DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Luns, 05 de xullo de 2004 Páx. 9.563

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de xuño de 2004 pola que se regulan as permutas provisionais, por petición dos interesados, dos funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece na súa disposición adicional novena a facultade das comunidades autónomas para ordenar a súa función pública docente, no marco das súas competencias, respectando en todo caso as normas básicas contidas nela, así como as bases do réxime estatuario dos funcionarios públicos docentes constituídas polas disposicións contidas na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo.

A disposición adicional cuarta do Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro, polo que se regulan os concursos de traslados de ámbito nacional para a provisión de prazas correspondentes aos corpos docentes, establece que as administracións educativas poderán autorizar excepcionalmente permutas entre funcionarios en activo dos corpos docentes cando concorran as circunstancias que se relacionan. Non obstante, é frecuente que o profesorado teña interese en realizar permutas que non teñan un carácter definitivo, en virtude de circunstancias de carácter transitorio que non aconsellan o cambio de destino de forma definitiva.

Co obxecto de fixar as condicións e o procedemento administrativo das referidas permutas provisionais procede regular, para o ámbito desta comunidade autónoma, estas situacións non consideradas na normativa ata agora vixente.

Con base no establecido con anterioridade

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O procedemento e convocatoria ten por obxecto posibilitar o intercambio de forma temporal, mediante a concesión de permuta provisional dos destinos que lles corresponde desempeñar, a funcionarios docentes que imparten ensinanzas escolares.

Artigo 2º.-Solicitantes.

Poderán solicitar permuta provisional, dous ou máis funcionarios de carreira, en prácticas ou interinos, en servizo activo dos corpos docentes que impartan ensinanzas escolares, sempre que vaian

desempeñar a súa función docente no centro educativo durante o curso académico correspondente.

Artigo 3º.-Solicitudes.

Os profesores interesados deberán presentar unha instancia axustada ao modelo que se acompaña como anexo a esta orde, asinada por todos os funcionarios interesados na permuta provisional.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

A solicitude, dirixida ao director xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, poderá presentarse no rexistro xeral da propia consellería, en calquera das súas delegacións provinciais ou ben na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será do 1 ao 10 de setembro de cada ano, ou, de ser o caso, no prazo dos cinco días seguintes ao da adxudicación de destino provisional para o curso académico correspondente.

Artigo 5º.-Comisión de valoración.

Unha vez recibidas as solicitudes emitiranse, cando proceda, os correspondentes informes da comisión de valoración que se constituirá para o efecto como órgano consultivo na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, integrada por:

* O director xeral de Persoal ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

* Ata un máximo de tres funcionarios da Dirección Xeral de Persoal coa categoría de xefe de servizo ou subdirector.

* Un funcionario da Dirección Xeral de Persoal, que actuará como secretario.

* Todos eles serán designados polo director xeral de Persoal.

Os sindicatos integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear un representante por sindicato para asistir ás sesións da comisión.

Artigo 6º.-Resolución.

Unicamente se poderá conceder permuta provisional entre funcionarios do mesmo corpo e especialidade, ou que non sendo titulares estean adscritos á mesma especialidade. Para estes efectos, considerarase o mesmo corpo:

a) O corpo de catedráticos de ensino secundario e o corpo de profesores de ensino secundario.

b) O corpo de catedráticos de escolas oficiais de idiomas e o corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas.

c) O corpo de catedráticos de artes plásticas e deseño e os profesores de artes plásticas e deseño.

Considerarase a mesma especialidade aquelas específicas de formación profesional que foron desdobradas en dúas ou tres polo Real decreto 1635/1995, do 6 de outubro, polo que se adscribe o profesorado dos corpos de profesores de ensino secundario e profesores técnicos de formación profesional ás especialidades propias da formación profesional específica.

Non se poderá conceder permuta provisional máis de tres anos continuados a un mesmo funcionario agás informe favorable da comisión de valoración.

Non se poderá conceder permuta provisional máis de dous anos continuados aos mesmos permutantes agás informe favorable da comisión de valoración.

A Dirección Xeral de Persoal, con carácter xeral, resolverá favorablemente as peticións de permuta provisional que non excedan dos anos previstos nesta alínea, e non causen graves prexuízos a terceiros interesados, entre os colectivos que se citan:

a) Entre os funcionarios de carreira con destino definitivo.

b) Entre os funcionarios con destino provisional.

c) Entre os funcionarios con destino definitivo e con destino provisional.

As restantes peticións serán outorgadas se contan co informe favorable da comisión de valoración.

No caso de que a permuta concedida causase graves prexuízos a terceiros, poderá ser revogada coa finalidade de evitar os citados prexuízos.

A resolución, que porá fin ao procedemento, será motivada cando rexeite a petición dos interesados.

Estas resolucións exporanse nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nas delegacións provinciais, e pola que se entenderán notificados, para todos os efectos, aos solicitantes aos que lles afecte.

Así mesmo, porase á disposición dos interesados unha relación actualizada destas permutas provisionais concedidas no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Contra a resolución ditada, os interesados poderán interpoñer, de conformidade co disposto nos artigos 107 e seguintes da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de conformidade cos artigos 8.2º, 14.2º e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A deformación dos feitos ou calquera falsidade consignada na solicitude ou na documentación presentada será causa de denegación ou revogación, se é o caso.

Transcorrido un prazo de tres meses, contados a partir da data de presentación da solicitude, sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada a permuta provisional.

Artigo 7º.-Toma de posesión.

Será a que dispoña a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nas súas normas reguladoras de comezo de curso.

Artigo 8º.-Vixencia.

A vixencia da permuta provisional será dun curso escolar, sen prexuízo das prórrogas, que se poderá conceder, logo de solicitude do interesado, no suposto de persistencia das circunstancias que motivaron a súa concesión.

Disposición adicional

Os prazos previstos no punto sexto desta orde empezarán a computarse a patir das permutas que se concedan no curso académico 2004-2005.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Persoal a dictar as normas que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria