DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 29 de abril de 2004 Páx. 6.042

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de abril de 2004 pola que se establecen os requisitos mínimos dos espazos administrativos e docentes xenéricos cos que deben contar os centros privados e públicos, que non sexan de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para impartir ensinanzas de réxime especial de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia e se determinan os requisitos mínimos das instalacións docentes deportivas para impartir as clases teórico prácticas das especialidades deportivas de fútbol e fútbol sala.

O Decreto 410/2003, do 6 de novembro, DOG do 21 de novembro, establece o procedemento de autorización dos centros privados e públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para impartir as ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 12 de abril (DOG do 22 de abril) pola que se desenvolve este decreto, de acordo co Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, BOE do 23 de xaneiro de 1998, que aproba as directrices xerais para a obtención dos títulos de técnicos deportivos e as correspondentes ensinanzas mínimas.

Esta orde ten como finalidade a de establecer os requisitos mínimos dos espazos de uso administrativo e docente xenéricos coas que deben contar os centros, aos que se refire o parágrafo anterior, para impartir as ensinanzas de réxime especial conducentes á obtención de titulacións de técnicos deportivos, sen prexuízo das instalacións e equipamentos docentes deportivos da especialidade correspondente.

Así mesmo, publicados o Decreto 353/2003, do 11 de setembro, DOG do 26 de setembro, Decreto 372/2003, do 16 de setembro, DOG do 17 de outubro; Decreto 356/2003, do 11 de setembro, DOG do 29 de setembro e o Decreto 374/2003, do 16 de setembro, DOG do 20 de outubro, polos que se establecen, respectivamente, os currículos das especialidades deportivas de técnico e técnico superior de fútbol e a de técnico e técnico superior de fútbol sala, faise preciso concretar os requisitos mínimos de instalacións docentes deportivas cos que deben contar para impartir as ensinanzas teóricas e prácticas das ditas especialidades deportivas.

Polo anteriormente exposto, e tendo en conta o artigo 31 do Estatuto de autonomía e que o artigo 1 do Decreto 454/2003, do 26 de decembro, DOG do 19 de xaneiro de 2004, establece que lle corresponde á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a competencia en materia de educación.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa,

DISPÓN:

Criterios xerais

Primeiro.

Os centros docentes privados e públicos, que non sexan de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para impartir ensinanzas de réxime especial conducentes a títulos oficiais previstos no Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, deberán reunir os requisitos mínimos de espazos de uso administrativo e docente xenéricos que se establecen nesta orde, sen prexuízo das que se recollan no decreto que estableza o currículo de especialidade correspondente.

Segundo

1. Os centros docentes poderán situarse en edificios independentes destinados exclusivamente a uso escolar ou en locais de uso exclusivo e con acceso independente desde o exterior.

2. Deberán cumprir os requisitos establecidos para os edificios de uso público pola normativa que resulte de aplicación referidas ás condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade, e seguridade, así como sobre as condicións que posibiliten a utilización das instalacións por persoas con minusvalidez.

Terceiro.

1. Durante o horario de funcionamento do centro as súas instalacións deberán estar exclusivamente dedicadas a impartir as ensinanzas autorizadas.

2. As instalacións para impartir a formación teórico-práctica, poderán estar situadas en espazos independentes do recinto no que estea situado o centro, sempre que a titularidade presente título xurídico suficiente, acreditativo da dispoñibilidade delas de uso exclusivo durante o horario en que deban desenvolverse as ensinanzas teórico-prácticas nestes espazos, e sempre que a distancia non prexudique a adecuada impartición das ensinanzas.

Cuarto.

1. O número máximo de alumnos por unidade para a impartición dos módulos formativos de contido teórico será de 35.

2. O número máximo de alumnos para as sesións de ensino teórico-práctica que se desenvolvan nas instalacións deportivas ou outras, estableceranse ao se regular o currículo de cada modalidade ou especialidade deportiva, de acordo coas necesidades docentes, as súas particularidades e as garantías de seguridade que o aconsellen.

Quinto.

O número de espazos destinados ás clases teóricas e teórico-prácticas determinarase en función das unidades que se autoricen e o seu grao de utilización. Entenderase por unidade o número de grupos (35 alumnos/aula) dunha ou de varias especialidades deportivas.

II

Espazos de uso administrativo e docentes xenéricos

Sexto.

Os centros deberán contar cos espazos de uso administrativo e docente xenéricos cunha superficie mínima de:

1. Tres espazos independentes de 10 m, para dirección, coordinación e orientación.

2. Un espazo para secretaría de 12 m.

3. Un espazo de 60 m destinado a biblioteca.

4. Un espazo para sala de profesores de 20 m para centros entre 1 e 5 unidades. Para os centros de máis de 5 unidades a superficie anterior incrementarase en 4 m por unidade máis.

5. Unha sala ou aula de usos múltiples para o desenvolvemento das actividades comúns do centro, cunha superficie mínima de 60 m.

6. Un espazo de 20 m destinado a seminario por cada especialidade deportiva con que conte o centro.

7. Aseos e servizos hixiénicos sanitarios en número axeitado á capacidade do centro, tanto para alumnos como para profesores, en función do que dispoña a lexislación que a cada caso sexa aplicable.

8. Vestiarios e duchas, masculino e feminino, adecuados á capacidade e número de alumnos do centro en función do que dispoña a lexislación que a cada caso sexa aplicable.

III

Instalacións docentes deportivas das especialidades de fútbol e fútbol sala

Sétimo.

Instalacións exixibles para a especialidade deportiva de fútbol para a impartición das clases teóricas e prácticas coas superficies que se detallan:

1. Aula teórica de 53 m e o seu número estará en función do grao de ocupación e do número de unidades que ao centro se lle autorice.

2. Sala deportiva polivalente de 120 m para a impartición dos contidos teórico-practicos dos distintos módulos.

3. Un campo de fútbol de herba, cunha superficie de 90 x 45 m.

4. Dous campos de fútbol de medidas reducidas cunha superficie de 50 x 30 m cada un.

Oitavo.

As instalacións exixibles para a especialidade deportiva de fútbol sala para a impartición das clases teórico-prácticas coas superficies mínimas que se detallan:

1. Aula teórica de 53 m e o seu número estará en función do grao de ocupación e do número de unidades que ao centro se lle autorice.

2. Sala deportiva polivalente de 120 m para a impartición dos contidos teórico-prácticos dos distintos módulos.

3. Un campo cuberto de fútbol-sala, cunha superficie de 40 x 20 m.

4. Dous campos de fútbol-sala, de medidas reducidas cunha superficie de 36x16 m cada un.

IV

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO