DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 30 de xullo de 2004 Páx. 10.888

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 179/2004, do 7 de xullo, polo que se modifica o artigo 75 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, aprobado polo Decreto 130/1997, do 14 de maio.

A Constitución española, no seu artigo 45, recoñece o dereito dos españois a desfrutar dun medio axeitado para o desenvolvemento das persoas, así como o deber de conservalo e de velar polo emprego racional de todos os recursos naturais, deber que deben respectar tanto os cidadáns como os poderes públicos co fin de protexer e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o medio, apoiándose para iso na indispensable solidariedade colectiva.

Dando cumprimento ao mandato constitucional, o 5 de agosto de 1992 publicábase no Diario Oficial de Galicia a Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia, que, segundo recolle na súa exposición de motivos, contempla os diversos aproveitamentos dos que poden ser obxecto as augas, compatibilizando os usos, sistemas de explotación e posibles concesións dos que poidan ser obxecto, destacando principalmente a innovación de incluír no seu articulado a figura das concesións que tentan estimular unha nova forma de riqueza.

Co obxectivo de garantir unha efectiva protección dos ecosistemas fluviais, compatible cos diversos usos dos recursos hídricos e respectuoso coas competencias doutras administracións, a Lei de pesca fluvial introduce conceptos coma o caudal ecolóxico, a alteración da condición natural das augas, os dispositivos de interdición da fauna ou as masas de auga de especial interese para a riqueza piscícola.

Coa finalidade de afondar naquelas cuestións nas que a lei tan só introduce criterios xerais, apróbase o Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

Transcorridos máis de seis anos desde a publicación do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, constátase a necesidade de reforzar, no proceso de explotacións dos aproveitamentos hidráulicos, as medidas xa existentes en termos de seguridade, na constante procura dunhas taxas de variación de caudais compatibles coa seguridade dos cidadáns e co seu dereito ao desfrute do medio.

Partindo do anterior, procédese a concretar a localización dos carteis permanentes de aviso, así como a existencia de regretas fixas na canle do río que sinalen os niveis de vadeo seguro, transición cara á zona de perigo e zona de perigo. Prohíbese nesta última o exercicio da pesca ou calquera outra actividade, sen autorización expresa, nas zonas emerxidas da canle do río sen conexión permanente coas marxes deste. Así mesmo, regúlase o funcionamento

e localización dos sinais luminosos e acústicos e introdúcese a obrigatoriedade de presentar un plan de seguridade para as persoas fronte á apertura ou peche de comportas, sendo o concesionario o responsable do seu cumprimento.

Na súa virtude, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o artigo 75 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, aprobado polo Decreto 130/1997, do 14 de maio, dando unha nova redacción ao parágrafo 2 e engadindo un parágrafo 3, que quedan redactados como segue:

«2. Na zona de influencia de caída de presas, encoros e demais aproveitamentos hidráulicos, nos que se liberen caudais que pola súa magnitude supoñan un perigo para as persoas, o concesionario deberá instalar sinais acústicos ou luminosos que advirtan suficentemente sobre a apertura inminente das comportas e o incremento de caudais.

No resto da canle do río ata a desembocadura, que poderá ser no mar, noutro río ou nun encoro, colocaranse carteis permanentes de aviso, situados en puntos estratéxicos de paso obrigado ou de especial afluencia de persoas. Estes carteis advertirán das variacións de caudais, reforzados nas zonas de vadeo pola existencia de regretas fixas na canle do río que sinalen os niveis de vadeo seguro (franxa de cor verde), transición cara á zona de perigo (franxa de cor amarelo) e zona de perigo (franxa de cor vermello).

Ao longo desta última zona queda terminantemente prohibido pescar ou realizar calquera outra actividade, sen autorización expresa, nas zonas emerxidas da canle do río que non teñan conexión terrestre permanente coas marxes accesibles deste.

A localización e características dos sinais serán regulados polos organismos competentes. Na localización dos sinais deberán considerarse condicionantes técnicos, ambientais e sociais. Os sinais acústicos só deberán operar durante o día e os sinais luminosos poderán operar en todo momento. Nas proximidades de vías de circulación deberá considerarse unha sinalización vial axeitada, que advirta aos condutores da causa do ruído e luz producidos.

Para os efectos anteriores, entenderase por zona de influencia de caída de presas, encoros e demais aproveitamentos hidráulicos a zona comprendida nun quilómetro de distancia augas abaixo do punto onde se produce a vertedura ou a restitución da auga.

3. Na tramitación de proxectos de aproveitamentos hidraúlicos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia será preceptivo presentar, ademais da documentación establecida pola súa normativa específica, un plan de seguridade, compatible cos respectivos plans hidrolóxicos, para as persoas fronte á apertura e peche de comportas, que, ademais de garantir o cumprimento do previsto neste regulamento, estableza as medidas complementarias que se consideren axeitadas para cada caso concreto. O concesionario será responsable en todo caso, tanto do contido do plan como do seu cumprimento. Os contidos deste plan de seguridade poderán determinar non só unhas taxas de variación de caudais diferentes ás sinaladas no punto 1 deste artigo, axeitadas ás condicións específicas do río en cuestión, senón tamén a situación concreta dos sinais acústicos e luminosos.

Os concesionarios de aproveitamentos hidráulicos actualmente existentes deberán presentar o plan de seguridade nun prazo de 12 meses, adaptando con posterioridade as taxas de variación de caudais concedidos e o establecemento dos sinais acústicos e luminosos ás resultas deste plan».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente