DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Martes, 12 de xullo de 2005 Páx. 12.370

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 193/2005, do 30 de xuño, polo que se modifica o Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia.

A Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, regula no seu artigo 21 os traslados das oficinas de farmacia, e nos artigos 23 e seguintes a súa transmisión.

En desenvolvemento do previsto na Lei 5/1999, do 21 de maio, a Consellería de Sanidade ditou o Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia.

En data recente, aprobouse a Lei 4/2005, do 17 de marzo, de modificación da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, que veu imposta por mor da Sentenza do Tribunal Constitucional do 17 de xullo de 2003, relativa ao recurso de constitucionalidade número 3537-1999, formulado fronte aos artigos 4.3º, 20, 23.1º, 45 b) e 46, e que declarou a inconstitucionalidade do artigo 23.1º e do 45 b) relativos á transmisión inter vivos das oficinas de farmacia adxudicadas por concurso con posterioridade á entrada en vigor da dita lei, e ás unidades de radiofarmacia tipo II.

As modificacións recollidas na dita lei afectan tamén o artigo relativo ao traslado das oficinas de farmacia, e o regulador do acceso a dependencias das oficinas. Tamén, como consecuencia das peculiaridades do réxime de cotitularidade das oficinas de farmacia fronte ás de titularidade única, reguláronse determinados aspectos dela, mediante a introdución de puntos específicos nos artigos relativos á caducidade e á transmisión inter vivos, así como a regulación da transmisión no suposto de cotitularidade, establecendo un dereito de adquisición preferente a favor do cotitular. Así mesmo, en relación co dereito de transmisión, eliminouse toda referencia ás oficinas de farmacia obtidas con anterioridade á entrada en vigor da Lei 5/1999, do 21 de maio.

Por iso, como consecuencia do preceptuado por esta lei, procede a modificación do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, para a súa adaptación á nova redacción da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica.

Así mesmo, a modificación do baremo contido neste decreto como vén imposta polas sentenzas ditadas pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na resolución dos recursos contencioso-administrativos presentados contra o Decreto 146/2001, do 7 de xuño, nas cales se anulou o artigo 54.2º do dito decreto, no que se limitaba a transmisión das oficinas de farmacia obtidas por concurso público tras a entrada en vigor da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e os parágrafos 2 e 3 do artigo 5 do baremo, nos cales se establecía a valoración da experiencia profesional dos farmacéuticos titulares de oficina de farmacia que procederan á transmisión das súas oficinas de farmacia nos cinco anos anteriores ao momento de presentar a súa solicitude de autorización de apertura de nova oficina de farmacia.

Tendo en conta o anterior, e ao abeiro do establecido na disposición derradeira primeira da Lei 5/999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co ditame nº 427/05 do Consello Consultivo de Galicia, do 23 de xuño, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de xuño de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o número 4 do artigo 22 do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión das oficinas de farmacia, que quedará redactado nos seguintes termos:

«En ningún caso poden solicitar a adxudicación dunha oficina de farmacia os farmacéuticos que tivesen sesenta e cinco anos ou máis na data da convocatoria do concurso público de adxudicación, nin os titulares dunha oficina de farmacia da mesma zona farmacéutica en que se pretenda abrir a nova. Así mesmo, non poderán presentar a súa solicitude aqueles que estean inhabilitados ou incapacitados para o exercicio da profesión por sentenza xudicial firme penal ou civil».

Artigo 2º

Modifícase artigo 32 que quedará redactado nos seguintes termos:

«As autorizacións de funcionamento de oficinas de farmacia caducarán de acordo co previsto nos artigos 20 e 25.2º da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica».

Artigo 3º

Modifícase o número 3 do artigo 34 que quedará redactado nos seguintes termos:

«Son traslados forzosos, e teñen carácter provisional os que se produzan por obras, derrubamento ou demolición do edificio e que supoñan o cerramento temporal da oficina de farmacia no seu asentamento, autorizándose con carácter transitorio o seu funcionamento noutras instalacións, co compromiso e coa obriga do titular de que a oficina de farmacia retorne ao seu primitivo local no prazo determinado no artigo seguinte.

Incluirase nestes supostos a necesidade de efectuar obras ou reformas que impidan desenvolver unha adecuada atención farmacéutica, sempre que exista posibilidade e o compromiso do titular de que a oficina retorne ao seu primitivo local.

Transcorrido o prazo outorgado sen que a oficina de farmacia retorne ao seu lugar, procederase ao cerramento do local onde se instalase provisionalmente.

Os traslados forzosos provisionais comportarán o cerramento temporal forzoso da oficina de farmacia no seu asentamento de orixe».

Artigo 4º

Modifícanse os números 1, 2 e 3 do artigo 50 que quedará redactado nos seguintes termos:

«A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade iniciará de oficio o expediente de cerramento definitivo

dunha oficina de farmacia e no prazo dun mes ditará resolución, especificando a causa e a data, nos seguintes casos:

1. Cando o farmacéutico titular cumpra setenta anos de idade ou faleza, de acordo co previsto no artigo 20 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica.

