DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 13 de xuño de 2005 Páx. 10.229

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de maio de 2005 pola que se regula o desenvolvemento de estadías formativas en empresas ou institucións situadas fóra do Estado español destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas non universitarias en centros autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o desenvolvemento de estadías de formación práctica en empresas ou institucións situadas en Galicia, destinadas ao alumnado procedente doutros Estados.

A mobilidade transnacional do alumnado que desexe formarse permite o intercambio de experiencias, a mellora das competencias sociais e lingüísticas dos individuos e o respecto á diversidade. No ámbito profesional, a mobilidade é un medio esencial para acadar un ámbito de emprego que transcenda as fronteiras nacionais, xa que permite os individuos adquiriren coñecementos, competencias e cualificacións adaptadas a un contorno sociolaboral máis amplo.

A sociedade actual, caracterizada por un dobre proceso de ampliación dos contornos xeográficos de convivencia e de aceleración dos cambios no eido tecnolóxico, asígnalle á formación a fundamental tarefa de propor medidas que faciliten o desenvolvemento económico e tecnolóxico e a mellora da calidade de vida dos cidadáns.

A maior mobilidade e capacidade de adaptación dos profesionais ha facilitar unha resposta máis axeitada aos requisitos do mundo produtivo, ao permitirlles aos traballadores enfrontaren os novos retos e as novas necesidades do mercado laboral dun xeito máis eficaz. O intercambio de experiencias e as estadías formativas en centros de traballo doutros países favorecen a adquisición dunha visión global do mercado de traballo baseado na mobilidade e na libre circulación dos traballadores.

Doutra banda, a formación práctica nun ambiente real de traballo ten un grande valor didáctico e pedagóxico, xa que permite achegar o alumnado ao mundo social e profesional no que vai desenvolver a súa futura vida laboral. O favorecemento da mobilidade dos cidadáns e dos traballadores nun contorno internacional para coñeceren estes ambientes reais de traballo en diferentes países ha contribuír na aspiración de crear un espazo laboral común cos países do noso contorno.

A resolución do Consello da Unión Europea do 5 de decembro de 1994, sobre calidade e atractivo do ensino da formación profesional, destaca a necesaria intensificación dos períodos de formación noutros estados membros, así como a integración destes períodos nos programas nacionais de formación. A decisión do Parlamento Europeo e do Consello da Unión Europea, do 21 de

decembro de 2004, relativa a un marco comunitario único para a transparencia das cualificacións e das competencias, facilita a mobilidade a través de Europa con fins profesionais e de formación permanente, de xeito que se contribúe ao desenvolvemento dunha educación e unha formación de calidade, tanto entre os estados membros como entre os distintos sectores produtivos.

Con tal motivo, substitúese o documento Europass, establecido pola Decisión 1999/51/CE, por un documento semellante de maior alcance, destinado a rexistrar todos os períodos de mobilidade de carácter transnacional que teñan como finalidade a aprendizaxe realizada en Europa, en calquera nivel e contexto, e que cumpran cos criterios de calidade adecuados. O documento Mobilidade Europass ha permitir rexistrar os períodos de aprendizaxe realizados polo alumnado en países distintos do seu, de maneira que se facilite a acreditación do itinerario de aprendizaxe europeo específico seguido polo seu titular.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4 de outubro), de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), establece no seu artigo 34.2º que as administracións educativas arbitrarán os medios para que as empresas e as institucións se incorporen ao desenvolvemento das ensinanzas profesionais.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño (BOE do 20 de xuño), das cualificacións e da formación profesional, establece no seu artigo 9º que a formación profesional comprende o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica. Inclúe as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores, así como as orientadas á formación continua nas empresas que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), de calidade da educación, non modifica a anterior ordenación xeral da formación profesional e confirma a importancia fundamental da formación práctica desenvolvida en empresas ou institucións.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Real decreto 362/2004, do 5 de marzo (BOE do 26 de marzo), no seu artigo 6, indica que todos os ciclos formativos de formación profesional específica incluirán prácticas formativas en empresas ou noutras entidades, en situacións reais de traballo, coa finalidade de completar a competencia profesional alcanzada no centro educativo. Así mesmo,

establece que lles corresponde ás administracións educativas determinar o momento da impartición e da avaliación do módulo de formación en centros de traballo.

O Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto), establece a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia, así como as directrices sobre os seus títulos.

A Orde do 31 de maio de 1999 (DOG do 1 de xullo, con corrección de erros no DOG do 23 de xullo), pola que se regula o desenvolvemento, en réxime ordinario e de adultos, dos ciclos formativos de formación profesional específica, xunto coa Orde do 16 de xullo de 2002 (DOG do 13 de setembro), pola que se regulan a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia, autoriza a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica en cada curso, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, no artigo 6º desta orde establécese o acceso á formación en centros de traballo, o seu desenvolvemento e a súa avaliación.

Por todo o anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular o desenvolvemento das estadías formativas en centros de traballo situados fóra do territorio español do alumnado matriculado en ensinanzas non universitarias, así como as estadías formativas do alumnado procedente doutros estados, acollido nalgún centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia en colaboración con centros de ensino non universitario.

Segundo.-Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación ás ensinanzas non universitarias de nivel secundario e postsecundario, polo réxime ordinario ou para as persoas adultas, autorizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro.-Destinatarios.

Está dirixida ao alumnado maior de 18 anos, ou menor con autorización dos pais ou titores, que curse en centros autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia ensinanzas non universitarias de formación profesional específica, artes plásticas e deseño, programas de garantía social, iniciación profesional, bacharelato ou estudos superiores de restauración e conservación de bens culturais, así como ao alumnado procedente doutros estados e acollido en empresas ou institucións da Comunidade Autónoma de Galicia para a realización dunha estadía de formación práctica.

Cuarto.-Modalidades das estadías formativas.

As estadías formativas reguladas pola presente orde corresponderán a algunha das seguintes modalidades:

1. Modalidade A. Estadías formativas realizadas en centros de traballo situados fóra do Estado español para o desenvolvemento parcial ou total do módulo de formación en centros de traballo, das ensinanzas de ciclos formativos de grao medio ou superior de formación profesional específica, de artes plásticas e deseño, estudos superiores de restauración e conservación de bens culturais, programas de garantía social ou de iniciación profesional.

2. Modalidade B. Estadías formativas realizadas en centros de traballo situados fóra do Estado español, como parte práctica complementaria do currículo oficial, dirixidas a alumnado de ensinanzas non universitarias distintas das recollidas na modalidade A.

3. Modalidade C. Estadías formativas en centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia realizadas por alumnado estranxeiro que se acolla a algún programa, axuda ou iniciativa en materia educativa, no marco dos acordos subscritos por centros educativos, autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e empresas ou institucións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinto.-Acordos.

1. As estadías reguladas nesta orde deberán realizarse obrigatoriamente ao abeiro de acordos específicos que os centros educativos asinarán con institucións, organismos, empresas ou agrupacións de empresas. A sinatura destes acordos correspondéralles aos directores dos centros educativos implicados, que asinarán por delegación do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria de acordo coa normativa xeral de procedemento administrativo.

2. Os centros asinarán un acordo específico de colaboración por cada centro de traballo e por cada ensinanza, segundo o modelo recollido como anexo I desta orde, coa finalidade de realizaren un programa formativo que desenvolva ou complete adecuadamente o currículo das ensinanzas cursadas polo alumno. Os centros implicados no acordo específico de colaboración (anexo III) aceptarán, de ser o caso, os modelos e a documentación elaborada por cada un deles para o desenvolvemento e o seguimento destas estadías.

3. A duración do acordo específico de colaboración coincidirá co período previsto para cada estadía no programa formativo pactado coa empresa, agrupación ou asociación de empresas, institución ou organismo.

4. Poderase dar de baixa no acordo para a realización da estadía programada calquera alumno que incorra nos seguintes supostos:

a) Absentismo continuado sen xustificar, de acordo coa normativa reguladora da avaliación en cada ensinanza.

b) Actitude incorrecta ou falta de aproveitamento, con audiencia previa ao interesado.

Sexto.-Requisitos dos participantes.

Para realizar algunha das modalidades de estadía reguladas nesta orde, o alumnado deberá cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter dezaoito anos cumpridos antes da data de inicio da estadía que se pretenda realizar. No caso de non cumprir este requisito, só se poderá realizar a estadía con autorización asinada por escrito dos pais ou titores legais autorizados.

2. Estar matriculado nalgunha ensinanza non universitaria autorizada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, entre as indicadas no artigo 3º desta orde. No caso do alumnado procedente doutros Estados, ser acollido por algún centro que imparta ensinanzas dun ámbito educativo ou dunha familia profesional relacionados coa estadía.

3. Estar suxeito a un acordo específico de colaboración dos regulados no artigo quinto, segundo o modelo do anexo I.

Sétimo.-Obrigas dos centros participantes.

Dadas as características e o obxectivo fundamental de complemento da formación profesional, social, lingüística e cultural do alumnado que se acolle ás estadías realizadas fóra do Estado español, os centros educativos deberán adoptar as seguintes medidas:

1. As estadías formativas de modalidade A estarán recollidas na programación anual do centro de estudos e serán aprobadas polo consello escolar ou, de non existir este órgano colexiado, polo equipo directivo do centro.

2. As estadías de modalidade B deberán estar recollidas no proxecto curricular do centro e o seu contido deberá someterse á aprobación do equipo docente da área que corresponda. Estas estadías completarán a formación adquirida anteriormente polo alumnado, polo que deberán estar directamente relacionadas coas ensinanzas cursadas.

3. O seguimento será realizado por un profesor titor no centro educativo e un titor no centro de traballo ou na entidade colaboradora.

4. O alumnado que realice as estadías reguladas nesta orde deberá estar cuberto por un seguro que cubra os riscos de doenza (cubrindo o documento E111 ou outro análogo), accidente e responsabilidade civil.

Correspóndelle ao centro educativo de orixe asegurarase de que o alumnado dispoña da adecuada cobertura de riscos para a realización destas actividades.

Oitavo.-Programación das estadías formativas: programa formativo.

Estas estadías serán realizadas en centros de traballo que, polas súas características organizativas

e produtivas, garantan o cumprimento do programa formativo nun contorno real de traballo.

O desenvolvemento das estadías do alumnado fóra do Estado español para a realización de formación en centros de traballo, así como as do alumnado procedente doutros estados, deberá realizarse de acordo co establecido no programa de actividades deseñado para o dito fin. Este programa formativo deberá elaborarse de xeito individualizado para cada alumno, previamente á sinatura entre centros, para o que se terá en conta o contorno social, cultural e profesional de cada centro de traballo.

Segundo a modalidade de estadía que se realice, serán de aplicación os seguintes criterios:

1. Na elaboración do programa formativo das estadías da modalidade A, contemplarase o disposto na normativa reguladora do desenvolvemento do módulo de formación en centros de traballo (FCT) vixente en cada momento, empregando a documentación prevista para esta finalidade.

2. Para as estadías da modalidade B, o programa formativo consistirá nun conxunto de actividades formativo-produtivas, ordenadas no tempo e no espazo, que debe realizar o alumnado durante o horario establecido de permanencia no centro de traballo. O programa de actividades debe constituír un complemento das ensinanzas que estea cursando o alumnado obxecto da estadía e débense xustificar en función dos obxectivos que se pretender acadar coa estadía. O programa deberá recoller, así mesmo, un plan de seguimento e os profesores responsables da súa aplicación.

3. Para as estadías da modalidade C, o centro educativo do que proceda o alumnado facilitará ao centro de acollida o programa formativo no que se recollan as actividades que cada alumno teña previsto realizar no centro ou centros de traballos.

Coa excepción dos sectores produtivos ou de servizos altamente homoxéneos, centros de traballo diferentes precisan de programas formativos diferentes e adaptados ao contorno no que o alumno se vai desenvolver, para garantir que esas actividades sexan realizables.

O programa recollerá as actividades formativas tomando como referencia as que establece o currículo das ensinanzas cursadas anteriormente por cada alumno, co fin de permitir executar ou complementar as competencias asociadas ao título.

Noveno.-Coordinación e seguimento das estadías.

1. Naqueles centros nos que se desenvolvan as estadías formativas recollidas nesta orde, a dirección designará un profesor responsable da coordinación xeral destes programas educativos que se encargará, entre outras, das seguintes tarefas:

a) Elaborar propostas de programas educativos europeos que se poidan levar a cabo no seu centro educativo.

b) Procurar socios de acollida nos países de destino e manter contactos con estes, especialmente coas persoas que actúen como titores.

c) Tramitar as solicitudes e a xustificación das axudas económicas para a realización das estadías, segundo a normativa de convocatoria existente, a través dos programas europeos que correspondan.

d) Establecer un sistema de selección do alumnado seguindo criterios de igualdade, mérito e capacidade.

e) Divulgar e difundir estas actividades.

f) Asesorar os titores do alumnado no desenvolvemento das súas funcións: previsión dun plan para o seguimento, proposta da accións para o impulso dos programas, elaboración dun calendario de estadías, programas de actividades e xeito de realizar o seguimento.

g) Elaborar un plan xeral de seguimento das estadías previstas, no que se inclúan as accións de divulgación dos programas formativos e a captación de entidades colaboradoras, que será sometido á aprobación do Consello Escolar do centro.

h) Achegar á dirección do centro unha memoria final e anual que recolla os datos máis salientables e tamén as dificultades ou os incidentes xurdidos no desenvolvemento dos programas.

2. O profesor coordinador levará a cabo estas tarefas en colaboración cos restantes órganos didáctico-pedagóxicos do centro, para o que poderá contar cunha redución de carga lectiva, igual que a prevista para o coordinador de formación en centros de traballo dos centros que imparten formación profesional específica.

3. Cada estadía programada contará cun plan de seguimento individualizado por cada alumno, que deberá ser consensuado entre o seu titor no centro e a persoa encargada da súa tutela na empresa ou entidade de acollida, quen terá que dar expresamente a súa conformidade, asinando o acordo específico e o programa formativo correspondente.

4. A tarefa de seguimento contará coa colaboración do coordinador da formación en centros de traballo dese centro. En función do número de alumnos que participen nas estadías, das especialidades que estean cursando ou de calquera outra circunstancia que o xustifique, a dirección do centro poderá designar un ou máis profesores, distintos dos coordinadores das estadías e da formación en centros de traballo (FCT), para se faceren cargo da titoría do alumnado e do plan de seguimento do programa.

5. O centro de acollida e, de ser o caso, a propia empresa tamén de acollida, no país de destino, deberán dispor dunha persoa encargada de actuar como titor do alumno que vaian acoller, e deberán facilitar todos os datos que o titor ou coordinador do centro de orixe precisar.

6. O docente encargado da titoría no centro educativo de orixe manterá contacto periódico, como mínimo cada quince días, co alumno en formación e co titor do centro de traballo de acollida, coa finalidade de facer o seguimento da estadía.

7. Para o alumnado procedente doutros estados acollido con mediación de centros educativos para a realización de formación práctica en centros de traballo situados no territorio de Galicia, o titor designado polo centro educativo deberá realizar o seguimento de xeito presencial, para o que deberá cursar, cando menos, dúas visitas ao centro de traballo, unha para a presentación e outra ao longo do período que dure a estadía.

Décimo.-Xestión das estadías formativas.

1. Na xestión das estadías formativas reguladas nesta orde deberanse elaborar os seguintes documentos:

a) Acordo específico de colaboración, segundo o modelo do anexo I e, de ser o caso, tamén do anexo III desta orde.

b) Carpeta de seguimento por cada alumno.

2. No caso de estadías formativas da modalidade A, a carpeta á que se refire o punto anterior 1.b) será a recollida na normativa reguladora do desenvolvemento do módulo de formación en centros de traballo vixente en cada momento, á que se lle poderá engadir o documento Europass-Formación (documento de mobilidade Europass), creado pola Decisión do Consello da Unión Europea do 15 de decembro de 2004 (DOCE do 31 de decembro), relativa á promoción de itinerarios europeos de formación.

3. Para as estadías formativas das modalidades B e C, a carpeta referida no punto 1.b) deberá incluír:

a) O programa formativo previsto para o alumnado no centro de traballo, segundo o modelo do anexo II desta orde, denominado Plan individualizado de FCT.

b) Descrición detallada das actividades realizadas por cada alumno durante a súa estadía, elaborada por el mesmo, para o que poderá empregar o modelo de folla semanal da carpeta de seguimento do alumno, prevista na normativa reguladora do desenvolvemento de FCT vixente en cada momento.

c) Certificación, emitida pola empresa ou pola institución de acollida, acreditativa de que ese alumno realizou esa estadía formativa.

A documentación reflectida nos puntos anteriores b) e c) poderá ser substituída polo documento Europass-Formación (documento de mobilidade Europass).

4. Coa finalidade de facilitar a realización das estadías das modalidades A e B e cubrir os custos de mantenza, transporte, aloxamento e seguros, os centros responsables da súa organización, a través

do coordinador do proxecto, poderán solicitar axudas a través das convocatorias que con esta finalidade publican anualmente a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e outras institucións para tal fin.

5. No caso das estadías da modalidade A requirirase un informe favorable previo do Servizo de Inspección Educativa e a autorización da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais. As estadías da modalidade B e C deberanlle ser comunicadas ao Servizo de Inspección Educativa polos responsables dos centros educativos organizadores. Na modalidade C, por tratarse de alumnado procedente do estranxeiro que realiza a súa estadía na Comunidade Autónoma de Galicia, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria remitirán á Inspección de Traballo unha copia do acordo específico de colaboración previsto no anexo I desta orde.

Décimo primeiro.-Períodos de realización.

1. Na modalidade A, as actividades de formación nos centros de traballo desenvolveranse, con carácter xeral, en días lectivos e, ademais do establecido nesta orde, ateranse ao disposto na normativa vixente relativa ao desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica e á das convocatorias de axudas para alumnado que participe en estadías en empresas de ámbito transnacional.

2. Nas modalidades B e C, as actividades de formación poderán desenvolverse en calquera dos niveis ou cursos que integren o plan de estudos das ensinanzas que estea cursando o alumnado participante. O centro responsable da organización das estadías proporá o calendario de actividades, que poderán realizarse en períodos non lectivos, tales como fins de semana ou vacacións.

Décimo segundo.-Autorización das estadías.

Os acordos e as estadías formativas da modalidade A deberán ser autorizadas expresamente pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, cun informe favorable previo do Servizo de Inspección Educativa. A dirección do centro educativo remitirá á Inspección Educativa, xunto coas solicitudes de autorización individuais, conforme o modelo previsto no anexo IV desta orde, proposta do acordo específico que será asinado con posterioridade á autorización da direción xeral co centro colaborador no país de destino, ademais do programa formativo, cunha antelación mínima de corenta e cinco días naturais antes do inicio da estadía, para o seu informe preceptivo. O Servizo de Inspección Educativa elaborará un informe sobre o proxecto no mesmo impreso (anexo IV) e remitirá a documentación á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, para a súa autorización. Esta dirección xeral, dentro dos quince días seguintes á data de recepción da documentación,

resolverá

o que proceda, e enviará a resolución aos centros educativos e unha copia desta á Inspección Educativa.

Décimo terceiro.-Validacións.

As estadías da modalidade B, non poderán ser validadas en ningún caso polo módulo nin a área de formación en centros de traballo daquelas ensinanzas que os inclúan con carácter obrigatorio.

Décimo cuarto.-Avaliación e recoñecemento.

A realización do programa formativo establecido para as estadías da modalidade A será avaliada segundo o recollido na normativa vixente que regula o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica e programas de garantía social.

A realización das estadías de modalidade B, por non ter carácter obrigatorio, non está suxeita a unha avaliación favorable para acadar a certificación que lle corresponda. Porén, as actividades realizadas pasarán a formar parte do currículo da persoa que as realiza.

Os centros educativos deberán arquivar copia, no expediente do alumno, da documentación relativa á xestión, ao seguimento e á avaliación das estadías realizadas fóra do Estado español. No caso das estadías da modalidade A, segundo o disposto na normativa reguladora do desenvolvemento do módulo de formación en centros de traballo vixente en cada momento. Nas estadías de modalidade B, os centros arquivarán no expediente persoal de cada alumno copia da documentación recollida no punto décimo desta orde.

A secretaría do centro educativo certificará, por petición do alumno, a realización e, de ser o caso, a superación das estadías formativas realizadas fóra do Estado español.

Correspóndelle á Inspección Educativa o seguimento, a avaliación das programacións e a análise dos resultados obtidos no desenvolvemento destas estadías en cada ensinanza, e de cada centro educativo no que se leven a cabo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Autorízase a directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as disposicións correspondentes para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

(Reverso)

Cláusulas

Primeira.-O alumnado que se recolla neste acordo desenvolverá as actividades formativas programadas (anexo II) nos locais do centro de traballo ou, de ser o caso, naqueles lugares nos que a empresa titular do centro de traballo desenvolva a súa actividade produtiva, sen que isto implique relación laboral ningunha coa empresa.

Segunda.-A empresa comprométese ao cumprimento da programación de actividades formativas que previamente foran acordadas co centro educativo, a realizar o seu seguimento e a valoración do progreso do alumnado e, xunto co titor ou a titora do centro educativo, á revisión da programación, se unha vez iniciado o período de prácticas e á vista dos resultados, se for necesario.

Terceira.-Cada alumno ou alumna disporá dun documento de seguimento e avaliación das actividades realizadas, que será supervisado polo responsable da empresa en colaboración co titor ou a titora do centro educativo. No dito documento figurarán as actividades formativas máis salientables realizadas na empresa, con rexistro de data e dos resultados semanais. Estes resultados semanais reflectiranse nunha ficha de seguimento e avaliación, que formalizará o responsable na empresa.

Cuarta.-A empresa nomeará unha persoa para a coordinación das actividades formativas que se realicen no centro de traballo, que garantirá a orientación e a consulta do alumnado, facilitará as relacións co profesor-titor do centro educativo e achegará os informes valorativos que contribúan á avaliación. Para tal fin, facilitará ao profesor-titor do centro educativo o acceso á empresa e as actuacións de valoración e supervisión do proceso.

Quinta.-A empresa ou entidade colaboradora non poderá cubrir, nin sequera con carácter interino, ningún posto de traballo no cadro co alumnado que realice actividades formativas na empresa, agás que se estableza para o efecto unha relación laboral de contraprestación económica por servizos contratados. Neste caso, considerarase que o alumno ou a alumna abandona o programa formativo no centro de traballo, o que a empresa ou institución colaboradora deberá comunicar á dirección do centro escolar, quen llo comunicará á delegación provincial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Sexta.-O alumnado non percibirá cantidade ningunha pola realización das actividades formativas na empresa.

Sétima.-Este acordo poderase extinguir por expiración do tempo convido e poderase rescindir por

calquera das partes, mediante denuncia dalgunha delas, que será comunicada á outra cunha antelación mínima de cinco días e deberá estar baseada nalgunha das seguintes causas:

a) Cesamento de actividades do centro docente, da empresa ou da institución colaboradora.

b) Forza maior que imposibilite o desenvolvemento das actividades programadas.

c) Incumprimento das cláusulas establecidas no acordo específico de colaboración, inadecuación pedagóxica das prácticas formativas ou vulneración das normas que, en relación coa realización das actividades programadas, estean en cada caso vixentes.

d) Mutuo acordo entre a dirección do centro docente e a empresa ou institución colaboradora.

Igualmente, poderase rescindir para un determinado alumno ou grupo de alumnos, por calquera das partes asinantes, e ser excluído da súa participación no acordo por decisión unilateral do centro, da empresa ou da institución colaboradora, ou conxunta de ambos os dous, nos seguintes casos:

e) Faltas repetidas de asistencia e/ou puntualidade non xustificadas.

f) Actitude incorrecta ou falta de aproveitamento, cunha audiencia previa ao interesado.

En calquera caso, o centro docente deberá informar a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da extinción ou rescisión dos acordos específicos de colaboración en calquera dos casos, e esta, á súa vez, comunicarallo á Inspección Provincial de Traballo.

Así mesmo, os representantes dos traballadores dos centros de traballo serán informados do contido deste acordo de colaboración.

Oitava.-O réxime de cobertura por accidentes do alumnado de formación profesional nos centros de traballo establecerao a normativa vixente en materia de seguro escolar, e polos estatutos da mutualidade de tal seguro. Todo iso sen prexuízo da póliza que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poida subscribir como seguro adicional para mellorar indemnizacións, cubrir danos a terceiros ou responsabilidade civil.

Novena.-En todo momento, o alumnado irá provisto do DNI ou documento identificativo equivalente.

Décima.-Só no caso de estadías de alumnado procedente do estranxeiro, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria remitirán ás inspeccións de Traballo unha copia deste acordo.

Undécima.-A duración deste acordo é a prevista no período de realización das prácticas e considerarase improrrogable.