especial protección establecidos na Lei 9/2002, en función dos valores naturais, paisaxísticos, culturais, forestais ou de protección do dominio público que concorren.

Tamén se someten a este réxime do solo rústico os terreos clasificados como solo urbanizable, agás os ámbitos dos plans parciais do parque empresarial da Espiñeira aprobado definitivamente o 26-2-2002 (BOP do 21 de marzo) e da praia de Lóngara, San Pedro de Benquerencia, aprobado definitivamente o 25-5-2001, nos cales se mantén a ordenación aprobada.

7. Na tramitación do expediente de suspensión cumpriuse o procedemento establecido no artigo 96 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Conferido trámite de audiencia ao Concello de Barreiros, de conformidade co establecido no artigo 84 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cómpre sinalar que respecto da motivación da suspensión contida na parte expositiva do decreto, o concello, aínda que manifesta que non comparte moitos dos argumentos expostos, non concreta cales son estes, nin as razóns para rebatelos.

As alegacións presentadas limítanse, en consecuencia, a solicitar a modificación da regulación contida na ordenación provisional proposta pola consellería. Como consecuencia do estudo detallado destas, que se reflicte no correspondente informe que consta no expediente, introducíronse as seguintes modificacións á proposta inicial:

-Modifícase a regulación do solo urbano consolidado no relativo aos criterios de medición da altura máxima permitida e no relativo á ampliación e urbanización das vías existentes.

Ademais, admítese a proposta de establecer unha ordenación pechada nos ámbitos das normas subsidiarias de planeamento municipal nos cales resulta de aplicación a Ordenanza de centro urbano, cunha altura de B+2, para o cal se introduce unha ordenanza de solo urbano de media densidade.

-Modifícase a regulación do solo urbano non consolidado, aceptando que os ámbitos cualificados coa Ordenanza de núcleos diferenciados, no núcleo de San Bartolo, reúnen os requisitos establecidos no artigo 12 a) da Lei 9/2002, para a súa categorización como solo urbano consolidado, polo que se exclúen do ámbito de aplicación desta ordenanza.

8. De canto antecede só pode concluírse que concorren circunstancias obxectivas que determinan a necesidade de atallar as consecuencias indesexables que derivan da aplicación da ordenación establecida polas actuais normas subsidiarias de planeamento municipal de Barreiros e de proceder á urxente revisión do planeamento para elaborar unha nova ordenación que se adapte integramente ao ordenamento xurídico vixente e que garanta un desenvolvemento urbanístico sustentable.

Na súa virtude, de conformidade co disposto polo artigo 96 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, de acordo co ditame da Comisión Superior de Urbanismo de

Galicia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do un de febreiro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Suspéndese, para a súa revisión, de conformidade co disposto polo artigo 96 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal de Barreiros, aprobadas definitivamente con data do 28 de outubro de 1994 con todas as súas modificacións. Así mesmo suspéndese a vixencia de todos os instrumentos de ordenación urbanística aprobados no seu desenvolvemento.

Artigo 2º

Apróbase a ordenación provisional que se insire no anexo deste decreto, que estará vixente no municipio de Barreiros con carácter transitorio ata a entrada en vigor do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Disposición adicional

Facúltase a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para ditar cantas resolucións resulten necesarias para a debida execución e aplicación deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

P.E. (Decreto 7/2007, do 30 de xaneiro; DOG do 31 de xaneiro)

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Ordenación urbanística provisional:

normas e ordenanzas reguladoras

1. Solo urbano consolidado.

1.1. Ámbito de aplicación.

A ordenanza que a seguir se establece será de aplicación aos terreos clasificados como solo urbano de núcleo urbano existente nas normas subsidiarias de planeamento municipal de Barreiros, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo o 28-10-1994, que merezan a condición de soares ou que, polo seu grao de urbanización efectiva e asumida por esta ordenación urbanística, poidan adquirir a condición de soar mediante obras accesorias e de escasa entidade que poidan executarse simultaneamente coas de edificación e construción, agás aqueles nos cales resulte de aplicación outra ordenanza da presente ordenación provisional.

Para estes efectos, enténdese que son soares edificables as parcelas que, no momento da entrada en vigor desta ordenación provisional, cumpren os requisitos establecidos no artigo 16.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, e no artigo 19 das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia de Lugo, aprobadas por orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, do 3 de abril de 1991.

Considéranse como obras accesorias de escasa entidade as de acondicionamento da vía na fronte da parcela e as de acometida ás redes de servizos existentes na fronte da parcela.

En ningún caso terán a consideración de solo urbano consolidado as parcelas que non dean fronte á vía pública pavimentada e non conten con todos os servizos urbanísticos necesarios, no momento da iniciación do expediente de suspensión do planeamento.

1.2. Condicións xerais de edificación.

1.2.1. A altura máxima permitida medirase da seguinte forma:

-En edificación pechada, no centro de todas as fachadas, desde a rasante da vía pública á cal dá a fronte da parcela, ata o plano inferior do último forxado.

-En edificación aberta, no centro de todas as fachadas, desde a rasante do terreo, ata o plano inferior do último forxado.

1.2.2. Permítese a construción de semisotos que non sobresaian máis dun metro en calquera das rasantes do terreo en contacto coa edificación. Tamén se permite a construción dun soto, sempre que non sobresaia en ningún punto da rasante natural do terreo en contacto coa edificación.

Non se permitirá a ocupación en planta baixo rasante fóra da proxección vertical das plantas superiores sobre rasante.

1.2.3. As aliñacións e rasantes da vía pública serán as establecidas nos planos de ordenación, das normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo o 28-10-1994. Naqueles casos en que non se fixen, manteranse as aliñacións consolidadas e a rasante actualmente existente.

1.2.4. Prohíbese a apertura de novas vías non existentes no momento da entrada en vigor desta ordenación provisional.

1.2.5. As cubertas das edificacións estarán formadas por planos inclinados sen quebraduras dos seus faldróns e prohíbense as mansardas e outros volumes sobre os faldróns de cuberta, permitíndose unicamente chemineas e antenas. A pendente máxima permitida será de 40 graos sexaxesimais medidos desde o plano superior do último forxado, cunha altura máxima de cumieira de 4 metros.

Permítese o aproveitamento baixo cuberta para uso residencial sen alterar as condicións xeométricas establecidas neste punto.

1.2.6. As edificacións e construcións cumprirán as condicións de adaptación ao medio establecidas no artigo 104 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e as condicións establecidas nos artigos 15, 16, 17 e 18 das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia de Lugo, aprobadas definitivamente por Orde do 3 de abril de 1991, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

1.3. Ordenanza de solo urbano de media densidade.

1.3.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza é de aplicación aos terreos de solo urbano cualificados como centro urbano-CU segundo os planos de ordenación das normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo o 28-10-1994, que cumpran os requisitos sinalados no punto 1.1 da presente ordenación provisional, para a súa consideración como solo urbano consolidado.

1.3.2. Condicións específicas de edificación.

a) Tipoloxía: edificación entre medianís formando cuarteiróns pechados de uso característico residencial en vivenda colectiva.

b) Parcela mínima: 200 metros cadrados.

c) Fronte mínima á vía pública: 12 metros.

d) Fondo máximo edificable: 16 metros en todas as plantas.

e) A edificación deberá construírse coa liña de fachada sobre a aliñación exterior e encostarse ás estremas laterais.

f) Altura máxima: a altura máxima permitida será de B+2 e 11 m.

g) Voos: non se permitirán corpos voados pechados sobre as vías ou espazos públicos. Unicamente se permiten galerías ou balcóns coas seguintes condicións:

-Que estean a unha altura maior de 3,60 metros por enriba da rasante da rúa, medidas desde o punto máis desfavorable.

-Que se separen da parede medianeira un mínimo de 1 metro.

-Non se permiten nas rúas de ancho inferior a 8 metros.

-Nas rúas con ancho superior a 8 metros, os saíntes poden acadar 1/20 do ancho da rúa, non podendo exceder a dimensión dun metro.

h) Disporase dunha praza de aparcadoiro por cada 100 m de superficie construída sobre rasante, calquera que sexa o uso ao cal se destine a dita edificabilidade.

1.3.3. Usos.

O uso principal será o residencial. En planta baixa e primeira alta tamén se permitirán, sempre que resulten compatibles co uso residencial, os seguintes usos: hostaleiros, comerciais, artesanais, para oficinas, sociais, culturais, deportivos, relixiosos, docentes, sanitarios, asistenciais, para garaxes e servizos do automóbil e para espectáculos públicos e actividades recreativas.

1.4. Ordenanza de solo urbano de baixa densidade.

1.4.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza é de aplicación aos terreos, que reunindo os requisitos sinalados no apartado 1.1. da presente ordenación provisional, para a súa consideración como solo urbano consolidado, nos lles resulte de aplicación a Ordenanza de media densidade da presente ordenación provisional.

1.4.2. Condicións específicas de edificación.

a) Tipoloxía: edificación de vivenda unifamiliar illada.

b) Parcela mínima: 300 metros cadrados.

c) Fronte mínima de parcela: 12 metros.

d) Ocupación máxima da parcela pola edificación: 200 metros cadrados.

e) Recuamento mínimo: 3 metros a todos os lindeiros da parcela.

f) Altura máxima: planta baixa e unha planta alta, cun máximo de 7 metros.

g) Só se permitirá unha vivenda en cada parcela.

1.4.3. Usos.

O uso principal será o residencial en vivenda unifamiliar. Tamén se permitirán, sempre que resulten compatibles co uso residencial, os seguintes usos: hostaleiros, comerciais, artesanais, para oficinas, sociais, culturais, deportivos, relixiosos, docentes, sanitarios, asistenciais, para garaxes e servizos do automóbil e para espectáculos públicos e actividades recreativas.

2. Solo urbano non consolidado.

2.1. Ámbito de aplicación.

A presente ordenación será de aplicación:

a) Aos terreos clasificados como solo urbano nas normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo o 28-10-1994, que non reúnan os requisitos para seren considerados como solo urbano consolidado nos termos do número 1 da presente ordenación provisional. En todo caso, considéranse incluídos no solo urbano non consolidado os terreos que non reúnan a condición de soar no momento da iniciación do expediente de suspensión do planeamento.

b) Aos terreos clasificados como solo urbano no ámbito do núcleo urbano de San Bartolo, que linda co litoral, aos que resulta de aplicación a Ordenanza de espazo residencial aberto extensivo e que se reflicten no plano de ordenación número 3.5 das normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo o 28-10-1994.

2.2. Condicións específicas.

Neste ámbito non se permiten novas edificacións e só poderán executarse as obras de construción amparadas en licenza urbanística outorgada con anterioridade ao inicio do expediente de suspensión do planeamento, sempre que sexan conformes co ordena

mento xurídico vixente no momento da concesión e non teñan transcorrido os prazos de caducidade da licenza.

Poderán autorizarse as obras de conservación, de mellora ou de reforma das edificacións existentes, sen aumentar o volume edificado.

3. Solo de núcleo rural.

3.1. Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación da presente ordenanza serán os núcleos rurais delimitados no documento das normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo o 28-10-1994, calquera que sexa a clasificación de solo que estas lles outorguen. En ningún caso resulta de aplicación esta ordenanza no ámbito das áreas de tolerancia exteriores aos núcleos delimitados.

3.2. Condicións de edificación.

3.2.1. Nos núcleos rurais delimitados que se encontran, total ou parcialmente, a menos de 500 m do límite interior da ribeira do mar -núcleos de Vilar, A Áspera, Viladaíde, Remior e As Cortiñas-, así como naqueles terreos dos núcleos rurais delimitados incluídos nos ámbitos dos espazos As Catedrais e Ría de Foz-Masma declarados como zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, non se permiten novas edificacións e só poderán executarse as obras de construción amparadas en licenza urbanística outorgada con anterioridade ao inicio do expediente de suspensión do planeamento, sempre que sexan conformes co ordenamento xurídico vixente no momento da concesión e non transcorresen os prazos de caducidade da licenza. Poderán autorizarse as obras de conservación, de mellora ou de reforma das edificacións existentes, sen aumentar o volume edificado.

3.2.2. Para edificar nos terreos incluídos nos ámbitos dos restantes núcleos rurais delimitados será de aplicación o establecido nos artigos 24 a 29, 104 e 171 a 173 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, coas seguintes particularidades:

a) Parcela mínima edificable: 600 metros cadrados.

b) Fronte mínima de parcela: 12 metros.

c) Só serán edificables as parcelas con fronte á vía pública asfaltada existente con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Non se permite a segregación ou división de parcelas nin serán edificables as parcelas procedentes de segregacións ou divisións realizadas despois da entrada en vigor da Lei 15/2004, de modificación da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

d) A superficie total ocupada en planta pola edificación non poderá superar os 120 metros cadrados.

e) Altura máxima: planta baixa e unha planta alta, cun máximo de 7 metros medidos no centro de todas as fachadas, desde a rasante natural do terreo ao arrinque inferior da vertente de cuberta.

f) Tipoloxía edificatoria: vivenda unifamiliar illada.

g) Só se permitirá unha vivenda en cada parcela.

h) A nova edificación deberá situarse a unha distancia inferior a 50 metros doutra vivenda existente con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

3.3. Condicións específicas para as edificacións tradicionais.

No suposto de edificacións tradicionais ou de singular valor arquitectónico existentes no ámbito de aplicación desta ordenanza, permitiranse obras de conservación, restauración, rehabilitación e reconstrución sempre que non supoñan variación das características esenciais do edificio orixinario nin alteración do lugar, do seu volume nin da tipoloxía orixinaria, sen necesidade de cumprir as condicións de edificación do punto 3.2.

3.4. Usos.

O uso característico das edificacións será o de vivenda unifamiliar. Ademais, nas condicións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, permitiranse os usos hostaleiros, comerciais, artesanais, para oficinas, sociais, culturais, deportivos, relixiosos, docentes, sanitarios, asistenciais e para garaxes.

4. Solo urbanizable.

4.1. No ámbito dos plans parciais da praia de Lóngara, en San Pedro de Benquerencia, así como do parque empresarial da Espiñeira, aprobados definitivamente con datas do 25 de maio de 2001 e 21 de marzo de 2002, respectivamente, resultan de aplicación as condicións de uso e edificación contidas nos documentos aprobados.

4.2. Nos restantes terreos clasificados polas normas subsidiarias de planeamento municipal de Barreiros como solo urbanizable será de aplicación a Ordenanza de solo rústico da presente ordenación provisional.

5. Solo rústico.

5.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza será de aplicación:

-Aos terreos clasificados polas normas subsidiarias de planeamento municipal de Barreiros, aprobadas definitivamente con data do 28-10-1994, como solo non urbanizable internuclear, así como o solo non urbanizable especialmente protexido en calquera das súas categorías.

-Ás áreas de tolerancia exteriores aos núcleos delimitados.

-Aos terreos clasificados como solo urbanizable polas normas subsidiarias de planeamento municipal de Barreiros, agás nos ámbitos dos plans parciais da praia de Lóngara, en San Pedro de Benquerencia, así como no do parque empresarial da Espiñeira, aprobados definitivamente con datas do 25 de maio de 2001 e 21 de marzo de 2002.

5.2. Condicións de uso e edificación.

As condicións de uso e edificación aplicables no ámbito da presente ordenanza serán as establecidas

nos artigos 31 a 44 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, coa particularidade de que a ocupación máxima en planta das novas edificacións non poderá superar os 200 metros cadrados, agás nas destinadas a explotacións agropecuarias.

No caso de edificacións de carácter tradicional ou de singular valor arquitectónico existentes en solo rústico, será de aplicación o réxime establecido no artigo 40 da Lei 9/2002.

6. Zonas verdes e espazos libres públicos.

6.1. Ámbito de aplicación.

Comprende os terreos cualificados como zonas verdes ou espazos libres nos planos de ordenación das normas subsidiarias de planeamento municipal de Barreiros, aprobadas definitivamente o 28-10-1994, ou en calquera outro instrumento de planeamento de desenvolvemento aprobado, así como as zonas verdes e espazos libres de dominio público existentes no momento da entrada en vigor desta ordenación provisional, aínda que non estean reflectidos nos planos de ordenación.

6.2. Ordenación.

O único uso permitido é o de zona verde e espazo libre de uso e dominio público e as instalacións apropiadas para a expansión e recreo da poboación como son áreas de xogos ao aire libre, plantación, axardinamento, lugares acondicionados para o descanso, quioscos de música, etc.

As posibles construcións que se realicen en cada zona verde non poderán ocupar máis do 5% da superficie do parque nin superar a altura máxima de 3 metros.

7. Equipamentos e dotacións.

7.1. Ámbito de aplicación.

Comprende os terreos cualificados como equipamentos ou dotacións segundo os planos de ordenación das normas subsidiarias de planeamento ou calquera outro instrumento de planeamento de desenvolvemento aprobado; así como os equipamentos e dotacións públicas existentes no momento da entrada en vigor desta ordenación provisional, aínda que non estean reflectidas nos planos de ordenación.

7.2. Condicións de uso.

Poderán destinarse a algún dos seguintes usos: docente, deportivo, sanitario, asistencial, relixioso, cultural ou administrativo de titularidade pública.

7.3. Condicións de edificación.

Nas edificacións existentes destinadas a equipamentos permítense as obras de conservación, de mellora e de reforma que resulten necesarias para o uso ao cal estean destinados.

No caso de novas edificacións ou ampliación das existentes, serán de aplicación as seguintes condicións de edificación:

a) Tipoloxía: edificación illada.

b) Parcela mínima: 300 metros cadrados.

c) Fronte mínima de parcela: 12 metros.

d) Recuamento mínimo: 3 metros a todos os lindeiros da parcela.

e) Altura máxima: planta baixa e unha planta alta, cun máximo de 7 metros, en solo de núcleo rural, e 10 metros de altura e baixo e dúas plantas, en solo urbano.

8. Sistema viario.

8.1. Ámbito de aplicación.

Será de aplicación:

a) Ás estradas de titularidade estatal, autonómica e local, incluídas as súas zonas de afección.

b) Ao sistema viario reflectido nos planos de ordenación das normas subsidiarias de planeamento municipal e nos plans de desenvolvemento aprobados que se manteñen en vigor.

8.2. Réxime de protección.

Será de aplicación o establecido no artigo 106 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, así como a lexislación vixente en materia de estradas.

En todo caso, prohíbese a apertura de novas vías, rúas ou camiños, así como a urbanización ou a ampliación dos existentes, sen prexuízo do establecido na lexislación aplicable ás estradas de titularidade estatal ou autonómica.

Cando se trate de terreos clasificados como solo rústico ou non urbanizable, será de aplicación o réxime establecido para o solo rústico de especial protección de infraestruturas que inclúe o dominio público e os terreos contiguos ata a liña límite de edificación.

9. Edificacións existentes.

9.1. Edificacións en situación de fóra de ordenación

As edificacións e instalacións amparadas na preceptiva licenza urbanística municipal que foron outorgadas con anterioridade ao inicio do expediente de suspensión do planeamento, sempre que sexan conformes co ordenamento xurídico vixente no momento da concesión e resulten desconformes con esta ordenación provisional, quedarán sometidos ao réxime de fóra de ordenación.

Dentro da situación de fóra de ordenación, distínguense:

a) As construcións e instalacións só parcialmente incompatibles con esta ordenación provisional: serán aquelas en que a situación de fóra de ordenación é consecuencia unicamente de non axustarse ás condicións de parcela mínima, altura e número de plantas, superficie e volume máximo edificables, distancias mínimas a lindeiros e ocupación permitida, segundo o establecido na presente ordenación provisional. Nelas poderanse autorizar obras de mellora ou reforma, así como o cambio de uso sempre que se trate dun uso permitido na correspondente ordenanza. Porén non caben obras de ampliación da superficie construída segundo a licenza.

b) As construcións e instalacións en situación de fóra de ordenación por total incompatibilidade coas determinacións da presente ordenación provisional: son todas as demais que non se axustan á presente ordenación provisional e non poden considerarse incluídas na anterior letra a). Nestas construcións e instalacións só poden autorizarse obras de simple conservación, mantendo o uso existente.

9.2. Edificacións ilegais.

No caso de construcións realizadas sen a preceptiva licenza urbanística municipal, sen axustarse ás condicións da licenza, ou con licenza anulada, deberán adoptarse as medidas necesarias para a plena restauración da legalidade urbanística, segundo o establecido na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Se xa tivese transcorrido o prazo para a acción de reposición da legalidade urbanística, non se poderán realizar outras obras que as pequenas reparacións exixidas por razóns de seguridade e hixiene e, en ningún caso, as de consolidación, aumento do valor ou modernización, nin cambio de uso.

No caso de edificacións ilegais en solo rústico, aplicarase o establecido na disposición transitoria quinta da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

10. Expedientes en tramitación.

As licenzas e os procedementos de aprobación de instrumentos de planeamento e xestión urbanística en tramitación no momento da iniciación do expediente de suspensión da vixencia das normas subsidiarias de planeamento de Barreiros, deberán resolverse de conformidade coa ordenación urbanística provisional establecida neste decreto.