2. Se se produce a caducidade da autorización da oficina de farmacia, de acordo co artigo 25.2º da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, pola obtención da autorización firme de apertura dunha nova oficina de farmacia.

3. Se transcorridos vinte días desde a declaración de falecemento, de xubilación, incapacidade permanente non parcial, declaración xudicial de ausencia ou incapacitación xudicial, non se producise a solicitude de cerramento ou de nomeamento de farmacéutico rexente».

Artigo 5º

Modifícase o artigo 54 que quedará redactado nos seguintes termos:

«1. A transmisión da oficina de farmacia, inter vivos ou mortis causa, só poderá facerse a favor doutro farmacéutico. Estarán excluídas da posibilidade de transmisión, as farmacias que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 25 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica.

2. A cesión, traspaso ou venda do local onde estivese instalada unha oficina de farmacia, para outros fins distintos aos farmacéuticos, non se rexerá polo establecido neste decreto».

Artigo 6º

Modifícase o artigo 55 que quedará redactado nos seguintes termos:

«1. O farmacéutico titular dunha oficina de farmacia, sexa en parte ou na súa totalidade, que se propoña transmitila a título gratuíto ou oneroso, só poderá facelo cando leve aberta ao público un mínimo de tres anos, agás nos supostos de falecemento, xubilación, declaración xudicial de ausencia, incapacitacion física ou xurídica do farmacéutico titular ou un dos titulares da oficina de farmacia, nos que bastará que a oficina estea aberta ao público na data de produción destas circunstancias.

2. O farmacéutico titular deberá presentar previamente a súa solicitude de transmisión á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade que deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Titularidade da oficina de farmacia ou da parte alícuota que transmite.

b) Título de licenciado en farmacia do cesionario.

c) Aceptación do cesionario.

d) Condicións da transmisión nos supostos de cotitularidade.

e) Acreditación do pagamento da taxa correspondente á transmisión de oficinas de farmacia.

3. A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade outorgará a autorización de transmisión condicionada á obtención, por parte do adquirente, da correspondente autorización de funcionamento.

4. Unha vez concedida a autorización de transmisión, o farmacéutico adquirente disporá dun prazo de tres meses para solicitar a autorización de funcionamento, debendo presentar a seguinte documentación:

a) Acreditación da súa condición de adquirente da oficina de farmacia.

b) Título en virtude do cal utiliza o local onde está instalada a oficina de farmacia.

c) Declaración xurada de non estar incurso en ningunha das causas de incompatibilidade ás que se refire o artigo 51 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica e normativa de desenvolvemento.

d) Compromiso de manter aberta ao público a oficina de farmacia adquirida ou recibida.

e) Certificación expedida polo colexio oficial de farmacéuticos da provincia acreditativa da colexiación e autorización de exercicio profesional.

5. Transcorrido o prazo ao que se refire o punto anterior sen que, por causa imputable ao farmacéutico adquirente, solicítase a autorización de funcionamento, advertiráselle que transcorridos tres meses se entenderá incumprida a condición á que está sometida a autorización de transmisión, quedando sen efecto esta e permanecendo, para efectos administrativos, como titular e propietario da oficina de farmacia o farmacéutico transmitente, sen prexuízo das responsabilidades que no ámbito civil puidesen corresponder.

6. Considerarase concedida a autorización de funcionamento se transcorren tres meses desde a presentación da documentación requirida, sen que o órgano competente da Administración sanitaria ditase a correspondente resolución.

7. No caso de cotitularidade na transmisión onerosa, terá dereito de adquisición preferente o farmacéutico cotitular ou, se é o caso, os farmacéuticos cotitulares, proporcionalmente ás súas cotas de participación.

O dereito de adquisición preferente dos cotitulares deberá exercerse no prazo dun mes e nos termos previstos para o retracto de comuneiros na lexislación civil».

Artigo 7º

Modifícase o artigo 58 que quedará redactado nos seguintes termos:

«1. No suposto de falecemento do farmacéutico titular, poderán continuar coa oficina de farmacia o cónxuxe ou algún dos herdeiros en primeiro grao, sempre que sexan farmacéuticos e cumpran cos requisitos exixidos.

2. Igualmente poderán continuar coa oficina de farmacia o cónxuxe ou calquera dos herdeiros en primeiro grao que no momento do falecemento do titular estean cursando estudos de farmacia, sempre que os finalicen no prazo de cinco anos. Durante este tempo a oficina de farmacia estará atendida por un farmacéutico rexente.

3. O cotitular, no suposto de transmisión mortis causa, poderá exercer o seu dereito de adquisición preferente segundo o previsto no artigo 55, agás no suposto de que a transmisión se produza a favor do cónxuxe ou calquera dos herdeiros en primeiro grao que, no momento do falecemento do cotitular, sexa licenciado en farmacia ou estea cursando estudos de farmacia, sempre que finalice estes no prazo de cinco anos de acordo co previsto no artigo 24.4º da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica».

Artigo 8º

Modifícanse os números 2, 3 e 4 do artigo 59 que quedará redactado nos seguintes termos:

«2. No suposto de continuar coa oficina de farmacia aberta ao público, se nin o cónxuxe nin ningún dos herdeiros dos recollidos no artigo anterior é farmacéutico, nin está cursando os estudos de licenciatura de farmacia no momento do falecemento do farmacéutico titular, durante o prazo que dure a rexencia poderán iniciar o expediente de transmisión da oficina de farmacia ou da parte indivisa da que fose titular o causante. Esta transmisión rexerase polo establecido para a transmisión inter vivos neste decreto.

Se finalizado o prazo de rexencia, que non poderá ser superior a doce meses, non se formalizase a transmisión, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade iniciará expediente de cerramento da oficina de farmacia.

3. No suposto de que o cónxuxe ou un ou varios dos herdeiros recollidos no artigo anterior fosen farmacéuticos no momento do falecemento do titular, poderán continuar coa farmacia e deberán, dentro do prazo autorizado de rexencia, solicitar a autorización de transmisión a favor daquel ou daqueles que designen, sempre que realizasen a comunicación a que se refire o punto 1 anterior.

4. A autorización de transmisión mortis causa concedida quedará condicionada á obtención da correspondente autorización de funcionamento.

A solicitude de autorización de funcionamento deberá formularse no prazo de tres meses, contados desde a notificación da autorización de transmisión mortis causa, e irá xunto coa seguinte documentación:

a) Título en virtude do cal se utiliza o local onde está instalada a oficina de farmacia.

b) Declaración xurada de non estar incurso en ningunha das causas de incompatibilidade ás que se refire o artigo 51 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica e normativa de desenvolvemento.

c) Acreditación do pagamento da taxa correspondente á transmisión de oficinas de farmacia».

Artigo 9º

Modifícase o número 1 do artigo 60 que quedará redactado nos seguintes termos:

«1. Se no momento do falecemento do farmacéutico titular dunha oficina de farmacia o cónxuxe ou algún dos herdeiros dos recollidos no artigo 58º estivese cursando estudos de farmacia e manifestase a súa vontade de exercer a profesión na oficina de farmacia do causante una vez finalizados os ditos estudos, poderá autorizarse a continuidade da actividade da dita oficina de farmacia».

Artigo 10º

Modifícase o número 1 do artigo 61 que quedará redactado nos seguintes termos:

«Á finalización dos estudos da licenciatura de farmacia, no prazo de tres meses, o beneficiario ou beneficiarios da autorización de continuidade deberán solicitar a autorización de funcionamento, debendo presentar a seguinte documentación:

a) Título en virtude do cal se dispón do local en que se atopa instalada a oficina de farmacia.

b) Título de licenciado en farmacia.

c) Declaración xurada de non estar incurso en ningunha das causas de incompatibilidade ás que se refire o artigo 51 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica e formativa de desenvolvemento».

Artigo 11º

Modifícase o número 1 do artigo 62 que quedará redactado nos seguintes termos:

«Se non se cumprisen os prazos ou outras condicións establecidas na autorización de continuidade concedida, o cónxuxe e os herdeiros disporán dun prazo de tres meses para a súa transmisión ou cerramento. Este prazo computarase a partir do día seguinte ao da data de caducidade da autorización concedida».

Artigo 12º

Engádese unha disposición adicional que terá a seguinte redacción:

«Cuarta.-Para os efectos da aplicación do disposto na disposición transitoria sexta da Lei 5/1999, do 21 de maio, entenderase comprendida maioritariamente a delimitación territorial concreta da nova oficina de farmacia, cando estea integrada en máis dun 50% no territorio do núcleo de poboación para o que fose solicitada a autorización ao abeiro do artigo 3.1º b) do Real decreto 909/1978, do 14 de abril».

Artigo 13º

Modifícase a alínea A) artigo 5 do baremo que quedará redactado nos seguintes termos:

«Para valorar a experiencia profesional computaranse meses completos, aínda que os períodos traballados fosen descontinuos. Poderanse acumular períodos descontinuos».

Artigo 14º

Modifícase a alínea B).1.2 do baremo que quedará redactado nos seguintes termos:

«Estudos de posgrao.

* Cursos monográficos de doutoramento: 0,5 puntos.

* Diploma de estudos avanzados ou suficiencia investigadora: 0,5 puntos.

* Grao de doutor en farmacia: 2 puntos.

* Farmacéutico especialista en farmacia hospitalaria: 2 puntos.

* Farmacéutico especialista noutros ámbitos: 1 punto».

Artigo 15º

Modifícase a alínea B).2.5 do baremo que quedará redactado nos seguintes termos:

«Exercicio como farmacéutico na Administración sanitaria.

Por cada mes de servizos prestados 0,01 puntos. Máximo 5 puntos».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Sanidade para adoptar as medidas necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xuño de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade