DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Venres, 01 de setembro de 2006 Páx. 13.522

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el.

Preámbulo

As funcionarias e funcionarios docentes que imparten ensinanzas distintas das universitarias poden perder o seu destino definitivo, de forma provisional ou definitiva, por diminución das necesidades de profesorado no seu centro de destino. Esta diminución pode ter a súa orixe na situación demográfica, na planificación educativa ou nas modificación dos plans de estudos. Existe, pois, a necesidade de ter regulados os criterios que permitan determinar entre varios funcionarios docentes, quen debe ser o afectado pola perda do seu destino definitivo, quedando na situación de suprimido.

Na actualidade estes criterios están establecidos nas disposicións adicionais sétima e undécima do Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro, polo que se regulan os concursos de traslados de ámbito nacional para a provisión de prazas correspondentes aos corpos docentes. Estas disposicións adicionais, que non teñen o carácter de norma básica, prescriben que para o funcionariado do corpo de mestres a prioridade de permanencia no centro vén determinada pola antigüidade no centro, mentres que para os restantes funcionarios o criterio preferente é a antigüidade no corpo. Resulta razoable unificar os criterios para todos os funcionarios docentes e esta unificación realízase sen que afecte as expectativas dos funcionarios que xa accederon aos centros ou van acceder en virtude de procedementos de provisión de postos convocados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, polo que se establece unha disposición transitoria mantendo a regulación actualmente vixente para estas funcionarias

e funcionarios docentes.

O criterio que se fai prevalecer é o da antigüidade no centro, pois para o mantemento dun destino definitivo resulta razoable que prime máis a antigüidade nese posto concreto que os anos de experiencia que se posúen no corpo, producíndose unha maior estabilidade dos claustros de profesores e favorecendo unha mellor integración dos docentes nos respectivos centros. Pola súa vez, esta medida, facilitará o incremento da porcentaxe de profesorado con destino definitivo nos centros educativos, incidindo positivamente na calidade do ensino.

Pola súa banda, a disposición adicional décimo cuarta do mesmo Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro, prescribe que dentro do ámbito territorial que as Administracións educativas determinen, nos casos nos que se produza un cambio de ensinanzas desde un centro a outro, os profesores das especialidades afectadas quedarán adscritos ao novo centro, mantendo para todos os efectos a antigüidade que posuían no centro de orixe. Parece oportuno limitar a conservación da antigüidade

para os efectos de concurso de traslados e clarificar que, cando no centro receptor das ensinanzas, xa exista profesorado das especialidades afectadas, a adscrición con carácter definitivo se limitará a un número de profesores por especialidade igual ao número de vacantes previamente existentes incrementado, se é o caso, no de vacantes que se xeren por mor do traslado destas ensinanzas. Con esta medida impídese que unha funcionaria ou funcionario docente con destino definitivo nun centro educativo poida resultar suprimido no seu destino como consecuencia do acceso ao centro doutra ou doutro docente do mesmo corpo e especialidade.

Así mesmo, parece oportuno manter a regulación recollida no Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro, para os supostos de obtención de destino definitivo nun centro como consecuencia de desagregación, desdobramento ou transformación total ou parcial doutro ou doutros centros.

Por último, procede estender ao funcionariado do corpo de mestres a figura de profesor desprazado do seu centro por falta de horario, prevista para as funcionarias e funcionarios que imparten ensino secundario na disposición adicional décimo terceira do precitado Real decreto 2212/1998, do 2 de outubro, polo que se regulan os concursos de traslados de ámbito nacional para a provisión de prazas correspondentes aos corpos docentes.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, en uso das atribucións conferidas polos artigos 28.1 e 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de agosto de dous mil seis

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten como obxecto regular os criterios da perda provisional ou definitiva do destino definitivo das funcionarias e funcionarios docentes, o cómputo da antigüidade nos supostos da obtención de destino en virtude de desagregación, desdobramento ou transformación total ou parcial, integración total ou parcial ou cambio de ensinanzas dun centro a outro, as consecuencias de participar no concurso de traslados exercendo ou non o dereito preferente, así como a figura de funcionaria e funcionario docente desprazado por falta de horario.

Artigo 2º.-Definicións.

1. Desagregación. Comprende aqueles supostos nos que, para atender determinadas necesidades educativas, se crea un novo centro que recolle parte do alumnado do centro ou centros implicados no proceso, expresamente citados no decreto de creación correspondente.

2. Desdobramento. Recolle aqueles supostos nos que, para atender determinadas necesidades educativas, se crean dous ou máis novos centros que recolle parte do alumnado doutro centro ou centros implicados no proceso, expresamente citados no decreto de creación correspondente, que se extinguen.

3. Transformación. Refírese á creación dun centro novo por reconversión doutro, dunha extensión de bacharelato ou dunha sección de formación profesional, que por conseguinte se extinguen.

4. Integración. Comprende aqueles supostos de centros que se extinguen e o seu alumnado é escolarizado noutro centro.

5. Cambio de ensinanzas. Supón a extinción nun centro de determinadas ensinanzas deste e o seu traslado a outro centro.

Artigo 3º.-Criterios da perda do destino definitivo no corpo de mestres.

1. Nos supostos nos que se deba determinar entre varios mestres que ocupan prazas da mesma especialidade quen é o afectado por unha circunstancia que implica a perda provisional ou definitiva do destino que viñan desempeñando, se ningún deles opta voluntariamente polo cesamento, aplicaranse sucesivamente os seguintes criterios:

a) Menor antigüidade ininterrompida, como definitivo, no centro.

b) Menor tempo de servizos efectivos como funcionario de carreira do corpo de mestres.

c) Ano máis recente de ingreso no corpo.

d) A menor existencia de cargas familiares, nomeadamente, menores de 6 anos e persoas con discapacidades severas.

e) Menor puntuación obtida no procedemento selectivo a través do que se ingresou no corpo.

2. Nos supostos nos que o número de solicitudes de cesamento nunha especialidade fose maior que o de mestres que deban cesar, os criterios de prioridade para optar serán:

a) Maior antigüidade ininterrompida, con destino definitivo, no centro.

b) Maior número de anos de servizos efectivos como funcionaria ou funcionario de carreira do corpo de mestres.

c) Promoción de ingreso máis antiga.

d) A maior existencia de cargas familiares, nomeadamente, menores de 6 anos e persoas con discapacidades severas.

e) Maior puntuación obtida no procedemento selectivo de ingreso ao corpo.

Artigo 4º.-Criterios da perda do destino definitivo nos corpos que imparten ensinanzas secundaria e de réxime especial.

Para as funcionarias e funcionarios dos corpos docentes que imparten ensinanzas distintas das universitarias non recollidos no artigo 3º, nos supostos nos que se deba determinar entre varias profesoras ou profesores que ocupan prazas do mesmo tipo quen é a afectada ou afectado por unha circunstancia que implica a perda provisional ou definitiva do destino que viña desempeñando, se ningún deles opta voluntariamente polo cesamento, aplicaranse sucesivamente os seguintes criterios:

a) Menor antigüidade ininterrompida como definitivo na praza.

b) Menor tempo de servizos efectivos como funcionaria ou funcionario de carreira do corpo ao que pertenza cada funcionaria ou funcionario.

c) Ano máis recente de ingreso no corpo.

d) Non pertencer ao corpo de catedráticos.

e) A menor existencia de cargas familiares, nomeadamente, menores de 6 anos e persoas con discapacidades severas.

f) Menor puntuación obtida no procedemento selectivo de ingreso no corpo.

As disposicións contidas no parágrafo anterior aplicaranse sen prexuízo de que un catedrático por especialidade terá dereito preferente para quedarse con destino definitivo no centro.

No suposto de que o número de solicitudes de cesamento fose maior que o de funcionarios que deban cesar, os criterios de prioridade para optar serán:

a) Maior antigüidade con destino definitivo ininterrompido na praza.

b) Maior número de anos de servizos efectivos como funcionaria ou funcionario de carreira.

c) Ano máis antigo de ingreso no corpo.

d) Pertencer ao corpo de catedráticos.

e) A maior existencia de cargas familiares, nomeadamente, menores de 6 anos e persoas con discapacidades severas.

f) A maior puntuación obtida no procedemento selectivo de ingreso no corpo.

Artigo 5º.-Cómputo da antigüidade ininterrompida.

Para os efectos deste decreto, para computar a antigüidade ininterrompida e o tempo de servizos efectivos prestados terase en conta o tempo transcorrido en situacións administrativas distintas da de servizo activo que impliquen reserva de praza.

O exercicio de dereitos de conciliación da vida familiar e laboral en ningún caso repercutirá negativamente no cómputo da antigüidade.

Artigo 6º.-Cómputo da antigüidade nos supostos de desagregación, desdobramento ou transformación.

1. Ás funcionarias e funcionarios docentes que teñan destino definitivo nun centro como consecuencia de desagregación, desdobramento ou transformación total ou parcial doutro ou outros centros, computaráselles, para todos os efectos, a antigüidade xerada no seu centro de orixe.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá ditar as correspondentes disposicións para ponderar, para efectos de determinar a antigüidade no centro, a situación daqueles docentes que procedesen dun destino anterior suprimido ou participasen no concurso por estar desprazados por falta de horario.

3. O exercicio de dereitos de conciliación da vida familiar e laboral en ningún caso repercutirá negativamente no cómputo da antigüidade.

Artigo 7º.-Integración total ou parcial ou cambio de ensinanzas desde un centro a outro.

1. Dentro do ámbito territorial que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determine, nos casos nos que se produza unha integración total ou

parcial ou un cambio de ensinanzas desde un centro a outro, as funcionarias e funcionarios docentes das especialidades afectadas, de existir vacante ou no caso no que esa integración ou cambio orixine vacante no centro receptor das ensinanzas, quedarán adscritos definitivamente ao novo centro, mantendo para os efectos do concurso de traslados a antigüidade que posuían no centro de orixe. Na determinación do referido ámbito territorial a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria valorará as necesidades de conciliación da vida familiar e laboral das funcionarias e funcionarios docentes afectados.

2. Para determinar as funcionarias e funcionarios docentes que, se é o caso, se adscriben con carácter definitivo ao centro aplicaranse os criterios de prioridade establecidos nos artigos 3º ou 4º, segundo proceda.

3. As funcionarias e funcionarios docentes que non poidan quedar adscritos definitivamente deberán optar por quedar como suprimidos ou con destino definitivo no centro receptor das ensinanzas. Neste último suposto, estas funcionarias e funcionarios, de ser o caso, serán desprazados por falta de horario e deberán de participar obrigatoriamente nos concursos de traslados ata a obtención dun novo destino definitivo.

4. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá eximir da obriga de participar no concurso de traslados ao funcionariado docente desprazado por falta de horario cando en función da planificación educativa ou das próximas xubilacións de profesorado do centro de destino definitivo, se prevexa neste un incremento de vacantes na especialidade correspondente.

Artigo 8º.-Participación obrigatoria no concurso de traslados.

1. As funcionarias e funcionarios docentes con destino provisional como consecuencia de cumprimento de sentenza ou resolución de recurso, da supresión da praza da que eran titulares, de integración total ou parcial ou traslado de ensinanzas, ou do transcurso do tempo para o que foron adscritos a postos de traballos docentes españois no estranxeiro, están obrigados a participar, ata que obteñan destino definitivo, nos concursos de traslados que se convoquen a partir da data na que se produciu o cesamento. De non participaren, serán destinados de oficio, dentro da comunidade autónoma, a prazas para o desempeño das cales reúnan os requisitos exixibles.

2. Sen prexuízo desa participación obrigatoria, aquelas funcionarias e funcionarios que teñan dereito preferente a obter destino nunha localidade ou ámbito territorial determinado, se desexan facer uso deste dereito e ata que alcancen aquel, deberán participar en todas as convocatorias que, para estes efectos, realice a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, solicitando todas as prazas para as que estean facultados, situadas na localidade na que estaba situado o seu centro de destino, no suposto de que exista outro ou outros centros nesa localidade; de non ser así, participarán á localidade na que teñen recoñecido o dereito preferente como consecuencia da escolarización dos alumnos. Poderán participar con carácter voluntario a unha ou a todas as restantes localidades comprendidas no ámbito territorial. Poderán, ademais, sucesivamente, solicitar outras prazas

situadas fóra do ámbito territorial do dereito preferente. De non participar desta forma, teranse por decaídos do dereito preferente.

3. O funcionariado docente que, cumprindo coa obriga de concursar e non exercendo o dereito preferente, non obtivesen ningún destino dos solicitados durante seis convocatorias, serán destinados de oficio pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na forma que estea prevista nas convocatorias.

4. Os que, cumprindo coa obriga de concursar, exerzan o dereito preferente non lles será adxudicado destino de oficio. Mentres non obteñan destino definitivo seralles adxudicado destino provisional na localidade ou, no caso do funcionariado do corpo de mestres, zona educativa.

Artigo 9º.-Renuncia á participación no concurso de traslados.

O funcionariado docente desprazado por falta de horario, que participe no concurso de traslados exercendo o dereito preferente, poderá renunciar á participación no concurso nas catro primeiras convocatorias desde que se produciu a perda do destino, mantendo o dereito preferente a obter destino no centro, localidade ou zona educativa.

Artigo 10º.-Dereito de retorno.

Durante os seis anos seguintes á realización do traslado de ensinanzas as funcionarias e funcionarios docentes afectados terán un dereito de retorno ao seu centro de orixe en calquera das especialidades das que sexan titulares.

Artigo 11º.-Suposto de provisión de prazas clasificadas de Administración educativa.

1. O persoal funcionario docente que, de conformidade coa vixente relación de postos de traballo, ocupe postos da Administración que poida desempeñar, quedará na situación administrativa de servizo activo.

2. Naqueles casos nos que o sistema de provisión de postos sexa de libre designación terán dereito á reserva da praza que estivesen desempeñando, se esta se ocupase con carácter definitivo.

Disposición adicional

Única.-Para os efectos da antigüidade no corpo de catedráticos prevista neste decreto, cando concorran con funcionarias e funcionarios doutro corpo docente, acumularanse cos servizos prestados no corpo de catedráticos os do corpo de procedencia.

Disposición transitoria

Para o funcionariado docente que imparte ensinanzas de secundaria ou de réxime especial, que accederon ou accedan ao centro en virtude de procedementos de provisión de postos de traballo convocados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, nos supostos nos que se deba determinar entre varias profesoras e profesores que ocupan prazas do mesmo tipo quen é a afectada ou afectado por unha circunstancia que implica a perda provisional ou definitiva do destino que viña desempeñando, se ningún deles opta voluntariamente polo cesamento aplicaranse sucesivamente os seguintes criterios:

a) Menor tempo de servizos efectivos como funcionaria ou funcionario de carreira do corpo ao que pertenza cada funcionaria ou funcionario.

b) Menor antigüidade ininterrompida como definitivo na praza.

c) Ano máis recente de ingreso no corpo.

d) Non pertencer ao corpo de catedráticos.

e) Menor puntuación obtida no procedemento selectivo de ingreso no corpo.

Todo iso sen prexuízo de que unha catedrática ou catedrático por especialidade terá dereito preferente para quedarse con destino definitivo no centro.

No suposto de que o número de solicitudes de cesamento fose maior que o de funcionarias e funcionarios que deban cesar, os criterios de prioridade para optar serán:

a) O maior número de anos de servizos efectivos como funcionaria ou funcionario de carreira.

b) A maior antigüidade con destino definitivo ininterrompido na praza.

c) O ano máis antigo de ingreso no corpo.

d) A pertenza ao corpo de catedráticos.

e) A maior puntuación obtida no procedemento selectivo de ingreso no corpo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións que procedan para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de agosto de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria